Tamén a biodiversidade agrícola está en crise

As autoridades alimentarias sinalan que tres cuartas partes da poboación mundial basean a súa alimentación en tan só doce tipos de cultivo e cinco especies animais

.Agricultores da Amazonia ecuatoriana colleitan os froitos do cacao para o seu procesado
Agricultores da Amazonia ecuatoriana colleitan os froitos do cacao para o seu procesado

Gústache o chocolate? A historia do cultivo do cacao pérdese na noite dos tempos. Os arqueólogos afánanse en aclarar se comezou a ser consumido hai 4.000 ou 5.500 anos. No que si coinciden é en que todo empezou na conca alta do Amazonas, nalgún lugar entre Perú e Ecuador. Logo foron os maias, primeiro, e despois os aztecas quen depuraron a técnica de destilado do xocolatl, unha bebida aromática de enorme valor enerxético. Foi tal a importancia que alcanzou esta planta, que Hernán Cortés chegou a pagar aos seus soldados españois con sementes de cacao, en lugar de con moedas. A Europa tardou en chegar. Ao principio só o consumía aquí a aristocracia. O cacao soluble e as libras de chocolate con leite que hoxe nos resultan tan familiares inventáronse hai menos de dous séculos.

O café ten outra orixe: África. Suponse que foi cultivado por vez primeira no que hoxe é Etiopía, pero tampouco está do todo claro. Si que desde alí, ou desde calquera zona próxima, pasou a Exipto e Iemen, para despois popularizarse por todo o mundo, sobre todo a partir do século XVI.

Todo o mundo o sabe: tamén a pataca chegou de América, o mesmo que tantos outros alimentos, como o millo, o tomate ou as xudías, por exemplo. ¿Cantos tipos de verduras, hortalizas ou cereais consumes ti? Bota unha conta rápida. Suma aos anteriores arroz, trigo, mazá, fresa, aceite... Probablemente non sexan demasiados. De feito, as autoridades alimentarias mundiais sinalan que nada menos que tres cuartas partes da poboación mundial basean a súa alimentación en tan só 12 tipos de cultivo e cinco especies animais. E, en particular, das súas variedades locais. E esas variedades están agora en crise. Igual que aqueles cultivos menos xeneralizados pero fundamentais nalgunhas rexións do mundo.

TOMAR CONSCIENCIA

Algúns deles, como a quinoa de Os Andes ou a chía de América Central, dos que só recentemente estamos a coñecer o seu alto valor nutritivo, parecen salvados grazas ao seu consumo cada vez máis común en máis países. Outros seica se estean perdendo aos poucos, do mesmo xeito que lles ocorre a tantas especies de plantas e animais silvestres fundamentais para manter o equilibrio da vida a nivel tanto local como global.

O caso máis extremo é o dos polinizadores, aquelas especies de insectos, como as abellas, cuxo voo de flor en flor na primavera é fundamental para manter tanto a vexetación natural como moitos cultivos. Os expertos alertan cada vez máis do que chaman o fenómeno parabrisas: o número de insectos voadores que se estrelan contra os parabrisas dos automóbiles descende cada ano en cada vez máis lugares, a causa do abuso de pesticidas, da destrución dos hábitats e do cambio climático. Este declive das súas poboacións corrobórano cada vez máis estudos, e é xa motivo de alarma mundial. ¿Quen vai facer o traballo destes pequenos animais? ¿En que grao se reducirán as colleitas por este motivo?

Volvamos ao cacao. Resulta que o 70 % do chocolate que consumimos habitualmente provén hoxe de dous países, Ghana e Costa do Marfil. E que unha subida de dous graos na temperatura media desa zona bastará para secar esas árbores. E que esa posibilidade é absolutamente real. ¿Imaxinas un mundo sen chocolate? ¿Ou sen fresas, ou sen tomates, debido a que apenas haberá insectos que os polinicen? ¿Ou sen café? Si, tamén sen café. Só en Tanzania, un dos principais produtores mundiais, estímase que desde hai 50 anos a produción caeu ata un 50%, a causa do exceso de calor nas zonas altas onde se cultiva. En canto á pataca, é moi probable que o 22% das variedades naturais se extingan dentro de 40 anos.

¿Que facer? Para empezar, ser como sociedade conscientes do problema. E das súas causas. E non só os produtores e os científicos, senón tamén nós, os consumidores. E propornos recuperar as variedades locais e rexionais de tantos e tantos produtos do campo, froito de moitos séculos de experiencia de quen nos precederon.

A variedade agrícola en Galicia

Galicia cultivou ao longo dos tempos unha notable variedade de produtos do campo. Moitos máis dos que a maioría das persoas imaxinan. Algúns son moi coñecidos, como os grelos, as fabas de Lourenzá, os diversos tipos de pementos e mazás... Outros, non tanto.

Todos eles forman parte non só da nosa tradición, senón tamén do patrimonio cultural mundial. O mesmo que infinidade de producións agrícolas de tantas e tantas rexións do planeta. Quedarnos sen eles, e sen o coñecemento que precisa o seu cultivo, sería unha perda enorme.

¿Sabías, por exemplo, que na nosa terra cultivamos ata 17 variedades autóctonas de tomates? Podes coñecelas a través desta guía da Xunta de Galicia:

  • http://bit.ly/2xNajOh

Érase unha vez en China...

Esta historia é real, aínda que pareza ciencia ficción. Sucedeu na rexión chinesa de Sichuan. O abuso de pesticidas erradicou aos polinizadores. A zona quedou así sen abellas que se encargasen cada ano de transportar de flor en flor o pole de miles de maceiras e pereiras. Estes cultivos eran a base da economía da zona, e á vez un alimento fundamental en moitos fogares do país. Só había unha solución: que fosen humanos quen se encargasen dese labor que antes facían gratis os insectos. Houbo que contratar a todo un exército de traballadores para que, escaleiras e pinceis de plumas de pito en man, fosen de rama en rama buscando flores.

Buscade en clase, en Internet, fotografías e noticias relacionadas con esta historia. Logo exponde un debate acerca de que sucedería se algo así sucedese en moitas outras rexións do planeta.

Un alarmante informe de Biodiversity International

Aínda que está en inglés, este informe da organización Biodiversity International acerca da crise da biodiversidade alimentaria é de enorme importancia para comprender a amplitude do problema:

Cada un dos seus capítulos comeza cun breve resumo. ¿Animádesvos a traducilo por equipos en clase de inglés?

  • https://www.bioversityinternational.org/fileadmin/user_upload/Mainstreaming_Summary_2017.pdf

xplora a riqueza da túa contorna

Un proxecto moi interesante para a clase sería elaborar un estudo das variedades de diferentes produtos da terra na vosa comarca. E xunto con cada un, información de onde se dan mellor, en que datas se sementan e cultivan, se antes había máis produción que agora, etcétera.

Seguro que as persoas de máis idade teñen moitísimo que achegar. Xa de paso, podedes preguntarlles como era antes o campo: ¿había máis ou menos pastos, sebes, bosques, brañas...? ¿E máis ou menos paxaros, bolboretas, grilos...?

Votación
1 votos
Comentarios

Tamén a biodiversidade agrícola está en crise