A auga na poesía e na vida dos galegos

Viaqua convoca o concurso de fotografía Galicia, Auga e Literatura para escolares de 6 a 16 anos

A coñecida illa do interior da ría de Vigo inspira ao xograr medieval Meendiño a cantiga de amigo que comeza: «Sedia-m?eu na ermida de San Simión»
A coñecida illa do interior da ría de Vigo inspira ao xograr medieval Meendiño a cantiga de amigo que comeza: «Sedia-m?eu na ermida de San Simión»

Galicia é verde, é gris e é? auga. Auga que cae de arriba e que, facendo da necesidade virtude, se converteu en reclamo turístico («Santiago de Compostela, donde hasta la lluvia es arte»). Auga que cura, como lle pasou a aquel burro que, estando doente, foi deixado na desértica illa da Toxa para que morrese e, cando volveu pasar por alí o seu dono, trotaba o asno en plena forma grazas ás augas que bebera. Como auga era tamén a que curaba os males aos devotos que acudían ao manancial por riba do cal se edificou o santuario da Escravitude (Padrón), erguido coas doazóns dos fieis que acudían á Fonte Santa.

Auga dunha terra da que ata Aymeric Picaud, se é que tal crego existiu, deixa escrito no Códice Calixtino que ten «excelentes fontes clarísimas». Auga tamén do mar, como lembra Aubrey Fitgerand Bell cando chega a Galicia despois da Primeira Guerra Mundial e queda asombrado ao mirar de Muros para o norte co Pindo de fondo («Casas brancas, el mar de zafiro e turquesa»). ¿Como vai estrañar, entón, que os poetas falasen da auga desde que os galegos aprenderon a escribir un verso baixo outro?

Xa nesa época dourada que se manifesta na lírica galaico portuguesa destacan dous xograres, ambos de Vigo, aínda que esta última afirmación non se poda facer ao cento por cento: Meendiño e Martín Códax. E di o primeiro:

Sedia-m?eu na ermida de San Simón

e cercaron-mi as ondas, que grandes son.

Eu atendend?o meu amigo. E verrá?

Estando na ermida ant?o altar,

cercaron-mi as ondas grandes do mar.

Eu atendend?o meu amigo. E verrá?

E cercaron-mi as ondas, que grandes son:

non hei i barqueiro, nen remador. Eu atendend?o meu amigo. E verrá?

Mentres o segundo insiste en falar coas ondas pedíndolles a súa axuda:

Ondas do mar de Vigo,

se vistes meu amigo?

E ai Deus!, se verrá cedo?

Ondas do mar levado,

se vistes meu amado?

Pero é Rosalía de Castro quen constrúe os versos máis coñecidos e relacionados coa auga, deixando para a posteridade aquela despedida de: 

Adiós ríos, adiós fontes,

adiós, regatos pequenos;

adiós, vista dos meus ollos,

non sei cándo nos veremos.

Curros Enríquez, no seu A Rosalía, volve a citar a auga:

Do mar pola orela,

mireina pasar,

na frente unha estrela,

no bico un cantar.

Xa no século XX, con Manuel Antonio chega plenamente a modernidade á poesía galega. E con versos curtos deixa o rianxeiro a súa pegada:

Fomos ficando sos

o mar o barco e mais nós

É o controvertido Álvaro Cunqueiro o que sae do océano e volve a pisar terra firme, quizais porque por baixo a ponte do Pasatempo do seu Mondoñedo natal corre auga como corría cando alí foi detida con argucias a muller do mariscal Pardo de Cela, retrasando a súa chegada á praza de diante da catedral co indulto baixo o brazo, mentres o verdugo non perdía o tempo e lle cortaba a cabeza ao seu home:

Amor de auga lixeira,

muiñeira.

Amor de auga tardeira,

ribeira.

Amor de auga florida,

cantiga.

Amor de auga perdida,

na amiga.

O poeta lucense Manuel María non escapa ao embruxo da auga, e a un humilde regato lle dedica uns dos seus máis sentidos versos baixo o título de Poemiña do señor regato do Cepelo:

Nunca tiveche unha arela

de tan humilde e sinxelo:

¡Meu regato do Cepelo,

das Regas uo da  Barciela!.

Maila ó teu nome sonoro,

eres regato e non río:

¡ o teu caudal tan esguío

nunca encherá un encoro!

Antes outro lucense, Noriega Valera, escribía con sentido tráxico en Do ermo:

Vías de auga,

velas rotas,

o demo ceibo na barra,

fuxen prá terra as gueivotas,

¡e choran nenos en Corme!,

i a mai que ten moitos fillos

non sei como sono dorme?

Mesturando a auga da terra, a auga do ceo, a auga do mar e a auga dos ollos, baixo o título de María Siléncio o ferrolán Ricardo Carballo Calero fai un dos poemas máis íntimos da Galicia dese século XX:

Cabeleira de chúvia, ollos de néboa.

Maria Siléncio, esfarrapada, à espreita.

Sempre agardando, pola noite, as barcas.

A tua angúria fala con olladas.

Maria Nocturna: no peirán ¿qué esperas?

¿Polo dia non vives?

¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?

Maria Siléncio, sempre dura e muda...

¿Cál é a barca que agardas?

Das fontes dos teus ollos

fluen rios de sono.

Pero ti sempre dura e desvelada,

batida polo vento, no peirán...

Maria Siléncio, eu roubaria

no ceu

a estrela de mel,

na água

a estrela de prata,

pra che mercar a fala.

Cando Carballo Calero naceu, Federico García Lorca tiña 12 anos e faltaban xa que logo 26 para o seu asasinato. Entre a magna obra dese poeta merecen unha mención de honra os Seis poemas galegos, escritos entre 1932 e 1934 (o autor perde a vida no 36), e neles son de obrigada lectura estes versos:

Chove en Santiago

meu doce amor

camelia branca do ar

brila entebrecida ao sol.

Chove en Santiago

na noite escura

herbas de prata e sono

cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa

laio de pedra e cristal.

Olla no vento esvaido

soma de cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar

Santiago,lonxe do sol

agoa da mañan anterga

trema no meu corazón.

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA 

INMORTALIZA A AUGA

Galicia, Auga e Literatura é o título do concurso de fotografía convocado por este xornal e mais Viaqua. É dicir, un grato desafío para todos os alumnos de primaria e secundaria co fin de que inmortalicen nunha imaxe a auga pero relacionándoa cun poema, cunha novela, cun texto literario calquera. As bases do concurso están en www.prensaescuela.es, onde figura a dirección electrónica para mandar as fotos. Loxicamente, nesa web consta tamén a relación de premios para os mellores. Hai tempo, porque o prazo remata o 22 do mes que vén, pero non é bo costume deixar as cousas para última hora.

ACTIVIDADES

  • Pecha os ollos e que o profesor ou un compañeiro lea algún dos versos desta páxina. ¿Qué sentes? ¿Cómo te ves? ¿Quen es ti nese poema? Se tiveses que facer unha foto cando abrises os ollos, ¿qué foto sería?
  • ¿Coñeces todas as verbas destes versos? Seguro que «amigo» si, pero resulta que, ¡sorpresa!, non significaba o mesmo na Idade Media que agora. 
  • ¿É máis importante a auga salgada dos mares ou a doce de terra firme? ¿Qué che parece?
  • Se te vas presentar ao concurso de fotografía, déixate levar polo teu corazón. Non fagas o obvio: poñer una botella de auga nunha mesa, un libro dos citados e retratar iso. Porque a auga está presente sempre: sen ela non hai vida. ¡Fotografía a vida! 
  • Así que síntete libre. Le. Retrata. ¡Sorte!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

A auga na poesía e na vida dos galegos