Christiaan Tonnis

Ímonos seguir ocupando este curso de grandes escritores europeos e americanos que levaron a literatura a niveis de gran calidade. Nin a poesía nin, sobre todo, a novela actuais serían as mesmas sen a achega literaria de cada un deles. Deste xeito, queremos render unha modesta homenaxe escolar á súa memoria e axudar a que sexan un pouco mellor coñecidosvIRGINIA NON FOI Á ESCOLA, PERO TIVO TEMPO PARA LER GRAN PARTE DA BIBLIOTECA FAMILIAR

18 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Virginia Woolf (o seu apelido verdadeiro era Stephen) naceu en Londres en 1882 e morreu en 1941, con 59 anos, arroxándose o 28 de marzo ao río Ouse, en Sussex (Inglaterra): enchera os petos do abrigo con pedras para que o seu corpo se afundise baixo a auga. O cadáver non aparecería ata o 18 de abril, día en que o atoparon uns nenos que xogaban na beira do río.

Virginia pertencía a unha familia rica, cun pai, Leslie Stephen, moi recoñecido como historiador e editor, que casou dúas veces e reuniu baixo o teito dunha elegante mansión londiniense no barrio de Kensington a oito fillos: unha filla do seu primeiro matrimonio, tres que achegou a súa segunda muller do anterior matrimonio e catro que tiveron xuntos: a esta saga pertence Virginia. Unha familia singular, cuxos fillos se criaron un pouco ao seu aire, sobre todo despois da morte prematura da nai de Virginia e do seu pai. Irmáns e medio irmáns case se disputaban o ser máis estrafalarios que os outros, aínda que case todos estaban moi dotados intelectualmente e cunha alta sensibilidade artística. Talvez quen levaba a palma nesta casa excéntrica era Virginia, que tivo desde pequena unha vida singular: ela e a súa irmá non acudiron a escolas nin colexios, e foron ensinadas en casa polo seu pai e por profesores particulares. Tiveron tempo para ler gran parte da enorme biblioteca familiar e foron mulleres moi cultas: Vanessa, unha importante pintora postimpresionista, e Virginia, unha gran escritora.

O primeiro que fixeron foi cambiar de domicilio. Trasladáronse ao barrio londiniense de Bloomsbury, e a súa cas fíxose famosa deseguido porque nela celebraban faladoiros os xoves pola noite os irmáns cos seus amigos, que rivalizaban en modernidade e en frivolidade. E alí, no número 46 de Gordon Square, que hoxe se conserva como atracción turística, discutíase de psicanálise, de teoría cuántica, da nova economía e de Cézanne, Gauguin, Van Gogh e Picasso, pero non faltaban nin as festas nin o alcol. Por esa casa pasaron filósofos como Bertrand Russell, o economista John Keynes, o escritor Gerald Brenan, pintores como Dora Carrington, críticos, escultores… Unha galería de personaxes que máis tarde irán aparecendo nas novelas de Virginia, á que moitos deles deben a súa celebridade.

TRAUMAS

Nesta época é cando Virginia sofre os abusos deshonestos do seu medio irmán George, o que vai provocar na moza un trauma psicolóxico. No seu texto autobiográfico A Sketch of the Past, a propia Virginia Woolf só aludiu a estas desgraciadas experiencias de forma velada, de acordo coa ríxida moral da época. De todos os xeitos, as súas depresións empezaran antes, coa morte da súa nai, cando ela tiña 13 anos, e volverían repetirse dous anos despois, cando a súa medio irmá Stella, quen tomara as rendas da casa, casou e morreu na súa lúa de mel. Ao longo da súa vida, a escritora viuse acosada por períodos depresivos, cambios repentinos de humor e enfermidades asociadas, pero a súa produtividade literaria non se resentiu por iso.

O PROBLEMA DE SER MULLER

Virginia deuse conta pronto de que non ía ter as mesmas oportunidades cos homes. Ela, como pasaba con todas as mulleres de entón, non puido asistir á Universidade. As súas frecuentes xaquecas, crises nerviosas e depresións, provocadas pola súa mente bipolar, complicáronlle a vida, tanto física como psicoloxicamente. Pero o seu talento e a súa formación, adquirida a través da lectura, permitíronlle empezar a escribir e tratar de dar orde á súa vida: fíxose sufraxista (loitou polo dereito das mulleres a votar), deu charlas nun círculo obreiro sendo unha señorita de alta sociedade, vestiu pantalóns de home, fumou en público, viviu unha relación sentimental coa poeta Vita Sackville-West, esposa dun lord, estando ela tamén casada. A ela dedicoulle Virginia a súa obra Orlando, unha biografía, que o fillo de Vita considerou «a carta de amor máis longa e encantadora na historia da literatura». E todo iso xa non era un xogo para Virginia, como os da casa de Bloomsbury, senón un xeito de romper os grillóns das convencións sociais que a convertería nunha abandeirada do feminismo.

 En 1912, con 30 anos, casou co escritor Leonard Woolf, un membro do grupo de Bloomsbury.

En contra do que puidese parecer, a parella compartiu lazos moi sólidos. El mostrouse sempre paciente e tolerante, pola admiración que sentía polo seu talento literario. Chegou a fundar unha imprenta, a Hogarth Press, para editar a man os libros de Virginia xunto cos de T. S. Eliot e Sigmund Freud. E nas fotografías aparece ao seu lado resignado, riseiro, mostrando a súa admiración por ela. Pero non foi suficiente: a mente descompensada da escritora, os seus constantes achaques de saúde e a súa mentalidade adiantada fixeron que aos poucos a súa vida deixase de interesarlle. Xa intentara suicidarse cando era moza con barbitúricos, pero lograrao aos 59 anos. Deixou ao seu marido unha carta reveladora e sorprendente:

«Sento que vou tolear de novo. Creo que non podemos pasar outra vez por unha desas épocas terribles. E non podo recuperarme esta vez. Comezo a oír voces, e non podo concentrarme. Así que fago o que me parece o mellor que podo facer. Ti déchesme a máxima felicidade posible. Fuches en todos os sentidos todo o que calquera podería ser. Creo que dúas persoas non poden ser máis felices, ata que veu esta terrible enfermidade. Non podo loitar máis. Sei que estou arruinando a túa vida, que sen min ti poderás traballar. Faralo, seino. Xa ves que non podo nin sequera escribir isto adecuadamente. Non podo ler. O que quero dicir é que debo toda a felicidade da miña vida a ti. Fuches totalmente paciente comigo e incriblemente bo. Quero dicilo. Todo o mundo o sabe. Se alguén podía salvarme terías sido ti. Todo o perdín excepto a certeza da túa bondade. Non podo seguir arruinando a túa vida durante máis tempo. Non creo que dúas persoas puidesen ser máis felices que o que fomos ti e eu. Virginia».

O seu esposo enterrou os seus restos incinerados baixo unha árbore en Rodmell, Sussex.

A súa obra renovadora

É, basicamente, novelista, pero tamén fixo incursións noutros xéneros literarios. Por exemplo, escribiu varios ensaios sobre a condición feminina, nos que reivindicou o papel da muller na vida social e artística. Foi tamén crítica literaria, así como autora de dúas biografías e dun bo número de colaboracións xornalísticas. E unha xenerosa escritora de cartas.

Como novelista, pódese considerar unha renovadora. Distínguese dos seus contemporáneos precisamente por tratar de achar un camiño novo para a novela, apartándose do realismo imperante e desmitificando o valor da trama argumental, así como a detallada descrición dos personaxes. Ela adiántase a James Joyce á hora de ensaiar co monólogo interior, que é unha forma de converter o tempo nun fluído de conciencia, un xeito de regurxitar o pensamento, algo así como fan os ruminantes coa comida. A pesar do seu carácter renovador, as súas obras foron moi ben recibidas polo público e gozou de moito éxito entre lectores e críticos.

  • «Fin de Viaxe» (1915). É a súa primeira novela, escrita nunha época especialmente tortuosa da súa vida. Nela, que tardou en escribir seis anos, está anunciada a que será a vida da autora. Reflíctense as súas preocupacións de adolescencia e mocidade: as relacións entre homes e mulleres novos, a ignorancia sexual e a súa curiosidade pola homosexualidade. A novela, por outra banda, xa experimenta novos xeitos de contar e de abordar o tratamento do argumento e dos personaxes.
  •  «A señora Dalloway» (1925). É a cuarta novela de Virginia Woolf, que aborda como un exercicio de vangarda literaria. A medida que avanza o relato, unha serie de túneles internos lévannos dun tempo a outro, utilizando como recurso o monólogo interior. Así nos vai contando de xeito coral as vivencias dunha serie de personaxes ao longo dun día de xuño no Londres de entre guerras. A historia vira arredor da figura de Clarissa Dalloway, personaxe que aparecera xa en Fin de viaxe, e vén ser un duro ataque contra a sociedade vitoriana, chea de prexuízos e de falsas aparencias, así como contra o papel de anxo protector do fogar ao que se reduciu o lugar da muller naquela sociedade.
  •  «Ao faro» (1927). Aquí a escritora volve pór en dúbida a institución familiar vitoriana e o seu discurso patriarcal. A obra vira arredor dunha escena costumista trivial, unha xornada de praia da modélica familia Ramsay. Unha historia de violencia no seo da institución familiar que Woolf crea recorrendo aos recordos da súa propia infancia e dos longos veráns pasados en Cornualles. Recrea situacións da súa infancia e céntrase minuciosamente na personalidade do seu pai.
  •  «Orlando: unha biografía» (1928). A novela pertence ao xénero fantástico, pero tratando de aludir á realidade do momento, o que a converte nunha dura crítica dos modelos sociais e literarios do momento, pois por unha banda aborda temas que eran tabús na época vitoriana e por outra ignora o modelo de biografía tradicional. A obra conta a fantástica historia do novo e andróxino Orlando a través dos seus tres séculos de vida. A pesar de ter pasado case 90 anos desde a súa publicación, Orlando segue posuíndo o mesmo poder de atracción. Foi levada ao cine en 1993 da man de Tacha Swinton.
  •  «Un cuarto propio» (1929). Sobre a situación da muller, e especialmente das mulleres que desexan dedicarse á escritura, vira este ensaio de carácter feminista no que Woolf escribe a súa famosa frase: «Unha muller debe ter diñeiro e un cuarto propio para poder escribir novelas». A reivindicación da autonomía económica da muller como antesala da súa completa liberdade creadora, independente da figura do home, era especialmente delicada de defender na época. A sentenza arredor da que vira o ensaio partía das reflexións e vivencias da propia Virginia. Será a morte da súa tía Caroline Amelia Stephen, e a herdanza dunha renda anual de 300 libras, o que lle dea a independencia económica necesaria para o seu labor como escritora.
  •  «As ondas» (1931). Supón un dos seus maiores experimentos literarios. Facendo uso dunha estrutura espazo-temporal fragmentada, a obra desenvólvese mediante o continuo ganduxado de monólogos interiores dos seus seis protagonistas. Para a construción dos personaxes, Woolf sérvese das características de amigos e persoas pertencentes ao seu círculo máis próximo, e plasma as súas propias inseguridades e debilidades no personaxe da tímida, retraída e cohibida Rhoda. Existe un sétimo personaxe, con presenza, pero non voz. Percival, un mozo apolíneo que se dá a coñecer a través das reflexións e observacións dos outros seis personaxes, e do que se serve a autora para resucitar o recordo do seu desaparecido irmán Thoby.
  •  «Os anos» (1937). Foi unha das novelas que máis éxito acadou en vida da autora. Nela volve centrar a trama no núcleo dunha tradicional familia burguesa de finais da época vitoriana, os Pargiter, para narrar os diferentes conflitos políticos, económicos e sociais que atravesan ao longo dos anos, desde 1880, ata os anos trinta.
  •  «Tres guineas» (1938). É un duro manifesto feminista, antibelicista e antifascista, co que Woolf intenta desmontar as políticas patriarcais que orixinaron a Gran Guerra do 14. Volve sobre a discriminación da muller e a súa falta de poder e influencia pola carencia de oportunidades.
  •  «Entre actos» (1941). Nesta novela recompila moitos dos temas que lle preocuparon ao longo da súa vida, como a súa aversión á guerra, as diferenzas xeracionais, sexuais e de clase, ou as barreiras e dificultades de comunicación existentes incluso entre persoas que se entenden, comprenden e aman. A historia desenvólvese nunha pequena vila de campo cuxos habitantes se atopan ocupados na organización dunha función durante os días previos ao comezo da Segunda Guerra Mundial. A escritora suicidouse, imitando a tráxica e bela morte da Ofelia shakesperiana, uns meses antes de que se publicase esta novela.
  •