O señor que non quixo esquecer o neno

> Carlos Ocampo

LA VOZ DE LA ESCUELA

Casares cultivou sempre a afección polos trens eléctricos
Casares cultivou sempre a afección polos trens eléctricos RAMON LOUREIRO

Claves para estudar a Carlos Casares, homenaxeado das Letras Galegas do 2017

26 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu Carlos Casares en Ourense en 1941. Viviu tamén en Santiago de Compostela, onde estudou Filosofía e Letras, en Cangas do Morrazo, onde exerceu de profesor de Literatura, e en Vilariño da Ramallosa (Nigrán). Pero a súa vida estivo marcada polos lugares onde pasou a maior parte da súa nenez, Xinzo de Limia e outras poboacións da comarca, como Beiro, Sabucedo e Lamas. Nos longos veráns daquela etapa gardou na súa prodixiosa memoria -un dos trazos que a meirande parte dos que o coñeceron destacan no escritor- as historias, reais ou fantásticas, que escoitou dos vellos e que logo visitaron moitas das súas páxinas.

Daquela a diversión consistía en escoitar estas historias e en xogar cos outros nenos na rúa ou en contacto coa natureza e co que esta ofrecía -por exemplo, gozaba moito construíndo as súas miniaturas, algo que o adulto conservou na afección polos trens eléctricos-. E, iso si, con moita máis liberdade de horarios e durante unhas vacacións moito máis longas cas de hoxe en día. Casares era un bo xogador de fútbol, segundo o seu irmán, Xavier.

Como aos nenos da súa idade, gústaballe tamén ler tebeos -de maior lembraba con especial agarimo as historias de Suchai, el pequeño limpiabotas- e algo que era entón moi popular, o cine. Foi esta unha das grandes afeccións do futuro escritor e ao tema dedicou, entre outros, un dos seus cumios literarios, a novela Ilustrísima. Amais, era un privilexiado, pois en Xinzo podía ver as películas dende a cabina de proxección. Isto lle permitiu recolleitar os anacos de cinta que se cortaban ás veces, o que xa apuntaba outra das súas facianas máis notables, a de coleccionista.

FIN DA NENEZ

Recollemos estes trazos da biografía de Casares porque a súa nenez marcou o que o definiu como escritor ata os seus derradeiros días. E lembramos só da súa intensa biografía que en 1952 ingresou no Seminario de Ourense, un raro privilexio do que na súa época só gozaban os que amosaban máis capacidades e que lle proporcionaría unha robusta formación humanística e mais o descubrimento, grazas ao padre Agustín Madarnás, da literatura e da súa vocación literaria. Estudou o bacharelato no Instituto de Ourense, onde coñeceu a Vicente Risco, a quen sempre lembrou como alguén influinte nel. Foi estudar na Universidade de Santiago en 1962, Filosofía e Letras, e alí coñeceu outro insigne galeguista, Ramón Piñeiro, que foi quen lle publicou o seu primeiro libro, Vento ferido (1967), na recentemente fundada Editorial Galaxia.

Pero o resto da súa intensa e fecunda vida, sobre todo a súa produción literaria, tamén como escritor para nenos, que lle mereceu moitos premios, incluído o Fernández Latorre en 1982, déixovola coñecer a través, por exemplo, do libro de Damián Villalaínn Carlos Casares. Vida e literatura, destinada a lectores de 11 anos en diante, ou do de Henrique Monteagudo Carlos Casares. Contador de historias (vida e obra). É que, se non, aquí non me queda sitio para falar de máis nada, porque aínda me deixo unha morea de cousas interesantes da súa vida.

Porén, aínda me queda por dicir que Casares, sen deixar de ser un adulto que asumiu moitas responsabilidades -pois foi deputado na primeira lexislatura do Parlamento galego, durante a cal redactou a Lei de Normalización Lingüística, despois dirixiu a Editorial Galaxia sen deixar de dar clases no instituto, foi membro da Real Academia Galega e presidiu o Consello da Cultura Galega-, nunca esqueceu o neno que gozaba das súas afeccións e, sobre todo, da conversa. Lembran os que lle coñeceron a súa capacidade para contar historias e anécdotas, como as que escoitara en Beiro ou a el mesmo lle ocorreran ou presenciara. Algo do que deixou boa mostra nos seus artigos para La Voz de Galicia.

O encanto do articulista

Mantivo Carlos Casares unha longa relación cotiá con La Voz de Galicia como articulista. Comezou en 1988, primeiro de periodicidade irregular («Á marxe de cada día») e, dende 1992, diaria («Á marxe») ata o véspera da súa morte. É certo que a colaboración xornalística comezara antes, en 1975, pero non como articulista, senón como comentarista literario, na sección A ledicia de ler.

Foi esta colaboración unha actividade literaria intensa que o sitúa como un dos cumios do xénero en España: quizais pola facilidade para conectar cos lectores, que se vían identificados nos artigos, sen dúbida pola naturalidade da linguaxe, polo ton afectuoso e tranquilo que reflectía a súa personalidade.

Os temas que tratou nestes artigos ían desde os grandes asuntos da actualidade ata as anécdotas da vida diaria, pasando polas lembranzas da súa nenez. Duns e doutros sabía extraer unha reflexión da que, aínda hoxe, fai partícipe ao lector. Facíao cunha sensibilidade que mesturaba a ironía con ese chisco de escepticismo e indulxencia tan propio do galego de a pé. E cun humor afable e mesurado.

Deixou escrito a súa viúva, Kristina Berg, na introdución a Carlos Casares en La Voz de Galicia, que «gozaba moito escribindo esta columna [porque] a el lle gustaban as cousas pequenas e ben feitas». A estrutura ideal era de tres parágrafos, escritos cun ritmo «que debía permitir a lectura en voz alta». E dá fe Kristina de que «os sucesos e as anécdotas que Carlos contaba eran rigorosamente certos», malia que algún lectores teñan dubidado dalgunhas que contaban cousas certamente incribles, como a do vello que facía autostop e se meteu no maleteiro do coche: pero e que a súa irmá tiña o home durmindo no cortello cos animais, o cal dá sentido ao conto.

Comproba se estes trazos se dan no texto que temos seleccionado como lectura para hoxe.

TEXTO «Unha enfermidade»

O outro día, cando o albanel que citaba no artigo de onte me pre­guntou se non me puña tolo oíndo ladrar tanto na miña casa, pensei no deprezo lingüístico que encerra esa frase. É moi parecida a esa outra que di que non falan en cristiano as persoas que empregan unha lingua diferente. Nos meus anos de estudiante coñecín a un rapaz de Vigo, estrafalario e teimudo, que estaba convencido de que os portu­gueses eran moi feos por culpa do idioma, pois tiñan todos unhas bo­cas horribles polo costume de comer as vocais.

En España, en xeral considérase que o alemán é unha lingua espan­tosa, mentres que o italiano goza de moi boa consideración. En Ar­menia, por outra parte, unha poetisa que se chamaba Metaxa e que tiña cara de cacique indio, díxome en inglés que o ruso lle daba a sensación de estar falado por xentes sempre a punto de babarse.

Son sentementos universais. Un político galego, home sensible e bo amigo meu, un día tivo un descuído e provocou un terremoto en As­turias cando dixo que o bable era unha especie de jau-jau. Nin seque­ra os suecos, sempre tan correctos con todo o mundo, son capaces de disimular a impresión que lles causa o dinamarqués: aseguran que non se trata dunha lingua, senón dunha enfermidade da gorxa. Un prexuízo estúpido, aínda que, paseando por Copenhague, un pode pensar que hai maldades con moito fundamento.

referencias 

  • «Carlos Casares. Vida e literatura», de Damián Villalaín, Edicións Xerais, 2017
  • «Carlos Casares. Contador de historias (vida e obra)», de Henrique Monteagudo, Editorial Galaxia, 2017
  • «Os agostos de Casares. Artigos de Carlos Casares en La Voz de Galicia nos meses de agosto (1997-2001)», na Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia, 2016
  • «Carlos Casares en La Voz de Galicia», na Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia, 2012

para saber máis

  • Na web da Fundación Carlos Casares (http://fundacioncarloscasares.org) atoparades unha biografía moito máis detallada e unha morea de actividades para aplicar en clase.
  • Máis datos na Real Academia Galega: http://academia.gal/letras-actual
  • E non se pode esquecer a anual contribución do Seminario Galán: www.seminariogalan.org