O desmantelamento da Xungla de Calais a través dunha ducia de noticias

> Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un inmigrante fala polo móbil durante a evacuación do campamento coñecido como a Xungla de Calais
Un inmigrante fala polo móbil durante a evacuación do campamento coñecido como a Xungla de Calais THIBAULT VANDERMERSCH

Un novo e-studo na web de Prensa-Escuela invita aos profesores a traballar na aula, mediante doce informacións extraídas do xornal, sobre un campamento ilegal que chegou a albergar a dez mil persoas

23 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Doce noticias destinadas a alumnos de 5.º e 6.º de primaria. Quince no caso da ESO. E con elas a web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es) ofrece dende o pasado día 4 deste mes unha unidade didáctica destinada a facilitar ao profesor o traballo na clase. O tema central é o desmantelamento dun campamento ilegal instalado desde fai anos nos arredores da cidade francesa de Calais chamado A Xungla, e que chegou a acoller a dez mil persoas indocumentadas. Pero o asunto de fondo é a inmigración que está recibindo (moitos dirían sufrindo, porque non hai consenso ao respecto) a Europa rica. A ese mesmo tema este suplemento dedicou unha páxina enteira hai menos de dous meses, o día 28 de setembro.

Pero todo isto empezou moito tempo atrás. Ou quizais non tanto. Para poñer unha liña cronolóxica de partida habería que remontarse a cando o almanaque sinalaba o ano 1995. Para os alumnos que lean estas liñas, algo así como a prehistoria. Para os profesores, como mínimo lembranzas da infancia. Para a historia, como se fose onte mesmo. E nese ano a Fundación Juan March convocou ás mentes pensantes da lingua e gramática español a un seminario de moi alto nivel, froito do cal foi o volume La lengua española, hoy. Pois ben, nas súas 322 páxinas non se intúe nin o mínimo interese ou percepción por un fenómeno como o e-learning. Hai que esperar uns poucos meses máis para que a revista que se distribúe todos os domingos con este xornal lle dedicara cinco páxinas a un fenómeno que entón parecía futurismo puro.

O cambio é absoluto. A tecnoloxía, unha vez máis, permitiu unha gran transformación no xeito de acceder aos materiais e dende que se albiscou tal posibilidade Prensa-Escuela subiu a ese cabalo gañador.

Por iso xa non hai que gardar xornais vellos e rebuscar as noticias da Xungla de Calais. No e-studo están todas as relevantes, as que permiten construír un relato coherente e explicativo, comezando cunha do ano 2009 na que se daba conta da existencia dese campamento e rematando con outra do 26 de outubro pasado que levaba o explícito título de «Los inmigrantes abandonan una Jungla de Calais devastada por los incendios». No medio, as novas máis destacadas deses sete anos que cambiaron a percepción que tiña Europa sobre a inmigración.

Tres e-studos actuais e un máis recentemente saído do forno

«Que pregunten eles».

«O profesor pregunta, o alumno responde, se logra facelo. ¿Que pasaría se os alumnos se adestrasen en saber preguntar e logran poñelo en práctica? ¿Mellorarían as súas respostas cando os profesores sigan de novo preguntando? Esa é a cuestión. Todos gañarían un pouco. ¿Que opinas?». Este é o arranque dun e-studo publicado o pasado 1 deste mes e da autoría de Jesús Garrido, quen pon por diante o axioma «os alumnos que preguntan aprenden máis e mellor na aula e na vida». Pensado para todos os niveis.

«Europa na encrucillada».

Céntrase no drama (e ao mesmo tempo problema político) dos refuxiados. Obra de Fernando Pariente, a percha é unha frase do papa Francisco cando recolle o premio Carlomagno coa que chama a «construír pontes e derrubar muros». A noticia leva por subtítulo: «Pediu recuperar os ideais dos pais fundadores da Unión Europea e abrazar un novo humanismo na crise dos refuxiados». Un dos obxectivos que propón vale como resumo dos demais: «Que os alumnos recoñezan e comprendan a especial incidencia do problema no ámbito xeográfico europeo». Para alumnos de 4.º de ESO e 1.º de bacharelato.

«A xeración das hamburguesas».

Asinado pola orientadora, psicóloga e máster en Medios de Comunicación Ana Torres Jack, comeza cunha reflexión tan obvia que adoita pasar desapercibida: «No último medio século os hábitos alimenticios das familias españolas cambiaron enormemente. Un exemplo extremo é a escena da película La gran familia na que todos (15 fillos, os pais e o avó) sentan ordenadamente á mesa do almorzo para charlar animadamente durante longo tempo e sen présas mentres dan conta dunha rechamante diversidade de produtos». Neste e-studo a pretensión é «traballar algúns conceptos básicos de nutrición e hábitos alimenticios saudables». Para 5.º e 6.º de primaria.

«O turismo descontrólase».

Para o consultor medioambiental Antonio Sandoval Rey, «onde antes era posible gozar dunha experiencia persoal contemplando calquera fenómeno da natureza, agora o que se vive é unha aglomeración ruidosa que obriga a gardar máis cola que en calquera supermercado». Propón unha serie de solucións e el mesmo pregúntase: «¿Son válidas?». Pensado para secundaria.

Como acceder ás unidades

En primeiro lugar, hai que teclear no buscador www.prensaescuela.es. Abaixo, cómpre facer clic no botón Profesores. Aparecen outros catro botóns, e agora é o momento de facer o seguinte clic en E-studos de noticias. Volven abrirse máis posibilidades, neste caso sete, que son carpetas temáticas. E se vas abaixo de todo verás os últimos e-studos.

Unha vez que se elixe un e-studo aparece unha ficha onde consta a data na que foi subido, o título, para que nivel de alumnos está pensado e o autor. E baixo este, un enlace que anima: Descargar o e-studo. Facendo clic nesa ligazón, o texto descárgase no teu ordenador. Só tes que lle dar o derradeiro clic no arquivo descargado para que se che abra no procesador de textos.