Tempos de «brexit»

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

«Penélope e os seus pretendentes», de Waterhouse. O personaxe de Homero simboliza a construción, aínda inacabada, da Europa unida
«Penélope e os seus pretendentes», de Waterhouse. O personaxe de Homero simboliza a construción, aínda inacabada, da Europa unida cuadro

O Reino Unido de Gran Bretaña está a piques de comezar o camiño que o levará fóra da Unión Europea

15 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que Gran Bretaña non queira estar en Europa porque a maior parte do seu pobo ten medo de perder soberanía e de sufrir a competencia de demasiados inmigrantes que poñan en perigo os seus postos de traballo e o seu benestar, os acontecementos históricos convértena nun máis do club dos pobos europeos.

O devir da historia relacionou entre si estas nacións ao norte do Mediterráneo desde os tempos do Imperio romano ata a actualidade para convertelos nesa unidade cultural que chamamos Europa. Unhas veces enfrontándose, outras aliándose, pero sempre loitando por repartirse un solar que consideraban familiar. Durante moitos séculos aquela unidade cultural e política cimentábase nunha crenza relixiosa, o cristianismo, e por iso reservábase á Igrexa e ao papado o poder supremo arbitral. Despois da disolución do Imperio romano de Occidente no século V, sucedéronse periodicamente os intentos de recreación do Imperio e sempre estaba o papa oficiando de creador de emperadores, desde o de Carlomagno, pasando polo Sacro Imperio Romano Xermánico, as cruzadas, o errado intento de Carlos V ou o postremo soño imperial de Napoleón. Pero ao impulso da unión seguía sempre o da fragmentación. Era coma se Homero botase algunha clase de maldición sobre estas terras ao contarnos na Odisea a estrataxema de Penélope para burlar aos seus pretendentes, que desfacía de noite o manto que tecía durante o día. En todos estes guisados e desaguisados históricos sempre estivo mesturada como protagonista principal Inglaterra. Por iso o Reino Unido, quéirao ou non, poderá saírse da Unión Europea, pero seguirá sendo parte de Europa.

NOVO IMPULSO DE INTEGRACIÓN

Desde finais da Segunda Guerra Mundial estabamos a pasar por un longo período de impulsos integradores, estabamos tecendo o manto diúrno, ás veces con máis rapidez e entusiasmo, ás veces con menos. Hai que subliñar que este último impulso de unificación está tendo unha característica distinta dos demais. Os anteriores debéronse ao proxecto dun país líder que ía estendendo a unidade coa súa forza militar, pero nesta ocasión elixiuse o camiño da adhesión pola suma de vontades e convencemento. Todos os membros da Unión Europea integráronse nela pola súa propia vontade e cada nación que se sumou ao proxecto é porque contou co voto positivo de cada un dos membros da Unión. O voto da nación máis pequena, como Malta, ten o mesmo valor que o da máis grande, Alemaña.

Con todo, agora enfrontámonos ao caso inverso. Por primeira vez unha nación membro da Unión proponse abandonala. Parece que chegou a hora do atardecer e achégase coa noite o momento de destecer. A saída do Reino Unido, o brexit, quere empuxarnos nesa dirección e hai quen o acirra e o estimula alén do Atlántico.

 

 

Daqueles pos, estes lodos

¿Como chegamos ata esta encrucillada? Algúns datos que nos ofrece a historia poden axudarnos a comprendelo.

 

 1 Gran Bretaña non estivo na creación do Mercado Común. A orixe da Unión Europea está na fundación en 1951 da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro por parte de seis países: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e Holanda. Esta organización consolidouse coa firma en 1957 do Tratado de Roma, que creou a Comunidade Económica Europea. Tampouco alí estivo o Reino Unido, que preferiu dar prioridade á súa colaboración con Estados Unidos e os países da Commonwealth.

  

2 Ningún británico forma parte do núcleo de persoas consideradas pais de Europa. É certo que Winston Churchill era partidario dunha Europa unida. Na Universidade de Zúric afirmou o 19 de setembro de 1946: «Debemos construír unha especie de Estados Unidos de Europa. Só deste xeito os centos de millóns de traballadores recuperarán as sinxelas alegrías e esperanzas que fan da vida algo que valla a pena vivir». Pero ningún gran político británico comprometeuse na loita por conseguir ese obxectivo como o fixeron Adenauer, Jean Monnet, Robert Schuman ou Paul Henry Spaak, considerados os pais de Europa.

  

3 Cando o Reino Unido quixo entrar despois e o solicitou en 1961 e en 1967, atopouse co rexeitamento frontal da Francia de De Gaulle, que non se fiaba da súa vontade sincera de querer camiñar cara a unha unidade máis intensa.

 

 4 Por fin conseguiu a entrada en 1973, cando xa desaparecera da escena política De Gaulle, pero sempre o seu desexo de pertencer a Europa mantívose no plano económico mostrando unha enorme morneza á hora de avanzar na unión política. A poboación británica tampouco se mostraba moi contenta coa súa entrada en Europa e só dous anos despois do ingreso, en1975, convocou un referendo de ratificación, no que gañou o si co 67% dos votos.

  

5 Durante a súa pertenza á CEE foi sempre a remolque. En tempo de Margaret Thatcher agudizáronse as reticencias. En 1984 houbo unha crise pola que esixiu o reembolso de parte da súa contribución porque lle deron menos subsidios agrícolas que a outros membros. Agravouse a crise en 1988 por declaracións que fixo a primeira ministra en contra do nacemento dun superestado europeo.

  

6 Asinou, con novos reparos, o Tratado de Maastricht de 1992 e impuxo a cláusula chamada Opt-out, pola que o Reino Unido se liberaba da obrigación de implementar a futura moeda común. E mantívose apartado da libre circulación de persoas e da Carta de Dereitos Fundamentais da UE.

  

7 Non entrou na moeda común, no euro.

  

8 O voto no referendo estivo moi dividido, pero debuxa un mapa bastante nítido. Dos catro compoñentes do Reino Unido dous votaron a favor do brexit, Gales e Inglaterra, e dous a favor da permanencia en Europa, Irlanda do Norte e Escocia. Moitas grandes cidades votaron tamén a favor da permanencia, como Londres e a súa contorna, Manchester e a súa contorna, Liverpool, Newcastle, Leeds, Cambridge, Oxford, Cardiff, Bristol... Outras grandes cidades, como Birmingham ou Sheffield votaron brexit, pero en xeral pode dicirse que o voto a favor foi máis ben rural e de poboación adulta. Xibraltar bateu as dúas marcas, a de participación, co 83,6 %, e a de voto a favor da permanencia, co 95,9 %.

 

actividades

  • ¿Quen son os principais personaxes políticos que interviñeron neste proceso? Facede unha investigación pola Rede para recordalos e resumide o papel que desempeñou cada un.
  • Para retirarse da Unión Europea Gran Bretaña ten que invocar o artigo 50 do Tratado de Lisboa, que regula o procedemento. A actual primeira ministra, Theresa May, determinou como data límite para que o seu Goberno solicite a activación dese artigo o próximo 31 de marzo. Antes, o Parlamento inglés ten que aprobar unha lei que determine os termos do acordo de separación. Por iso o tema vai estar nas noticias de cada día. Facede un seguimento deste proceso. Despois, as negociacións coa Unión Europea pódense dilatar ata dous anos.