Manuel María, o poeta da paisaxe chairega

LA VOZ DE LA ESCUELA

Manuel María con con Arcadio López Casanova e Uxío Novoneyra no Courel
Manuel María con con Arcadio López Casanova e Uxío Novoneyra no Courel REPRODUCCIÓN

O Día das Letras Galegas do 2016 dedícase ao escritor nado en Outeiro de Rei

11 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na web da Real Academia Galega podedes baixar o discurso de recepción de Manuel María, lido o 15 de febreiro do 2003. Non tardamos moito en atopar as dúas claves para entender ao poeta que a douta institución celebra este ano. A primeira está no título do discurso, «A Terra Chá: poesía en paisaxe», e é o tema da conferencia. A segunda, aos poucos de comezar, logo de confesar as súas limitacións como autodidacta e «galego normalizado»: «Escribín por irreprimíbel afán de comunicación cos meus semellantes».

Afán de comunicación que quedou claro nunha das súas primeiras obras, Morrendo a cada intre (1952), escrita nunha soa noite, frustrado pola experiencia de empezar a estudar Dereito contra a súa vontade, á que se impuxera a do seu tío Xosé, o párroco que o criara desde os 12 anos trala morte do seu pai. Un xeito de compoñer, o facelo do tirón, que se repetiría outras veces máis adiante.

Merlos e rulas, cabras pacentes, abellas e lilas que recollen os rapaces, ventos, soutos e ondas de agros, veigas e penedos e o xardín de toxos estampan as impresións visuais da paisaxe que o cantor da Terra Chá transformará, fermoseada, esaxerada polos versos, en sentimentos. Debulla estas claves Manuel María, xa entrando en materia, el explicarse a si mesmo como «parte inseparábel» da paisaxe. Ao igual que o grupo de poetas chairegos que se expresaron a través da súa paisaxe nativa, entre os que cita máis adiante a Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro.

Terra Chá (1954) lémbrame o simbolismo de Antonio Machado, a quen tamén cita, e a sinxeleza formal do sevillano. Algúns consideran este o seu poemario máis importante, malia ser un dos primeiros, por ser o que inaugura a etapa de apertura á paisaxe, en compañía do vate doutra terra prodixiosa, Uxío Novoneyra, o cantor do Courel.

Das múltiples facianas que ofrece a poesía de Manuel María, eu quedo con esta, á que dedicou este discurso de ingreso na Academia un ano antes de morrer. Ben podería ter escollido calquera outra na súa vastísima extensión, pero hai material abondo fácil de atopar e consultar na Internet para comprender as raíces da súa formación literaria, o seu contexto e as etapas, temáticas e formais, polas que transitou o escritor; a súa vocación galeguista e a política; a súa loita a prol da dignidade da lingua. Haberá quen prefira a súa vertente existencialista ou a social, ou a súa poesía amorosa, dedicada á compañeira da súa vida, Saleta Goy. Aínda que é admitido por moitos estudosos que o homenaxeado este ano polas Letras Galegas transitou polas distintas etapas sen deixar nunca de recorrer a temas e mesmo formas das anteriores, sen esquecer nunca a súa orixe chairega.

FOCOS DE SABER

Da web da Asociación de Escritores en Lingua Galega colga a unidade didáctica para secundaria Manuel María: ferrados de corazón, fanegas de alma, de Anxo Gómez e Mercedes Queixas:

  • http://bit.ly/24tusTy

Tamén se pode baixar como PDF único da web da Casa Museo Manuel María:

  • http://bit.ly/23gO9eG

Hai, asemade, na AELG una versión para primaria, de María Xosé Bravo, María Calvo e Carme Villariño:

  • http://bit.ly/1QJIiay

Para a biografía de Manuel María, a páxina web da RAG (http://academia.gal/letras-actual), onde tamén poderá descargarse o discurso de ingreso do que partimos nesta presentación:

  • http://bit.ly/1rqhQhy

É imprescindible facer unha visita á súa Casa Museo en Outeiro de Rei. O mellor sería coller o autobús toda a clase, pero tedes a opción de facela visita, ao menos virtual, neste enderezo:

  • http://www.casamuseomanuelmaria.gal/portada.htm

E neste enderezo do Seminario Galán, tendes unha morea de actividades para todos os niveis, para imprimir e mesmo para facer en liña:

  • http://seminariogalan.org/inicio/portada

LIBROS PARA CELEBRAR A DATA E COÑECER O POETA

«A Berenguela». Para cativos, ou non tanto, Galaxia edita un libro-disco baseado nunha das obras de teatro infantil máis coñecidas de Manuel María, convertida nunha opereta con música para cuarteto de clarinetes de Nani García, ilustracións de Miguelanxo Prado e voz da actriz María Inés Cuadrado. A peza orixinal, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, é a historia dunha espiña de toxo acusada en falso pola vaidosa señora Folla de Carballo e as penalidades polas que pasa ata que o Espírito do Monte pon orde. É unha historia con contido social, pero que reflicte o relación íntima do poeta coa natureza. Como di o autor do limiar, Francisco Fernández Naval, e unha mostra da consideración na que o de Outeiro de Rei tiña o universo dos más cativos.

«Teatro de guiñol». O grupo musical Pirilampo ofrece este libro-disco ilustrado por Iván R., que sae do prelo de Galaxia (na colección Sonárbore). É unha escolma tirada de As rúas do vento ceibe, O soños na Gaiola e Terra Chá, con poemas que reivindican o amor pola natureza, lembranzas do neno da Casa de Hortas na que naceu Manuel María e cancións á necesidade de compartir cos demais para que a vida mereza a pena.

«Labrego con algo de poeta». É o título da biografía de Manuel María que Mercedes Queixas Zas tece con episodios da súa vida e fragmentos da súa obra. O fío condutor é a vida comprometida e entregada á defensa da súa xente e da súa cultura e a súa fala a través do oficio de poeta. «Eu nacín nunha casa moi fermosa / e, nela, deixei o meu pasado, / o tempo da nenez, o soño ousado / e a miña adolescencia tormentosa» son os versos que «recollen a esencia biográfica» do autor de Sonetos á casa de Hortas cos que a autora arrinca esta publicación de Galaxia.

«Antoloxía poética». Escolmada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela, esta antoloxía (Galaxia, 242 páxinas) recolle unha equilibrada mostra de todas as etapas polas que pasou a vasta produción do poeta. A introdución, tamén a cargo de Cabana, un rápido percorrido biobiográfico do autor, abonda para achegarse ás claves coas que abordar unha lectura iniciática. E a selección ilustra de xeito exhaustivo a variedade temática e estilística da extensa obra poética.