Carlos Casares nas páxinas de La Voz

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Conferencia de Carlos Casares na Casa da Cultura de Ribadavia en novembro de 1996
Conferencia de Carlos Casares na Casa da Cultura de Ribadavia en novembro de 1996 Santi M. Amil

Algunhas razóns para traballar na aula coa súa columna Á marxe

10 may 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Dado que son moitas as publicacións e referencias que conmemoran a influencia histórica en Galicia do insigne escritor que hoxe dá nome e figura ás Letras Galegas 2017, imos centrar a nosa homenaxe e recordo en algo primordial nos obxectivos de La Voz de la Escuela: seleccionar noticias que poidan ser nutrientes e reto de actualidade na aprendizaxe dos diversos temas que estruturan as materias de ámbito escolar. E facémolo cunha mostra moi breve entresacada dos centenares de columnas Á marxe que publicou Carlos Casares en La Voz de Galicia entre 1992 e 2002.

 

OS CATRO IS

Un excelente exemplo do cumprimento destes 4 is que utilizamos para elixir noticias para traballar en clase (importante, interesante, investigable, interdisciplinar) bríndanolo Carlos Casares nas súas breves, substanciosas, oportunas, inigualables columnas. Por suposto, ninguén pretende encaixar os escritos dun xenio entre esas catro reixas simbólicas. ¡Miúdo atrevemento! Trátase, simplemente, dun xogo amigable e sinxelo que marca criterios abertos e talvez útiles para navegar humildemente entre pupitres escolares. Vexamos, por exemplo, unha das súas pezas, a publicada en La Voz o 29 de abril de 1999 en Á marxe do tempo.

 

«Estudantes

 

»Estiven en Lugo para falarlle a un grupo numeroso de estudantes de como entendo eu isto da literatura. Nada especial nin do outro mundo: escribir con claridade e sinxeleza, sen máis florituras que as estritamente necesarias, e falar da vida [¿Importante?].

»Despois do coloquio, que foi intenso e longo, con ducias de preguntas, achegóuseme unha rapaza de COU, loira e bonita, para que lle firmase un libro. Chamábase Alba. Cando rematei de facerlle a dedicatoria, apartouse a un lado, esperando que acabase de firmar para outros compañeiros, e logo preguntoume se me podía pedir unha cousa sen ser impertinente. Pediume que no artigo de hoxe falase deles [¿Interesante?].

»Está claro que non me podía negar. O que pasa é que non sei moi ben que podo dicir, a non ser o único dato que ela mesma me deu: que pertencía ao colexio das Xosefinas. Todo o demais debo imaxinalo ou supoñelo, o cal tampouco resulta moi difícil. Pola actitude que tiveron, parecéronme rapaces e rapazas moi atentos e corteses, pois aturaron, entre conferencia e coloquio, case dúas horas [¿Investigable?].

»Moitas das preguntas que me fixeron eran interesantes. Querían saber como se fai un escritor, cal é o libro meu que máis quero e por que escribo [¿Interesante?].

»As dúas primeiras non encerran demasiadas dificultades, pero a resposta da última resulta complicada [¿Investigable?].

»Nunca souben por que escribo. Quizais porque se foi convertendo nun costume desde que un profesor me animou a facelo cando eu tiña doce anos; talvez porque me gusta contar historias ou porque me fun metendo nun círculo que me acabou atrapando [¿Interdisciplinar?].

»Tanto ten. O caso é que escribo e que, grazas a iso, podo pasar momentos tan gratos como estes que pasei onte en Lugo con Alba e os seus amigos [Importante]».

actividades

  • Coa idea inicial de buscar a maxia das súas palabras, e baixo a suposición de que ás noticias para a escola vénlles moi ben que gocen destes 4 is, fixemos unha selección dos seus escritos en La Voz para traballar na clase.
  • Atoparemos marabillas de importancia nos seus temas, interese cativador en todo momento, forza investigadora para buscar os porqués e multidisciplinariedade pola enorme e suxestiva variedade dos seus textos.
  • A escola súmase á homenaxe á Casares e, amais do estudo publicado o pasado mércores na páxina 6 do suplemento, onde atoparás referencias para actividades útiles, hoxe dedícalle todo El panel de la noticia, na páxina 2.
  • Á marxe do tempo: http://blogs.lavozdegalicia.es/amarxedotempo/