Antes de actuar? ¡pensa!

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

A aprendizaxe do autocontrol é imprescindible para aderezar unha boa socialización dos nenos
A aprendizaxe do autocontrol é imprescindible para aderezar unha boa socialización dos nenos MARCOS CREO

A transmisión de valores é fundamental na prevención de condutas violentas

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Agride aos seus pais en Vigo porque non lle regalan un teléfono móbil», «Apuñala a cinco compañeiros de clase en Alacante» ou «Lanza o portátil á cara do profesor que lle reprendeu» son tres titulares de noticias publicadas en La Voz de Galicia no último ano. Aínda que un conxunto de feitos illados non nos pode levar ao erro de xeneralizar, si é certo que se observa un aumento de reaccións violentas de nenos e adolescentes ante pequenas (ou grandes) frustracións no seu día a día. E isto é un grave problema para a sociedade no seu conxunto. A pregunta que toca é: ¿que podemos facer para evitar esta tendencia?

Todos os especialistas en violencia xuvenil coinciden en que a contorna familiar, o vínculo afectivo que se establece cos pais desde os primeiros anos de vida e a transmisión de valores desde o fogar son fundamentais á hora de previr a aparición de condutas violentas. En concreto demostrouse a eficacia do autocontrol como unha habilidade social fundamental para vivir en sociedade. Iso significa aprender a pórse no lugar do outro, dialogar, aceptar o non como resposta, asumir as críticas, descartar a forza como recurso e buscar alternativas ás condutas violentas.

Chegada a adolescencia, e ante un fillo que explota con facilidade, os expertos recomendan as seguintes pautas de actuación:

1 Evita enfrontarte e gritarlle cando está fóra de control. O máis fácil é responder con ira ante a ira. Ou pensar: «¿Pero que cre este neno?», e pórte á súa altura. Hai que demostrar maior fortaleza emocional, o mesmo autocontrol que lle pedimos a el e esperar a que ventile o seu enfado. Cando acougue xa discutiremos a situación con tranquilidade.

2 Coas emocións desbordadas, non hai lóxica que valla. Aos pais adoita encantarnos argumentar e razoar cos nosos fillos, pero cando están ofuscados non serve de nada, só empeora as cousas.

3 Se é necesario, afástate ata que se acouguen tamén os teus ánimos. A ira é unha emoción moi poderosa e que se contaxia con facilidade. E nun estado de cólera non adoitan darse as respostas máis acertadas.

4 Recórdalle a importancia de manter o respecto mutuo. Cando estea máis tranquilo, fala con el e reforza a comunicación asertiva. Emprega unha linguaxe positiva, sen minimizar nin ridiculizar os seus comportamentos. Explícalle que ten dereito a estar enfadado, pero que hai comportamentos que son inaceptables.

5 Practica a escoita activa. Deixa que o teu fillo che conte a súa versión antes de tomar unha decisión. Recorda as normas da casa e o que pasa cando non se respectan. Se decides pór unha consecuencia negativa, sé firme e mantente na túa decisión.

A mensaxe é: é normal sentir emocións de enfado e ira, pero somos responsables do que facemos cando nos sentimos así. Por exemplo: podes sentirte fatal porque a túa noiva che deixou, pero non é aceptable que deas puñadas á porta, rompas obxectos ou digas grosarías. Esta mensaxe haina que repetir moitas veces. Tantas como sexa necesario para que adquira ese autocontrol necesario para unha vida emocional adulta saudable.

Receita caseira da vacina antiviolencia

Javier Urra, como psicólogo da Fiscalía de Menores de Madrid, lidou con moitos casos de nenos e adolescentes agresivos. E despois de moitos anos de experiencia, ten claro que os pais son unha peza crave para evitar ou controlar a aparición de condutas violentas. Esta é a súa receita para pais:

1 Ponse atención ao neno desde antes de que naza (é o produto, da súa calidade vai depender o resultado final).

2 Quéreselle desde o primeiro momento que chega ao mundo: abrázaselle, escóitaselle e fáiselle partícipe da vida familiar.

3 Igual que se vixía un guiso e se remove, váiselle dando autonomía e liberdade (desde a tutela).

4 Aderézase cunhas pingas de bo humor, capacidade de autocrítica e autocontrol.

5 Vaise ligando a salsa da socialización: a aceptación da diferenza, o recoñecemento dos dereitos dos demais, a sensibilidade ante a dor allea... En definitiva, o respecto por todas as persoas, animais, plantas e obxectos.

6 Engádese a capacidade de aceptar frustracións, de diferir as gratificacións.

7 Retírase do lume e mestúrase cunha boa dose de arte: libros, películas, obras de teatro, pintura...

8 Osixénaselle ao aire libre: transmíteselle a admiración pola natureza e o seu goce, o amor aos animais, ás árbores, ás plantas...; anímaselle a practicar deporte e apúntaselle en actividades (campamentos, colonias de verán) que fomenten a solidariedade.

9 Próbase e sazónase. Se é necesario, corríxese. É dicir, estase a tempo de dicir non.

10 Adórnase cunhas pinceladas de solidariedade (animándolle a participar nalgunha ONG) e reflexiónase sobre o sentido real da vida.

11 Preséntase en sociedade valorando a súa autoestima, os seus valores, a súa persoa.

12 Sérvese nunha fonte sobre un leito de responsabilidade colectiva de toda a sociedade.

Escuela de padres

? TEMA DO MES: As habilidades sociais.

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

? A FRASE: «Dominar a outros é a forza, o dominio dun mesmo é o verdadeiro poder» (Lao Tze).

? COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR: Impedir custe o que custe que os fillos vivan a frustración por evitar unha perrencha.

? ALGUNHAS CLAVES: Transmitir desde casa a idea de que cando lles leven a contraria poderán argumentar, rebater… pero nunca agredir.

? PARA SABER MÁIS: «¿Cómo educar para la no violencia y la gestión positiva de conflictos?». Artigo de Ana Roia García, autora de «¡Vive la vida!»: https://goo.gl/vEyp1B