Museos para celebrar a ciencia

> M. P. P.

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os modernos museos de ciencia utilizan e comparten o concepto de interactividade
Os modernos museos de ciencia utilizan e comparten o concepto de interactividade cedida

Fieis á súa orixe, os Museos Científicos Coruñeses souberon renovar as súas exposicións e crear novas salas de actividades dirixidas a todos os públicos. O Muncyt chegou no 2012 para completar a oferta

23 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1983 o Concello da Coruña decidiu reciclar unha estrutura inacabada no céntrico parque de Santa Margarita para convertelo na Casa das Ciencias, un museo de ciencia interactivo inspirado no Exploratorium de San Francisco. O seu obxectivo era achegar a ciencia a todos os cidadáns nun formato lúdico e participativo. A nova oferta atraeu o interese do público e converteuse axiña nun dos referentes da cidade e visita obrigada para os escolares de toda Galicia. En 1995 o Concello ampliou a súa oferta coa Domus, ou Casa do Home, nun impoñente edificio que domina a baía de Riazor. O novo museo achegaba unha visión interdisciplinar do ser humano, cubrindo desde a fisioloxía e a xenética á linguaxe, a psicoloxía ou a evolución. Poucos despois, en 1999, abriu as súas portas o Aquarium Finisterrae, a Casa dos Peixes, un centro interactivo sobre o océano que se sitúa nunha antiga cetaria, moi preto do lugar no que en 1992 o petroleiro Mar Exeo protagonizou un arrepiante incendio. Agrupados baixo a marca Museos Científicos Coruñeses (=MC2), os tres centros mantiveron unha intensa actividade coa produción de novas exposicións, contidos audiovisuais, programas educativos, actividades e talleres, de tal forma que a ciencia, e en especial a divulgación científica, forman xa parte da identidade da cidade e constitúen un dos seus principais atractivos turísticos.

ACENOS DE IDENTIDADE

Os tres centros que conforman a rede MC2 ocúpanse de temáticas distintas e manteñen enfoques independentes, pero comparten uns acenos de identidade. Defínense como interactivos, xa que optan por buscar a participación do visitante para que manipule mecanismos que pon en evidencia aquilo que se quere comunicar, modificando o tradicional ambiente de quietude propio dos museos. Por outra banda, trátase de museos cuxos contidos son interdisciplinares, pois entenden a ciencia dentro da cultura e tratan de romper calquera intento de establecer fronteiras entre as ciencias e as artes, o que resulta máis atractivo e auténtico. Tamén se cualifican como diverxentes, por canto se busca que cada visitante lidere e dirixa o seu propio proceso de descubrimento por experiencia directa, de maneira que ante un mesmo estímulo, persoas distintas poden seguir formulacións diversas e aprender cousas diferentes. E desexan ser accesibles a través dunha política de prezos moi reducidos con descontos para escolares, maiores, etcétera, pero tamén pola vontade de colaborar con outros museos, asociacións e entidades interesadas na ciencia e a educación científica.

Aquarium Finisterrae

É un acuario pouco común no sentido de que dá prioridade aos aspectos que máis o achegan a un centro de ciencia. Por iso os seus contidos son interdisciplinares e evitan caer no discurso enciclopédico. Ademais, os módulos preséntanse de forma entretida e buscan resaltar a beleza da vida mariña, suscitando a curiosidade e acentuando os aspectos emocionais para que xurda nos visitantes unha actitude positiva sobre a necesidade de preservar a biodiversidade mariña. Tamén utilizan a interactividade para transmitir as mensaxes, espertar a curiosidade e provocar a reflexión. E os animais mariños non son presentados como seres afastados e alleos, senón como animais próximos á nosa actividade cotiá.

A sala Maremagnum posúe uns cen módulos interactivos que forman un discurso expositivo que veu determinado polos escolares galegos, pois os seus títulos son preguntas reais sobre o medio mariño que eles enviaron ao centro. Desde o principio asumiuse que a biodiversidade debía ser o principal tema divulgativo do acuario. Por iso os tanques mostran vertebrados, invertebrados, algas, plantas vasculares, etcétera da rexión onde se sitúa (costa atlántica meridional europea). Outra actividade relacionada coa biodiversidade está ligada á participación na campaña europea Mr. Goodfish. O seu obxectivo é fomentar o consumo de peixe local ou o que non se atopa ameazado por sobrepesca.

Unha consecuencia lóxica destas formulacións é o desenvolvemento de investigacións sobre conservación e mantemento de especies autóctonas, algunhas ameazadas na súa contorna natural galega. Este podería ser o caso da cherna, un peixe sometido a unha intensa presión pesqueira, ou da foca vitulina, un endemismo cantábrico en regresión e actualmente desaparecida da costa galega.

O acuario considera moi importantes as actividades destinadas ao público porque a comunicación persoal é a máis eficaz para educar e transmitir mensaxes complexas que nos módulos expositivos só poden aparecer esbozados. Un exemplo destas formulacións é a actividade Durmindo con Quenllas, que o Aquarium Finisterrae realiza desde o ano 2004 en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Os nenos que participan teñen a oportunidade de alimentar eles mesmos ás quenllas e dormen rodeados de peixes na sala Nautilus. A actividade inclúe tamén proxeccións e experimentos científicos sobre as quenllas.

OUTRAS ACTVIDADES

EXPOSICIÓNS

As últimas exposicións interactivas presentadas foron «Puro Swing» na Casa das Ciencias, «Xogo de neuronas» en Domus e «Muuultiplicádevos» no Aquarium Finisterrae. Na da Domus participaron centos de escolares galegos que construíron algo máis de 700 neuronas, coas que se creou unha rede neural. E na do acuario foron algo máis de tres mil os que traballaron por desenvolver unha icona que puidese representar a acuicultura.

PREMIOS

Unha convocatoria importante son os premios Luis Freire de Investigación Científica na Escola, que buscan promover valores como a creatividade, o espírito crítico ou a imaxinación científica entre os escolares de Galicia.

FEIRAS CIENTÍFICAS

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias organiza cada ano o Día da Ciencia na Rúa. Trátase dunha xornada de festa a comezos de maio na que escolares dunha trintena de centros distribúense en carpas nos arredores da Casa das Ciencias e mostran aos visitantes os experimentos e demostracións científicas que prepararon ao longo de varios meses. A festa complétase con outras carpas ocupadas por institucións cuxa actividade ten relación coa ciencia.

Casa das Ciencias

Situado no parque de Santa Margarita , este museo conta con mil metros cadrados de exposicións repartidos en tres salas e un planetario con 80 prazas. As tres alturas do edificio están comunicadas por unha escaleira de caracol en cuxo canón oscila un impoñente péndulo de Foucault, a primeira e máis espectacular evidencia experimental de que o noso planeta vira sobre si mesmo. Na primeira planta atopamos unha sala de experimentación libre equipada cunha colección de módulos interactivos, na súa maioría procedentes do Exploratorium de San Francisco. Estes elementos non se presentan como demostracións de ningún fenómeno concreto, senón como xogos abertos que incitan á manipulación e a discusión sobre conceptos como rozamento, vibración, magnetismo, transparencia, equilibrio, presión ou forza de gravidade. A idea de xogo é clave neste espazo, xa que máis aló de satisfacer esa necesidade básica da nosa especie, permite que públicos con distintos graos de coñecemento ou experiencia poidan obter recompensas acordes coas súas posibilidades e intereses.

A segunda planta está dedicada neste momento a unha exposición sobre péndulos titulada Puro Swing. Alberga unha colección de interactivos e obxectos que axudan a explorar estes sistemas oscilatorios desde as perspectivas da física, a historia da ciencia, as matemáticas, a música, o cine ou o cómic. A terceira planta alberga a exposición Palabras da ciencia, un proxecto que incorpora a actualidade científica aos contidos do museo e está en constante renovación. A exposición presenta unha visión crítica da ciencia que ofrecen os medios e suxire distintas estratexias para utilizalos como recurso educativo.

Ademais do impacto emocional que provoca a visita ao planetario, a explicación do firmamento permite ao operador establecer unha relación moi próxima, case íntima, cos visitantes, que son invitados a participar nas sesións coas súas preguntas ou comentarios sobre o que están a ver. A Casa das Ciencias mantén unha intensa actividade de produción audiovisual para o planetario, que inclúe desde breves secuencias para complementar sesións en directo ata documentais completos, como o recentemente estreado Nas ás da noite (www.enlasalasdelanoche.com), sobre as migracións das aves a través do continente europeo e as súas relacións coa mitoloxía e a historia da astronomía.

Domus

Situado na baía de Riazor, o edificio álzase sobre un pedestal de roca granítica, un auténtico cantil que domina a enseada, a praia e boa parte da cidade. O seu obxectivo é divertir ao visitante, estimular a súa curiosidade e suscitar a súa reflexión acerca das características da especie humana. Trátase de suxerir respostas á necesidade de cada un de coñecerse mellor, como individuo e como colectivo. E para iso utilízase o concepto de interactividade nun espazo expositivo de xogos e sorpresas.

Non hai unha clara organización do espazo por temas, pero inclúe zonas dedicadas á neurociencia, a xenética ou a evolución. Un dos módulos emblemáticos é o modelo xigante do xene da telomerasa, unha sustancia implicada no proceso do envellecemento e do cancro. O modelo, que está suspendido no aire, ten unha lonxitude de 288 metros, contén 17.730 pezas e pesa 310 quilos. Para a súa construción contouse coa participación de 700 alumnos de centros de secundaria da Coruña que se sumaron a esta experiencia, bautizada Proxecto Telomerasa.

Nos últimos anos creou dúas novas salas: o Laboratorio aberto e Maker@domus. Os programas que propoñen son flexibles tanto no público ao que se dirixen como na temática que poden abordar, que buscan inspirar a futuros investigadores, promocionar a cultura científica, estimular o debate social e reducir a distancia entre investigación e educación.

O Laboratorio aberto propón vivir a ciencia coas propias mans, utilizando as ferramentas científicas dun laboratorio real. Trátase dun lugar para vestir a bata de laboratorio e manexar micropipetas, centrifugadoras, axitadores, básculas ou tubos de ensaio. Desde a biotecnoloxía á química, pasando pola ciencia da cociña e as diseccións de órganos, as aproximacións temáticas son variadas e orientadas aos distintos públicos.

A sala Maker@domus invita a participar na cultura maker, que propón facer tecnoloxía con medios propios. É un movemento que se nutre de persoas inquedas, apaixonadas pola tecnoloxía, educadores, artesáns, enxeñeiros, estudantes, defensores da filosofía do código aberto e de todos aqueles cuxo pensamento vira arredor de como inventar ou crear cousas novas.

Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía

A histórica vocación coruñesa pola divulgación científica tivo un recoñecemento nacional cando se inaugurou no 2012 o edificio Prisma de Cristal, onde se sitúa o Muncyt. Localizado xunto ao paseo marítimo da cidade, o edificio foi construído pola Deputación Provincial e cedido para o seu uso como museo. Os seus tres obxectivos máis importantes son contribuír á educación científica efectiva e de calidade, conservar e pór en valor o patrimonio histórico científico e tecnolóxico, e ser escaparate da ciencia e a tecnoloxía españolas. Para iso, ademais das diferentes salas de exposicións temporais e permanentes (resulta especialmente atractiva a dedicada aos inventos do século XX) realiza unha diversidade de actividades (talleres, conferencias, etcétera).

A existencia de grandes espazos fai posible a exhibición de pezas de gran volume, como maquinaria industrial ou vehículos. Isto permitiu a instalación dunha das pezas máis espectaculares do centro, a parte dianteira e o tren de aterraxe do Boeing 747 que trouxo o Guernica a España. Outra das súas pezas estrela é o primeiro acelerador de partículas deseñado e construído na Junta de Energía Nuclear cara a 1957.