Monte Aloia, unha cita co verán

> Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Con altitudes que superan os 600 metros, o Monte Aloia ofrece belas panorámicas
Con altitudes que superan os 600 metros, o Monte Aloia ofrece belas panorámicas M. MARRAS

Xullo e agosto son bos meses para visitar os parques naturais que se estenden por tres das catro provincias galegas

10 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ule o verán. Certo: faltan aínda 42 días, pero a sensación nas aulas é que se entrou na recta final do curso. Unha sensación certa, ademais. E o bo tempo desta primavera anima a pensar en excursións e saídas ao campo a ver monumentos, fauna, flora ou todo xunto.

Dunha cousa, da outra e da terceira vanse atopar quen aproveiten unha boa fin de semana ou calquera día das longas vacacións do verán para coñecer o Monte Aloia, o primeiro parque natural de Galicia, hoxe convertido non só nun territorio con moita historia, senón tamén cunhas especies arbóreas moi ben organizadas no que se chama a Senda Botánica. Ademais, cuns representantes do reino animal nos que destacan as vacalouras, seguidas de perdices, lagartos arnais, ourizos, raposos e coellos, mentres os aires os suca o miñato.

Cómpre dicir que o Monte Aloia, nas aforas desa antiga capital de provincia que foi Tui, é hoxe en día unha impecable e enorme área recreativa moi frecuentada no estío. É dicir, o contrario dun parque natural salvaxe como pode ser o do Invernadeiro, na provincia de Ourense, onde cría o lobo e non está autorizado o paso a grandes zonas.

Unha ollada á historia leva a 1935, cando o Aloia foi declarado sitio de interese nacional. Este remate da serra do Galiñeiro, abundancia de cabalos salvaxes montes adiante, é parque dende 1978. Son 746 as hectáreas protexidas, con altitudes entre os 90 e os 629 metros (alto de San Xiao), con moito piñeiro, pero tamén procurando o seu lugar carballos, sobreiras, acivros, castiñeiros, algún salgueiro... Certo: cando se pasa dos 550 metros se comproba que cada vez o entorno está máis orfo de especies vexetais de porte. E é que o vento fai o seu incansable traballo e deixa ao descuberto o omnipresente granito, algún del traballado de maneira maxistral polo home, como é o rego de Pedra, unha canalización de 632 metros que resulta posible percorrer mesmo para xente de pouca idade.

Pero non se pode rematar sen volver á Senda Botánica, antes citada. É un paseo cómodo de tan só 400 metros de longo, aínda que ninguén negará que constitúe un auténtico mostrario de árbores, algunhas coñecidas e outras das que para saber da súa existencia cómpre ser un auténtico especialista. En suma, un libro de botánica ao aire libre. E o Monte Aloia, un tesouro natural e artístico tamén ao aire libre. 

Alfaias que se converten en imáns

Galicia ten sete parques. Se non é posible visitalos todos ao longo do ano, sería imperdoable polo menos non coñecer un neste verán. Todos eles ofrecen rutas de sendeirismo sinalizadas. Ademais do Monte Aloia, son estes:

 

Illas Atlánticas

É o único parque nacional. Abrangue as Cíes, Ons, Onza u Onzeta, Sálvora, Cortegada, Malveiras (a estas dúas non se pode ir sen un permiso especial) e outros illotes.

 

Fragas do Eume

No golfo Ártabro coruñés. Accédese dende Pontedeume (o máis habitual), A Capela e Monfero. O seu gran imán é o mosteiro de Caaveiro, en consolidadas ruínas e nun alto dende o que se divisa unha gran volta que dá o río Eume.

 

O Invernadeiro

No corazón de Ourense, no pasado foi unha explotación madereira. Hai un cupo de visitas diarias, de maneira que cómpre anotarse antes de ir (988 386 376 e 988 386 029) para non chegar e quedarse ás portas.

 

Serra da Enciña da Lastra

Sen dúbida, o máis descoñecido. En Ourense, marxea co río Sil e ten a provincia de León xa na outra ribeira. Zona de media montaña con picos de altura no seu límite.

 

Dunas de Corrubedo

O seu nome oficial completo inclúe as lagoas de Carregal e Vixán, esta última case seca a partir de primeiros de xullo se a primavera non é chuviosa, e non o é este ano. Alberga a que está considerada a maior duna móbil de Europa, con 14 metros de altura (21 sobre o nivel do mar). Atópase no concello coruñés de Ribeira.

 

O Xurés

No sur de Galicia e formando parte dun espazo protexido que se comparte con Portugal. Serras altas, peladas, e unha vía romana, a XIX do Itinerario de Antonino, cruzándoa e que é posible percorrer durante varios quilómetros. O paso das lexións está ben documentado tamén nos miliarios, que, coa finalidade de evitar a súa desaparición, foron agrupados nunha volta da estrada que dende Lobios conduce a Portela de Home, a fronteira.

 

A obra dun enxeñeiro

Tui é o resultado do enorme esforzo dun home, o enxeñeiro Rafael Areses (1878-1953), un dos primeiros galegos en alertar sobre o desastre que para os montes galegos supoñían os incendios. Creou o primeiro viveiro forestal de Galicia, e para repoboar con árbores non dubidou en enfrontarse aos veciños do suroeste de Pontevedra. Foi un gran defensor do piñeiro pola súa rapidez de crecemento, e mandou plantar milleiros deles, convencido de que estaba xerando riqueza para Galicia dunha maneira sustentable. El foi quen promoveu dende o principio a protección dese espazo singular que é o Monte Aloia, onde os veciños de Tui atoparon acubillo unha e outra vez cando o inimigo, e xa que logo a guerra, chamaba ás súas portas ao longo da historia.

actividades

  • Por que di o texto que Tui foi capital de provincia? ¿Cantas provincias tivo Galicia no pasado?
  • Que quere dicir que unha duna é móbil? ¿Quen a move?
  • Podes situar nun mapa de Galicia o seu parque nacional e os seus parques naturais?
  • Se necesitas ampliar información, aquí tes a web oficial que os agrupa: parquesnaturais.xunta.gal.