Premio ao mellor blog para o CEE Juan María

Prensa-Escuela selecciona o caderno dixital deste centro de Nigrán como o mellor deste curso

Os alumnos están encantados co premio: unha viaxe de catro días a Cantabria con visita a Cabárceno
Os alumnos están encantados co premio: unha viaxe de catro días a Cantabria con visita a Cabárceno

Comezaron no curso 2007-2008 gañando o concurso Experiencias Didácticas co Xornal e xa quedaron enganchados. O xornal converteuse desde entón nun elemento esencial para o traballo no centro de educación especial Juan María de Nigrán. Hai tres anos descubriron o potencial das TIC, abriron un blog ao abeiro de Prensa-Escuela, os profes se formaron nos cursos que ofrece o programa e hoxe son os gañadores do premio ao Mellor Blog, por unanimidade do xurado. 

Este resumo en catro liñas non fai xustiza ao amplo proxecto que desenvolven neste centro no cal se engloba o blog premiado. Dentro de Infórmate fácil hai multitude de actividades cun obxectivo: facer da información unha ferramenta para a integración social dos alumnos e promover a lectura fácil para todos os colectivos con necesidades especiais. 

No proxecto participan os máis de 110 alumnos dos tres centros Juan María (o educativo, o de día e o ocupacional). No blog levan a dianteira os 33 alumnos do centro de educación, con idades entre os 3 e os 21 anos. Cada un  na medida das súas posiblidades e coa implicación das súas familias busca información, publica e comenta na bitácora Un blog para todos. Por diante, os seis profesores  que traballan en equipo para facer realidade un proxecto enorme, complexo e modélico.

O xurado destaca que o blog acadou plenamente os seus obxectivos: «as 464 entradas realizadas e os 559 comentarios dan fe da súa grande actividade tanto interna como externa. Ademais, as máis de 22.000 visitas avalan que o traballo trascendeu as paredes da aula». ¡Noraboa aos profes e alumnos  do CEE Juan María!

O CEE A Barcia, de Santiago, segundo clasificado do certame

Todos os mércores sae este suplemento que estás a ler en La Voz de Galicia. Pero no centro de educación especial A Barcia, de Santiago, sae outra publicación feita coas mesmas ganas e ilusión. É o día no que publican o xornal no que recollen as novas que aos alumnos lles parecen máis interesantes. As páxinas fanas en papel e as imaxes delas dan vida a unha das sección do seu blog Traballando co xornal no CEE A Barcia. As eleccións, os incendios, sucesos... todas as novas teñen cabida e a bitácora é para eles a mellor forma de visibilizar o seu traballo. 

O caderno inclúe tamén breves entrevistas a persoas da súa contorna ou rutinas como a previsión meteorolóxica. Todas estas seccións mostran o ben aproveitada que está a bitácora como catalizador e escaparate das tarefas realizadas no centro.

Paula Martínez Rivas é a coordinadora do caderno. En outubro e novembro participou nun curso para aprender a desenvolver proxectos de Prensa-Escuela a través dun blog e ¡abofé que o aproveitou! Abriu o caderno e xa van 49 entradas e un premio.

En terceiro posto, os alumnos de 4.º de ESO do IES Leliadoura

Son 47 mozos e mozas que estudan 4.º de ESO no IES Leliadoura de Ribeira e queren despedirse da Secundaria ao grande. O seu blog, coordinado pola profesora Lourdes Porteiro, gaña este curso o terceiro premio. O caderno leva acumuladas 104 entradas ?¡39 só no mes de outubro!? e 174 comentarios o que da idea da interacción do traballo realizado.

Concursos, campañas, lectura de prensa, exposicións e recitais son algunhas das actividades que se promoven a través desta bitácora co fin de fomentar o hábito e o gusto pola lectura entre os alumnos. A súa nube de etiquetas amosa a variedade de temas abordados no caderno, no que destacan actividades como o Día do Libro, o Día da Paz ou a semana cultural, ademais de temas como a violencia de xénero e outras propostas desenvolvidas polo grupo, o centro ou a biblioteca. 

Os alumnos do IES Leliadoura, xunto cos outros gañadores do concurso, recibirán os seus premios o 6 de xuño no marco da festa Voz Natura, en Culleredo (A Coruña).

Votación
1 votos

Premio ao mellor blog para o CEE Juan María