A tele de La Voz esperta vocacións científicas

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

cartel

05 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En novembro chega a miniserie de divulgación De mayor quiero ser... científica a V Televisión

En novembro, durante a Semana da Ciencia, comezará a emitirse en V Televisión De maior quero ser... científica, unha miniserie educativa de curtametraxes que presentará perfís de profesionais da bioloxía e a medicina, a tecnoloxía, a enxeñería, a arte e as matemáticas. O programa enmárcase no proxecto de divulgación Científicas en biomedicina, unha carreira de fondo, que ten como obxectivo amosar o papel das mulleres na investigación en saúde. Pero antes, tedes un adianto, a preestrea que terá lugar a vindeira semana, o martes 11, concretamente, no Muncyt-A Coruña ás 11.00 horas. A data non foi elixida ao azar: o 11 de outubro é o Día Ada Lovelace, unha celebración internacional dos logros das mulleres en áreas como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas.

O proxecto Científicas en biomedicina, unha carreira de fondo está coordinado pola investigadora Joana Magalhães,, do Grupo de Reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Economía y Competitividad, co apoio da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Para saber máis

  • Máis información sobre o proxecto e vídeo promocional:

https://77.27.236.150/http/www.inibic.es/cientificasenbiomedicina

  • Sobre o Inibic

O Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), un dos institutos acreditados do Instituto de Salud Carlos III (Ministerio de Economía y Competitividad), está formado por 23 grupos de investigación do hospital, a universidade e a área de atención primaria da Coruña, seleccionados pola súa excelencia científica, que traballan principalmente dentro de seis áreas científicas. A súa finalidade é crear un marco de colaboración estable, que integre a investigación básica e clínica desenvolvida, posibilitando unha transferencia máis eficaz dos avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades á sociedade.