Hoxe é o día do rato (de ordenador)

LA VOZ DE LA ESCUELA

No disponible

Hai 47 anos, nunha conferencia celebrada en San Francisco, o inventor Douglas C. Engelbart presentaba un pequeno dispositivo bautizado inicialmente como indicador de posición X-E

09 dic 2015 . Actualizado a las 05:30 h.

«Esta sesión está integramente dedicada á presentación, polo Dr. Engelbart, dun sistema multipantalla, interactivo e informatizado que está sendo desenvolvido no Stanford Reseach Institute co patrocinio da ARPA, a NASA e o RADC. O sistema está sendo empregado como laboratorio experimental para investigar principios cos que a computación interactiva axude a aumentar a capacidade intelectual». Desta futurista guisa se anunciaba a demostración que tal día como hoxe hai 47 anos, o 9 de decembro de 1968, e no marco da Fall Joint Computer Conference celebrada en San Francisco, ía efectuar o grupo de investigación do Augmentation Research Center de Stanford, capitaneado polo enxeñeiro e visionario Douglas C. Engelbart. Unha sesión de 90 minutos que congregou a un milleiro de profesionais e que pasou á posteridade, polo menos entre a xente do mundo informático, como «a nai de todas as demostracións».

E non era para menos, pois na mesma Engelbart e os seus colaboradores presentaron en sociedade algunhas das revolucionarias tecnoloxías e aplicacións que levaban anos desenvolvendo. Revolucionarias entón, porque hoxe en día forman parte do cotián ritual que executamos case sen darnos conta cada vez que nos sentamos fronte ao ordenador, o que fala ben ás claras do seu éxito. A saber: emprego dunha interfaz gráfica que permitía a navegación con diferentes fiestras abertas simultaneamente; hipertexto; un programa de edición que permitía traballar de forma conxunta con textos e gráficos; e, como colofón, unha videoconferencia en vivo e en directo co persoal que se atopaba nas instalacións do laboratorio de Stanford, situadas a 30 millas de distancia. 

Mobilidade limitada

Unha sesión na que tamén se realizou a primeira demostración pública dun pequeno dispositivo que ao cabo sería o que deu fama e popularidade a Engelbart: o indicador de posición X-E, rebautizado na intimidade do laboratorio como rato debido ao seu aspecto. Claro que aquel rato primixenio difería bastante do que manexamos actualmente. Diferenzas ergonómicas á parte ?basicamente era un paralelepípedo de madeira? en lugar de ter unha bóla na parte inferior, montaba un sistema de dous discos perpendiculares entre si que controlaban o movemento do dispositivo na pantalla, o que implica unha mobilidade aínda limitada. Ademais os botóns da parte superior non se incorporarían ata anos despois.

Pois malia a impactante da demostración, a incorporación do rato ao ordenador demoraríase ata principios dos oitenta, cando outro visionario, Steve Jobs, adquiriu os dereitos do invento e incorporouno ao primeiro ordenador MacIntosh, o Lisa, cambiando para sempre ?e para mellor, ao resultar moito máis sinxela, áxil e intuitiva? a forma de relacionarse co ordenador do usuario de pé. O que contribuíu ao seu definitivo despegue. Ou máis ben á súa definitiva aterrizaxe nos nosos fogares.