World Biotech Tour: cando a biotecnoloxía se converteu nunha festa

Patricia Barciela

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha das actividades do World Biotech Tour consistiu no deseño dun grafiti
Unha das actividades do World Biotech Tour consistiu no deseño dun grafiti DOMUS

O festival, celebrado o 30 de setembro na Domus, levou múltiples actividades científicas a todos os públicos

11 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

World Biotech Tour, unha iniciativa da ASTC (Asociación de Centros de Ciencia e Tecnoloxía) e a Fundación Biogen, é un proxecto a escala mundial que ten como obxectivo divulgar temas relacionados coa biotecnoloxía en museos e centros de ciencia. A Domus dos Museos Científicos Coruñeses foi elixida para participar neste programa xunto co Museo Copernicus, de Varsovia, o Heureka, de Finlandia, o Museu da Vida, de Río de Janeiro, e o Sci-Bono Discovery Centre de Xohanesburgo.

 

POR QUE A BIOTECNOLOXÍA?

Pois porque resolve problemas en moitos ámbitos da vida, como os da saúde, a medicina, a nutrición ou a enerxía. E é por iso polo que necesitamos futuros biotecnólogos, para poder continuar innovando neste campo que influirá na vida de millóns de persoas de todo o mundo, así como na saúde do o noso planeta.

Entre as moitas propostas do World Biotech Tour, destaca o festival biotecnolóxico que tivo lugar na Domus o pasado 30 de setembro. Nunha xornada de portas abertas, invitou os seus visitantes a participar en diversas actividades deseñadas para cada tipo de público asistente. O Lab in a Box foi unha delas, un espazo no que experimentar en primeira persoa coa biotecnoloxía. En Coñece a un Científico, investigadores do CICA e a UDC e empresas de biotecnoloxía como Centauri Biotech e Glecex, comunicaron, coa súa paixón pola ciencia, as súas investigacións actuais, ademais de compartir cos visitantes sorprendentes experiencias relacionadas cos seus proxectos.

Tamén houbo espazo para a arte no Graffitti-Biotec, unha experiencia de encontro entre o mundo científico e o artístico onde os máis novos crearon un mural co nome do festival. A caza do tesouro biotecnolóxico foi outra das propostas, unha xincana na que descubrir pistas ocultas no museo para resolver un enigma. Nun amigable café científico, biotecnológos, xornalistas e educadores charlaron co público sobre o presente e o futuro deste campo. E a biotecnoloxía converteuse en ciencia espectáculo, coas súas boas doses de humor, cine ou experimentos. Todo iso fixo do World Biotech Tour unha experiencia culturalmente única.

 Programa de novos embaixadores

Uno dos grandes obxectivos do proxecto é fomentar a colaboración global. Por iso, cada museo de ciencia reuniu a un grupo de mozos de 16 e 17 anos para desenvolver e presentar un tema de biotecnoloxía da súa elección. Son os embaixadores do World Biotech Tour. Ao longo dun ano, estes mozos visitaron universidades, centros de investigación e empresas de biotecnoloxía galegas para preparar os seus proxectos. Presentáronos os seus compañeiros embaixadores de Finlandia, Brasil, Sudáfrica e Polonia o Día da Ciencia na Rúa. Finalmente, explicaron os seus traballos a un xurado e, nunha cerimonia final na Domus, recibiron o recoñecemento á súa capacidade de comunicación, o seu compromiso e a súa paixón pola ciencia.

Como premio, todos eles asistirán á final do concurso Ciencia en Acción, que terá lugar en Ermua este mes de outubro. E un deles foi designado para representar ao museo no Cume Mundial de Centros e Museos de Ciencia en Toquio, Xapón. A culminación será un proxecto de tres anos. Estes embaixadores presentarán o seu traballo de biotecnoloxía e debaterán a súa experiencia no World Biotech Tour con persoas destacadas do mundo dos museos.

Estes son os embaixadores do World Biotech Tour na Domus:

  • Ana Areoso
  • Silvia Bello
  • Rebeca Carreira
  • Diego Dozo
  • Rodrigo Fernández
  • Rocío Fernández
  • Nerea García
  • Tanis Gemperle
  • Gloria Guindos
  • Rebeca Pena
  • Andrea Vázquez
  • Sergio Vilariño
  • Noa Viñas

Rebeca Pena foi designada embaixadora representante no Cume Mundial de Centros e Museos de Ciencia en Toquio do próximo mes de novembro.

Os centros que participaron como mentores escolares dos embaixadores no World Biotech Tour son o IES Agra do Orzán (A Coruña), IES de Pastoriza (Arteixo), IES David Buján (Cambre), IES As Telleiras (Narón) e CPI Os Dices (Rois).

As entidades que participaron como mentores científicos son o CICA, o Cimus, a UDC, Clínica Arriaza, Hospital HM-Modelo, Centauri Biotech, Nanogap, Nasasbiotech e Qubiotech.

Comprometidos coa ciencia

A Asociación de Centros de Ciencia e Tecnoloxía (ASTC) é a organización mundial de centros e museos de ciencia, con máis de 650 membros en todo o mundo. Presta servizo aos seus membros mellorando a súa capacidade de proporcionar ao público unha aprendizaxe práctica da ciencia, buscando novas formas de involucralo coa tarefa científica e así crear un ambiente favorable para a investigación e o progreso económico.

  • www.astc.org

A Fundación Biogen ten como misión mellorar a calidade de vida das persoas e contribuír á vitalidade das comunidades nas que actúa. Está comprometida coa paixón pola ciencia e o descubrimento, apoiando iniciativas innovadoras de STEM e fortalecendo calquera esforzo para que a ciencia sexa accesible a toda a sociedade.

  • Máis información: http://www.worldbiotechtour.org/home