As aves do barro 

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DE LA ESCUELA

STEFAN BERNDTSSON
Unha andoriña de cu branco fabrica o seu niño
STEFAN BERNDTSSON Unha andoriña de cu branco fabrica o seu niño Stefan Berndtsson

A andoriña de cu branco, elixida pola Sociedade Galega de Ornitoloxía ave do ano 2015, empezou a chegar desde África tralo inverno, pero as súas colonias están a diminuír

06 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro que ven nada máis romper a casca é barro. As paredes de barro do seu estreito niño. Os seus pais fabricárono debaixo dunha cornixa, unha terraza, unha galería ou un beirado. Utilizaron pequenos grumos de barro recolleitos en calquera charca ou humidal das proximidades, que logo reforzaron con herbas secas e pallas. Eses grumos funcionan como minúsculos ladrillos de adobe que, postos uns sobre outros e secados á luz do sol, terminan por parecerse a unha cunca. O resultado final é moi duro, como unha cerámica ben forneada. E a súa entrada, situada na parte superior, tan pequena que parece incrible que poidan caber por ela.

Desde esa entrada chégalles os poliños a primeira luz que coñecen. Pasan os primeiros días da súa vida comodamente instalados nun berce de plumas e herba seca. Son entre tres e seis irmáns. É a nai quen se encarga da súa alimentación a primeira semana. Logo xa a axuda o pai, e con frecuencia algún fillo de ambos dunha polada anterior. Dar de comer a tantas boquitas famentas é esgotador. Ata que, aos 19 días de nacer, o primeiro voantón anímase a asomarse ao exterior e saltar fóra de forma definitiva. Os máis preguiceiros tardan 25 días. Para entón as súas plumas xa están en perfectas condicións para voar.

Aprenden rápido a dominar o aire. E a cazar os pequenos insectos alados, que son o seu alimento. Vanse independizando. Intégranse en cuadrillas de mozos cada vez máis numerosas. A partir de agosto, nalgúns lugares reúnense por centos, a miúdo pousados nos cables da luz. Xa palpita nos seus pequenos corazóns a chamada de África. Pouco despois comeza a súa viaxe cara ao sur. Os seus maiores tardan pouco en seguirlles. Van deixando atrás o seu lugar de nacemento. Voan primeiro, como tantas outras aves, cara ao estreito de Xibraltar. Fano sobre todo de día. Logo teñen que cruzar primeiro o deserto do Sahara. E despois grandes extensións tropicais e salvaxes.