A reprodución no fondo mariño

Paco Franco del Amo

LA VOZ DE LA ESCUELA

Peixe pallaso
Peixe pallaso xxxx

¿Como atopar parella na inmensidade do océano? Acudir a unha quedada parece a opción máis obvia. Para algúns privilexiados, utilizar os seus superpoderes é unha garantía de éxito. Tamén se pode recorrer a chamar a atención das femias construíndo sofisticados niños. E, se todo falla, sempre queda o recurso de volver ao pobo en busca dos amores de mocidade. A vida sexual dos animais mariños é moi diversa. A fin de contas, se resulta ser certo que a vida se orixinou no mar, foron eles quen inventaron a reprodución sexual. 

14 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambios de sexo

Nos peixes pallaso (anfipriónidos) son as femias as que asumen o control. Os grupos familiares están formados por unha femia dominante, un macho subordinado e varios machos xuvenís. Cando a femia dominante morre ou desaparece, o macho subordinado cambia de sexo e asume o papel dominante.

Existen moitos peixes hermafroditas que teñen órganos sexuais femininos e masculinos e son capaces de producir tantos óvulos como espermatozoides. Nalgunhas familias, un peixe pode nacer macho para logo transformarse en femia nun momento dado da súa vida, ou viceversa. Noutras, un mesmo exemplar pode ser macho e femia á vez (hermafroditismo simultáneo). Moitos lábridos, como as xulias ou doncelas da costa galega, son hermafroditas secuenciais, que nacen sendo femias para logo transformarse en machos. O macho controla un harén de femias. Cando morre, a femia de máis idade transfórmase en macho e ocupa o seu posto. Estes cambios de sexo son posibles porque, nos peixes, o sexo non está determinado polos cromosomas, como nos seres humanos, senón polas hormonas. Cando un peixe pasa de femia a macho, comeza a producir hormonas masculinas, que provocan que os seus ovarios se transformen en tecido produtor de esperma.

Niños e cortexo 

Os machos dos peixes damisela constrúen un niño de algas e coral ao que invitan ás femias. Algúns machos máis pequenos aprovéitanse dos niños doutros e entran neles ás furtadelas para fertilizar os ovos que puxera a femia invitada polo outro macho.

En grupo

Moitos animais mariños de vida solitaria reúnense en grandes grupos para reproducirse. Nas primeiras lúas cheas do inverno, e tan só durante dous ou tres días ao ano, os meros de Nassau (Epinephelus striatus), que adoitan vivir illados os uns dos outros, reúnense por miles e viaxan xuntos centenares de quilómetros para concentrase e reproducirse nun lugar concreto, que adoita ser un promontorio con fortes correntes.

 Os corais, anemones e esponxas son animais para os que, por vivir suxeitos ás rocas, resultaría difícil ou imposible atopar parella. Réxense polas fases da lúa para saber cando deben desovar todos xuntos. Non son capaces de detectar as fases, pero os exemplares que non desovan a tempo non se reproducen e morren. Os ourizos e estrelas de mar tamén desovan en grandes grupos. É o mellor modo de asegurar que a maior parte dos ovos e do esperma sobreviven aos depredadores.

Elixir de amor

As lesmas de mar liberan na auga cócteles de proteínas que funcionan como sinais químicos para guiar ás parellas potenciais. Son hermafroditas e durante a cópula dous individuos intercámbianse paquetes de esperma. Viven soas, pero reúnense por centos para reproducirse.

Os copépodos, que son diminutos crustáceos parentes afastados dos cangrexos, tamén recorren á química para ligar. Concéntranse naqueles sitios do océano nos que os sinais que deixan as femias (cheiros ou pegadas na auga) permanecen durante máis tempo. Estes lugares están situados entre capas de auga de diferente salinidade, temperatura ou velocidade.

Regreso ao pobo

Moitas especies mariñas regresan ao lugar en que naceron para reproducirse. Os salmóns regresan ao río que lles viu nacer. Os elefantes mariños do norte (Mirounga angustirostris) volven cada ano á súa praia natal. Tamén as femias de quenlla limón (Carcharhinus acronotus) regresan ás lagoas dos arrecifes de coral nas que nadaron por primeira vez.

En ocasións, as distancias entre os lugares de alimentación e os de reprodución son enormes. É o caso das tartarugas verdes (Chelonia midas), que teñen que cruzar concas oceánicas enteiras para poder chegar ás praias onde pon os ovos. Para conseguir chegar á súa praia, as tartarugas utilizan a orientación magnética e o sentido do olfacto.

 Superpoderes

Grazas á gran sensibilidade do seu sistema de detección electromagnética, os machos de raia son capaces de localizar ás femias escondidas baixo a area. As quenllas tamén utilizan o electromagnetismo para detectar a súa parella a grandes distancias. Por certo, entre as quenllas existe unha gran variedade de métodos de reprodución. Existen especies que paren as crías (algunhas incluso teñen unha especie de placenta) e outras que pon ovos. Os períodos de xestación varían entre os tres meses e os tres anos.

Nalgunhas especies de quenllas e raias, os machos utilizan dúas modificacións das aletas pelvianas, chamadas claspers para dirixir o esperma ao interior da femia. Non os utilizan para suxeitala, como se cría. Durante a época de reprodución, os machos loitan durante horas para someter a femia, que ten a pel máis grosa e é de maior tamaño que eles. Durante a cópula suxéitana mordéndoa nas aletas.

Xuntos até a morte

Posto que só se pescaban femias, durante moito tempo creuse que os peixes sapo abisais eran hermafroditas. Logo descubriuse que o que sucedía en realidade era que o macho, de tamaño diminuto, adhírese á femia nunha zona próxima á súa abertura xenital e fusiónase con ela para sempre. É un modo de asegurar o emparellamento nun medio en que os encontros entre individuos son moi ocasionais.

Os machos nacen sendo individuos independentes, pero logo o seu sistema dixestivo vaise atrofiando progresivamente, polo que necesitan ás femias para sobrevivir. Para atopar parella guíanse polas feromonas femininas. Unha vez que o macho se adhire á femia, segrega encimas que dixiren a pel e os seus vasos sanguíneos conéctanse aos dela. Ao cabo do tempo, do macho só quedan as gónadas, que producen seme en resposta á secreción de hormonas femininas.

Control de natalidade

As femias de xiba almacenan o paquete de esperma dos machos nunha bolsa especial situada baixo a boca. Gárdano ata que están preparadas para fertilizar os ovos. Entón, introducen un brazo no seu corpo para tirar dos fíos de ovos e fregalos sobre o esperma. Finalmente, colocan os fíos de ovos fertilizados sobre o fondo oceánico.

Nos polbos, luras e nautilus, o control da natalidade é moito menos estrito. Durante a época de reprodución os machos desenvolven un brazo modificado que utilizan para acariñar a femia e introducir no seu corpo paquetes de esperma a través do sifón. Logo, os paquetes absorben auga ata estalar, regando con esperma os ovos da femia.

Cambio de rol

As femias dos cabaliños de mar depositan os ovos na bolsa abdominal dos machos, que os fertilizan e incuban durante varias semanas. Unha vez finalizado o desenvolvemento, o macho expulsa aos pequenos cabaliños de mar completamente desenvolvidos mediante contraccións da bolsa. O fenómeno do coidado paterno das crías non se limita aos signátidos, que é a familia á que pertencen os cabaliños de mar. Na familia dos peixes cardeal (apogónidos) tamén son os machos os encargados desa tarefa. Fertilizan os ovos no exterior, pero logo os incuban na súa boca durante varios días.

Nos peixes pipa, que son da mesma familia que os cabaliños de mar, o intercambio de roles vai aínda máis aló: son as femias as que compiten e loitan entre elas para conseguir aparearse cos mellores machos.

Cuestión de estratexia

Entre os peixes existen diferentes estratexias de apareamento. Algunhas especies son monógamas, é dicir, un macho aparéase exclusivamente cunha femia, mentres que outras son polígamas. Entre as especies polígamas danse diferentes graos de promiscuidade. Existen especies nas que un macho se aparea cun harén de femias, outras nas que unha femia se aparea cun grupo de machos e outras en que varios machos se aparean indiscriminadamente con varias femias.

Tamén existen especies de peixes que se reproducen mediante un mecanismo moi complexo e pouco frecuente chamado hibridoxénese. As femias destes peixes producen óvulos aos que eliminaron os xenes do pai. Logo xúntanos con espermatozoides que obteñen de machos doutra especie. Os embrións resultantes son híbridos con dous xenomas diferentes, algo realmente excepcional. Así se reproduce o calandino (Squalius alburnoides), un peixe que só vive nos ríos do sur da península ibérica.

 Nacementos virxinais

Moitos animais, como o dragón de Komodo ou o pito doméstico, poden reproducirse ocasionalmente sen a intervención dun macho. As femias conségueno engadindo aos seus ovos un conxunto extra de cromosomas, de modo que producen clons de si mesmas.

Ata agora se cría que os clons nados por partenoxénese, así se chama este sistema de reprodución, eran estériles, pero recentemente descubriuse que o melgacho rabilongo de manchas brancas (Chiloscyllium plagiosum), coñecido en inglés como bamboo shark (quenlla bambú), é capaz de reproducirse por partenoxénese, dando orixe a individuos que tamén son capaces de ter descendencia utilizando este sistema.

PARA OS MÁIS CURIOSOS

Por se queredes seguir esculcando na vida sexual dos animais mariños, déixovos dúas referencias cuxa lectura recomendo:

  • O artigo «Sex and the Sea», escrito por Steve Ireland e Michelle Dyer, publicado en xuño do 2008 na revista australiana «Western Fischeries».
  • O libro «Sex in the Sea», escrito por Marah J. Hardt, publicado en febreiro do 2016 pola editorial St. Martin’s Griffin.