Ciencia e xornalismo nun certame escolar

Bases do concurso ¿Queres ser científic@?, convocado por Prensa-Escuela e o Inibic

O concurso pretende espertar vocacións científicas
O concurso pretende espertar vocacións científicas

O Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, S.A., desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, organiza a primeira edición do concurso ¿Queres ser científic@? para o curso 2016-2017, convocado polo Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Economía y Competitividad. Ofrecemos un resumo das súas bases.

O principal obxectivo do concurso é espertar vocacións científicas e fomentar o talento xornalístico e creativo dos escolares. Preténdese que os alumnos consigan relacionar as materias con algún tipo de profesión científica e, en especial, con aquelas que teñan repercusión na saúde e estean relacionadas coa biomedicina (por exemplo, a bioloxía).

OBXECTIVO E DINÁMICA

O reto é gravar un vídeo dunha duración máxima dun minuto no que deben describir que tipo de científico lles gustaría ser e por que. O vídeo deberá ir acompañado dun breve texto no que se explique como contribuír a resolver un problema de ámbito científico coa profesión escollida. Ao certame poderán concorrer alumnos de ESO, bacharelato e formación profesional de calquera centro escolar de Galicia, participen ou non no Programa Prensa-Escuela.

A participación farase a través dunha aplicación específica na páxina de Facebook de Prensa-Escuela. Os traballos presentaranse desde un perfil de Facebook que pode ser o do propio alumno (para o que debe ser maior de 14 anos segundo a normativa da aplicación) ou desde o doutra persoa (proxenitor ou titor legal, ou o profesor do alumno). Neste caso, achegarase, xunto cos datos do alumno, os da persoa que tutela a participación, que asume a responsabilidade sobre o traballo e a autorización ao alumno para participar. Cada perfil de Facebook poderá presentar un máximo de cinco propostas de cinco autores distintos.

Requisitos do vídeo:

  • Poderá presentarse en galego ou en castelán, terá unha duración máxima dun minuto e deberá ser subido a YouTube ou Vimeo co título Quero ser científico... (no que os puntos suspensivos serán substituídos polo tipo de científico seleccionado).
  • Deberá ser orixinal e inédito (isto é, non debe ter sido publicado en ningún medio ou soporte) e non ter sido anteriormente premiado.

Requisitos do texto:

  • Un máximo de 800 caracteres con espazos, en castelán ou en galego.
  • Debe responder á pregunta: ¿Que problema che gustaría resolver como científico?
  • Bo uso da linguaxe, sen expresións de mal gusto ou inapropiadas. Tampouco abreviaturas.
  • Deberá ser orixinal e inédito.

Os autores deberán facilitar os seguintes datos: nome e apelidos, teléfono, curso, centro educativo, localidade, enlace web (URL) do vídeo e dirección de correo electrónico. No caso de que se remita o traballo a través do Facebook doutra persoa, esta tamén deberá indicar nome e apelidos e dirección de correo electrónico.

PRAZOS

Os traballos presentaranse a través dun formulario habilitado ao efecto na pestana Concurso ¿Queres ser científic@? da páxina de Facebook de Prensa-Escuela, entre o mércores 5 de outubro do 2016 ás 12.00 horas e o xoves 10 de novembro do 2016 á mesma hora. Finalizado o prazo de presentación dos traballos, abrirase un período de votacións públicas (desde o xoves 10 de novembro do 2016 ás 12.15 horas ata o venres 17 de novembro do 2016 ás 12.00 horas) para elixir aos finalistas, que serán os cinco máis votados. Un xurado, composto por profesionais da comunicación, da educación e ciencia, elixirá a un único gañador entre os cinco finalistas.

FALLO

O venres 18 de novembro do 2016, no Facebook do concurso e na web de Prensa-Escuela farase público o nome do gañador, que recibirá como premio un cheque por valor de 400 euros e a publicación do seu traballo na devandita web. O galardón entregarase o domingo 20 de novembro nun acto público que se celebrará no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña, no marco da celebración da Semana da Ciencia.

  • As bases completas pódense consultar en: facebook.com/programaprensaescuela

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Ciencia e xornalismo nun certame escolar