As noticias do curso que marcha

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

O descubrimento do sistema Trappist-1, con tres planetas que poderían albergar vida, é unha das boas noticias dos últimos meses
O descubrimento do sistema Trappist-1, con tres planetas que poderían albergar vida, é unha das boas noticias dos últimos meses NASA

Un breve repaso a algúns acontecementos que foron noticia nas páxinas nacionais e internacionais da prensa

14 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para acabar o curso académico propoño que fagamos un repaso dos principais acontecementos que ocorreron durante el. Ao longo dos días sucédense feitos e noticias que nos preocupan porque supoñen graves perigos, ameazas ou desgrazas; outras veces son boas novas que nos dan alegrías e esperanzas. Sempre ocorre algo e, con moita frecuencia, o que ocorre ten consecuencias na nosa vida persoal. Vexamos o que sucedeu nestes últimos meses, antes de que chegue o tempo de lecer e de goce das longas vacacións de verán.

Para axudar á memoria imos proceder por meses e propómosvos en cada un deles as noticias que nos pareceron máis relevantes. Esta é unha selección subxectiva, probablemente moi mellorable. Vós mesmos podedes completala e enriquecela con achegas propias.

 

SETEMBRO

Celebráronse eleccións autonómicas en Galicia e no País Vasco o día 25.

O 26 asináronse os acordos de paz entre o Goberno de Colombia e a guerrilla das FARC na cidade de Cartaxena.

 

 

OUTUBRO

O día 1 produciuse unha grave crise no PSOE que propiciou a dimisión de Pedro Sánchez, o seu secretario xeral.

Bob Dylan obtivo o Premio Nobel de Literatura.

Mariano Rajoy foi elixido presidente do Goberno de España grazas á abstención do PSOE, despois de dúas eleccións xerais e dez meses de Gobernos interinos.

 

 

NOVEMBRO

Donald Trump gaña inesperadamente as eleccións presidenciais en Estados Unidos.

En Marraquech celebrouse un novo cume sobre o cambio climático do 7 ao 18.

Fidel Castro morre o día 25.

Estrélase un avión en Colombia e falece case todo o persoal do equipo de fútbol Chapecoense, de Brasil, que viaxaba a Medellín para xogar a final da Copa Suramericana 2016.

 

 

DECEMBRO

A festa das Fallas valencianas foi elixida pola Unesco patrimonio cultural inmaterial da humanidade.

O día 4 celébrase un referendo para aprobar unha nova Constitución en Italia e gaña o non. O primeiro ministro, Matteo Renzi, dimite.

Dous atentados en Istambul causan 44 mortos o día 10.

Novo atentado en Turquía o día 17. Morren 14 militares.

Prodúcese en Berlín o atentado contra o mercado ambulante do Nadal o día 19. Un xihadista lanza un camión contra o público e mata a 12 persoas.

Alepo cae en mans do Goberno sirio despois de catro anos de asedio.

Crise dos refuxiados. Segundo Acnur, este ano morreron 3.800 persoas no Mediterráneo intentando chegar a Europa. No seu informe anual afirma que o número de emigrantes forzados e refuxiados no mundo aumentou por quinto ano consecutivo ata os 65,3 millóns de persoas. O informe dá conta dun incremento dun 55% en só catro anos.

 

 

XANEIRO

Donald Trump xura como presidente de Estados Unidos o día 20.

O 27 firma unha orde executiva contra a entrada ao país de refuxiados e cidadáns de varios países árabes. Sería anulada despois por varios xuíces.

 

 

FEBREIRO

O 17 dítase sentenza no caso Nóos. A infanta Cristina é absolta, aínda que se lle impón unha multa. O seu marido, Iñaki Urdangarin, é condenado a 6 anos de prisión, aínda que recorre a sentenza e non ten que ingresar no cárcere, tras pagar unha fianza.

Anúnciase o día 23 o descubrimento dun sistema con sete planetas de características semellantes á Terra, algún dos cales podería albergar vida.

A película Moonlight gañou o día 26 o Óscar ao mellor filme, despois de que os presentadores anunciasen como gañadora La La Land por equivocación.

 

 

MARZO

A ONU advirte o día 10 que se está producindo a crise humana máis grave desde o final da Segunda Guerra Mundial. Hai 20 millóns de persoas en risco de inanición.

O día 11 dous atentados suicidas producen 74 mortos no centro de Damasco. O 15 prodúcese un novo atentado suicida no Palacio de Xustiza de Damasco, con 39 mortos, e outro nun restaurante, cun número indeterminado de mortos.

En Holanda o primeiro ministro, Mark Rutte ,gaña as eleccións e frea o temido avance do ultradereitista e antieuropeista Geert Wilders.

O 22 prodúcese un atentado terrorista nas proximidades do Parlamento de Londres. Un xihadista atropelou a varios viandantes, matou a seis e asasinou despois a un policía desarmado antes de ser abatido por outros policías.

O 29 Gran Bretaña activou o brexit mediante o mecanismo previsto no artigo 50 do Tratado de Lisboa.

 

ABRIL

Atentados contra igrexas coptas en Exipto producen 45 mortos o día 9.

Disneyland París celebra o seu 25.º aniversario o día 12.

Estados Unidos lanza en Afganistán a maior bomba convencional que existe.

Un atentado en Alepo (Siria) contra autobuses cargados de refuxiados provocou 126 mortos o día 15.

O 16 celebrouse o referendo constitucional en Turquía. Gañou o si e o país cambiou a un sistema presidencialista que concentra o poder no presidente, Erdogan.

Theresa May convocou o día 18 eleccións anticipadas en Gran Bretaña para o 8 de xuño.

O papa Francisco visitou Exipto.

 

 

MAIO

O día 7 celebrouse a segunda volta das eleccións en Francia e gañou Emmanuel Macron a Marine Le Pen.

Trump despediu por sorpresa ao director do FBI, James Comey.

O papa Francisco visita Portugal no centenario das aparicións de Fátima.

O virus WannaCry provocou o primeiro ciberataque mundial e infectou computadores de todo o mundo.

O cantante portugués Salvador Sobral gañou o festival de Eurovisión o día 13.

En Estados Unidos investígase a conexión de Trump coa inxerencia rusa no proceso electoral. Empézase a falar dun posible impeachment.

A crise en Cataluña agrávase. O 22 o presidente da Generalitat pronuncia unha conferencia en Madrid sobre o referendo e o plan secesionista se este se prohibe. O 24 dirixe unha carta a Rajoy pedíndolle oficialmente o inicio de conversacións sobre o referendo e o 25 contéstalle Rajoy, tamén por carta, que non haberá tal diálogo.

O 22 produciuse un atentado no Manchester Arena á saída dun concerto da cantante Ariana Grande: 22 mortos.

 

 

XUÑO

Trump rompe a unidade global sobre o clima ao anunciar a saída do Acordo de París, ao que só renunciaron Siria e Nicaragua.

Varios mortos tras un novo atentado con vehículo, noutra ponte de Londres. Pouco antes da media noite do sábado, 3 de xuño, unha furgoneta irrompeu na zona arroiando a varios peóns ao seu paso. Tres homes descenderon do vehículo e empezaron a apuñalar a transeúntes de forma indiscriminada. O atentado xihadista deixou sete mortos e 48 feridos, 21 en estado crítico.

O Real Madrid gaña a súa duodécima Champions tras derrotar ao Juventus por 4 goles a 1.

actividades 

1. Sen ter en conta a información que se vos está dando, facede unha exploración entre todas as cousas que vós recordades que teñan pasado no mundo nos últimos nove meses.

2. Comparade vosa lista coa que se vos ofrece nesta páxina.

3. Debatede se os acontecementos sinalados foron realmente os máis importantes, falta algún ou sobran.

4. ¿Que xuízo de valor vos merece o tempo que acabamos de pasar? ¿Que esperanzas vedes para o futuro? ¿Que sombras ou ameazas?