Noticias solidarias para fin de ano

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

MARTINA MISER
Co lema «Ímoslles encher a canastra», o Xuven organizou unha recollida de alimentos solidaria para o Nadal
MARTINA MISER Co lema «Ímoslles encher a canastra», o Xuven organizou unha recollida de alimentos solidaria para o Nadal MARTINA MISER

Recollemos algunhas noticias variadas, suxestivas, dentro da enorme cantidade de propostas que se fan nos centros educativos co gallo do Nadal, Fin de Ano e Reis na que todo o mundo participa xenerosamente. Non se trata de buscar ideas diferentes, senón de elixir aquelas que poidan ser útiles, eficaces e que marquen un bo ritmo posible para non deter a solidariedade durante o resto do curso, segundo as posibilidades de cada grupo. Basta con escribir a palabra «solidariedade» na lupa da web de La Voz de Galicia. Darache ideas estupendas. Sígueas ou inventa outras. ¡Ánimo, pois!

21 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

1. TRES POR TRES

Na película Cadea de favores, de Mimi Leder (2000), o profesor de Sociais Eugene Simonet proponlles aos seus alumnos unha promoción de ideas: ¿quen é capaz de inventar algo que poida axudar aos demais? O protagonista, Trevor, de 11 anos, explica cun gráfico no encerado da clase como pode axudarse a tres persoas, cada unha destas a outras tres, que xa son nove, que multiplicadas de novo por tres chegan a unha cantidade importante e sen límite (goo.gl/CRzbRI).

2. ARRANXAR UNHA PERSOA

O Xuven fará unha recollida de alimentos no duelo do sábado. Tal e como foi habitual nas últimas tempadas, o Xuven aproveitará un dos partidos do mes de decembro para realizar a súa campaña solidaria de recollida de alimentos. Baixo o lema «Ímoslles encher a canastra» o sistema será o mesmo que en anteriores tempadas (La Voz, 8/12/2016).

3. ¿SEN XOGUETES?

O pasado domingo foi un día de fútbol no campo do Carral. No entanto, foi tamén un día de solidariedade. Os asistentes apoiaron coas súas contribucións a campaña de recollida de xoguetes emprendida por Cruz Vermella e a SD Sofán. As expectativas de axudar a 120 demandas de familias con poucos recursos poderán ser cubertas (La Voz, 8/12/2016).

4. ¿QUE É UN «MANNEQUiN»?

Beyoncé, Britney Spears, Paul McCartney, Adele, Michelle Obama, Hillary Clinton, os xogadores do Borussia de Dortmund e Cristiano Ronaldo xa o fixeron. O mannequin challenge é a moda do momento, como o foi no seu día o baile do harlem shake ou o ice bucket. E, aproveitando o tirón do fenómeno viral, o colexio María Assumpta de Noia sacoulle partido cun fin solidario e do Nadal (La Voz, 6/12/2016).

5. TAPÓNS, UNHA VEZ MÁIS

Unha empresa de Carballo recolle uns 500.000 tapóns para pagar a rehabilitación dunha nena con parálise cerebral. Case todas as persoas que len estas liñas refugan algún envase de plástico todos os días. Un cartón de leite, unha botella de auga, un bote de crema ou de xampú que, moitas veces, vanse ao colector amarelo. Xa desde hai anos, estes materiais utilízanse para financiar campañas solidarias (La Voz, 6/12/2016).

> ACTIVIDADES E RECURSOS

A solidariedade ten varios aspectos: en que consiste, cal é a súa identidade, como son e funcionan as xentes solidarias, que solidariedade pode haber dentro de clase na forma de axuda á aprendizaxe.

  • Consulta os seguintes e-studos de noticias: «Valor cidadán 5: Solidariedade», «5.1 ¿Que é solidariedade?», «5.2 Xente solidaria», «5.3 Solidariedade na aprendizaxe» (goo.gl/IjRsov)