Un burato no corazón da tumba de Keops

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

A gran pirámide de Keops
A gran pirámide de Keops Florencia Lewis

O gran baleiro contén tan só aire, e puido ser pensado para que o peso non esmagase a galería principal

15 nov 2017 . Actualizado a las 08:54 h.

E a gran pirámide de Exipto, erguida para que o faraón Keops puidese descansar eternamente mentres a súa alma marchaba cos deuses, agochaba un segredo: no seu interior, ademais das cámaras e corredores coñecidos, hai un enorme burato do tamaño dun avión para dous centenares de pasaxeiros. Así o acaba de afirmar un grupo de científicos que publicaron o seu descubrimento na revista máis reputada do mundo, Nature.

Trinta e catro investigadores de primeira liña de Francia, Xapón e o propio Exipto uníronse nun proxecto denominado ScanPyramids. Tratábase de poñer os pés na terra e comprobar a veracidade das ducias ou centos de lendas que apuntan a que existen tesouros, corredores e cámaras secretas en todas as pirámides, pero moito máis nas tres principais de Giza, preto do Cairo, a maior das cales é a de Keops.

Comentábao en ton xocoso ante un xornalista da axencia France Press o codirector do proxecto, Mehdi Tayubi: «Hai numerosas teorías sobre a existencia de posibles cámaras secretas na pirámide. Se as xuntaramos todas, obteríamos un queixo de gruyère!». Pero logo máis en serio recoñecía que ningunha desas lendas predicía «a existencia de algo tan grande».

O caso é que, segundo o artigo publicado en Nature, ese burato -que os científicos chaman big void, o que se traduce por ‘gran baleiro’- mide polo menos 30 metros de longo e semella a chamada gran galería, que é a maior sala coñecida da pirámide. Dista uns 40 ou 50 metros da cámara da raíña, no mesmo centro do monumento. O que si se sabe con certeza é que está tal e como se construíu: ninguén o tocou dende entón. Todos os datos foron enviados a Xapón, país onde se confirmou o descubrimento. Francia fixo unha segunda comprobación cunha tecnoloxía totalmente distinta, e todo coincidiu.

Un pouco máis escéptico mostrouse o arqueólogo estadounidense Mark Lehner, tamén de ScanPyramids. Por suposto, confirma o achado, pero rebaixa as conxecturas de que pode ser outra cámara do tesouro: «Podería ser sinxelamente un espazo que os construtores deixaron para protexer o teito [moi angosto] da gran galería do peso da pirámide». Ou sexa, para non aumentar o número de toneladas que hai enriba dos compartimentos.

Del discrepa un dos líderes do equipo, Hany Helal, da Universidade do Cairo, quen manifestou que o burato «é demasiado grande para cumprir a función de aliviar a presión».

Pero a investigación non remata aí. Quedan por diante dous desafíos, un pequeno e outro enorme. O pequeno é saber para que servía de verdade ese big void. E o grande é desentrañar o gran misterio da pirámide: como foi erguida.

O país con máis pirámides

Entre os séculos 30 e 8 antes de Cristo sementáronse pirámides por todo Exipto: están inventariadas 118. Son, sen dúbida, as máis coñecidas e exploradas, pero hai outros enclaves que tamén poden presumir delas. Para empezar, México e Guatemala.

Non obstante, o país que máis pirámides acolle é un que non ten turismo, mísero, perigoso, fundamentalista islámico e en guerra. É Sudán, onde nin sequera se sabe cantas estruturas piramidais se ergueron. Pénsase que suman 255, por suposto de tamaños moi diversos e levantadas ao longo do río Nilo entre os anos 1070 e 350 antes de Cristo. É dicir, en xeral moi posteriores ás exipcias. As sudanesas son máis delgadas e pequenas (entre 6 e 30 metros de altura) e o seu tamaño depende dos anos de reinado do seu titular ou a súa muller principal.

Son obras do pobo nubio, a maioría daquelas preto do que foi Meroe, unha cidade rica cunha desenvolvida industria do ferro que se dedicaba ao comercio internacional: recibía, e mandaba, mercadores a India e China. Hoxe en día toda esa parte é arida, pero non sempre debeu de selo tanto, segundo sinala o arqueólogo Derek Weisby, un experto do Museo Británico de Londres: «Naqueles tempos había numerosos animais de gran tamaño, e moita xente dedicábase á caza e tamén á pesca», o cal quere dicir que había vexetación e abundante auga.

Pola súa banda, Bruce Williams, do Instituto Oriental da Universidade de Chicago, incide en que a comarca era moi coñecida polos depósitos de ouro, «e mesmo hoxe segue buscándose á maneira tradicional, cribando as augas». Williams é o autor do descubrimento dun enorme centro de procesamento do ouro e un cemiterio con 90 tumbas ao norte do Sudán e, por suposto, preto do Nilo.

Dinamita onte, minirrobot hoxe

Keops foi un faraón que reinou entre os anos 2509 e 2483 antes de Cristo. Para el foi construída a gran pirámide, que ten unha altura de 140 metros. As investigacións nela son varias veces centenarias, e xa a principios do século XIX un exiptólogo británico, Howard Vyse, intentou perforar a súa estrutura (e as doutras) polo radical método de meterlle dinamita. Funcionou, pero non é aceptable nestes tempos. Agora estase pensando en perforar a de Keops cun burato de tres centímetros e introducir por aí un minirrobot voador con cámara manexado, claro está, a distancia. Para iso estase á espera da autorización das autoridades exipcias. Que tanto pode chegar axiña como (o máis probable) tardar meses ou anos.

RAIOS CÓSMICOS PARA FURAR A PIRÁMIDE

O «big void» foi descuberto grazas a uns raios cósmicos, afirmación tan certa como sorprendente. A cousa é que existen unhas partículas chamadas muóns. Eses muóns, cando cruzan unha estrutura e son seguidos por ordenadores, van xerando un debuxo con tonalidades diferentes segundo haxa materiais ou nada: desvíanse se cruzan algo e teñen unha traxectoria distinta cando pasan polo aire. É dicir, un pouco como, noutra dimensión, os raios X cando fan unha radiografía. Os muóns actívanse cando partículas subatómicas procedentes do espazo exterior entran en contacto coa atmosfera da Terra.

actividades

  • Localizar nun mapa os países e cidades citados. Ou, por suposto, en Google Earth.
  • En Google vese moi claramente a gran diferenza entre as pirámides de Exipto, de México, de Guatemala e de Sudán.
  • ¿E como se construían? Mira esta ligazón: curiosidades.com/construccion-piramides-egipto
  • Escribe en Google «pirámides interior» e verás que hai dentro delas.
  • Howard Vyse foi un tipo moi peculiar que se fixo moi popular por levar dinamita por Exipto adiante. Ten entrada na Wikipedia, pero en inglés.