«Mentes críticas para tempos críticos»

> Jesús Garrido / jgs@cursosrepeducador.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Debater para escoitar os demais, ou deixámonos levar polo que cada un pensa ou lle interesa?
Debater para escoitar os demais, ou deixámonos levar polo que cada un pensa ou lle interesa? tedd4u

Este é o slogan que o Día da Liberdade de Prensa 2017 elixiu para chamar a atención sobre a importancia de desenvolver o sentido crítico que a prensa pode achegar á sociedade, para que ninguén se deixe levar, sen máis, polo que pensa ou lle interesa segundo o seu propio beneficio persoal ou o do grupo ao que pertence.

03 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres bloques de noticias. A primeira, o premio para o xornalista que no 2017 soubo defender, á conta de grandes riscos, a liberdade de expresión. En segundo lugar, un recordo a xornalistas que deron a súa vida pola defensa da liberdade. E, ao final, unha serie de actividades para un debate de oito actitudes ou condicións que debe ter unha razoable liberdade de expresión e a conquista da «mente crítica para tempos críticos».

1. Premio mundial da  Unesco á liberdade  de prensa

O xornalista eritreo nacionalizado sueco Dawit Isaak é o gañador da edición 2017 do Premio Mundial de Liberdade de Prensa Unesco-Guillermo Cano. Isaak foi detido en setembro do 2001, no curso dunha campaña de medidas severas do réxime contra a prensa. A última vez que se tivo noticias del foi no 2005. Ignórase o seu paradoiro actual.

Cilla Benkö, presidenta do xurado do premio, declarou: «Dawit Isaak únese ao longo elenco de xornalistas valentes que perseveraron para levar a luz a lugares escuros e manter custe o que custe informadas as súas comunidades. Algúns deron as súas vidas por iren en pos da verdade, outros foron apresados. Dawit Isaak leva case 16 anos preso, sen cargos nin xuízo algún. Espero sinceramente que con este premio o mundo pida: “Liberen a Dawit Isaak xa”».

Dawit Isaak, dramaturgo, escritor e xornalista, emigrou a Suecia en 1987, onde obtivo a cidadanía sueca e se exiliou. Tras a independencia de Eritrea, en 1993, regresou ao seu país e foi un dos fundadores e reporteiros de Setit, o primeiro diario independente do país, onde exerceu ata a súa detención un xornalismo crítico e perspicaz.

A entrega do premio terá lugar o 3 de maio, Día Mundial da Liberdade de Prensa, que este ano celebra a súa conferencia principal en Iacarta, en presenza da directora xeral da Unesco, Irina Bokova, e do presidente de Indonesia, Joko Widodo.

  • goo.gl/QHzNTt

2. Noticias de ataques á  liberdade dos medios

Podes ler cada unha destas noticias, entre outras que suceden con frecuencia: Un desaire de Trump aos medios / Asasinan en México a un xornalista, o cuarto nun mes e medio / Valores de Guillermo Cano, vixentes 30 anos despois do seu asasinato / Por temor aos violentos, un de cada catro medios de comunicación se autocensura / Liberdade de prensa na mira: 20 xornalistas asasinados no continente americano: 12 en México, 4 en Brasil, 1 en Venezuela, 1 no Salvador, 1 en Guatemala, 1 en Estados Unidos /

  • www.eltiempo.com/noticias/libertad-de-prensa

Debate sobre a liberdade de prensa

O tema a debater é o slogan que propón a Unesco para o Día Mundial da Liberdade de Prensa 2017, tal como se explica en primeira páxina de hoxe:

«Mentes críticas para tempos críticos».

Como recurso principal poderás utilizar a «Guía del profesor A. La noticia», editada polo Programa Prensa-Escuela, que está accesible na sección Profesores de www.prensaescuela.es, Alí atoparás 8 estratexias que che axudarán a facilitar o debate sobre «Mentes críticas para tempos críticos» e a entender ben por que as persoas debemos respectar a liberdade de expresión:

  • Dereito ao pensamento independente. ¿Ten dereito cada persoa a ter pensamento independente e poder expolo así aos demais?
  • Nin egocentrismo nin sociocentrismo. ¿Temos en conta que non só debemos fixarnos no noso eu persoal, senón tamén no nós social do grupo no que vivimos?
  • Ter en conta o punto de vista dos demais. ¿Escoitámonos só a nós mesmos ou temos a capacidade real de escoitar o que din e pensan os demais?
  • Clarificar a conexión entre ideas e sentimentos. Moitas veces os nosos sentimentos ofuscan nosas ideas e, ao revés, defendemos unha idea que non sentimos como verdadeira e útil.
  • Suspender o xuízo. ¿Temos de verdade razóns para defender o que dicimos, ou hai que pensalo mellor, discutilo, chegar a un acordo?
  • Defender o que un pensa. Con frecuencia temos medo ou defendemos ideas que os demais nos impoñen e non somos valentes para presentar o que de verdade pensamos.
  • Coherencia entre o que se di e o que se fai. ¿Falar por falar ou o pomos en práctica (obras son amores e non boas razóns)?
  • Persistencia ata atopar a solución. Se defendemos algo de verdade, ata conseguilo non paramos: é un bo sinal de que cremos niso.