Ainhoa Rego, gaña nos Microrrelatos

Público e xurado escolleron o conto desta alumna do CEIP O Areal de Camariñas

XESÚS BÚA
Todos os alumnos da clase de 6.º de primaria do CEIP O Areal, co seu titor, Diego Otero, que participaron no concurso celebran o trunfo de Ainhoa
XESÚS BÚA Todos os alumnos da clase de 6.º de primaria do CEIP O Areal, co seu titor, Diego Otero, que participaron no concurso celebran o trunfo de Ainhoa

Estudia 6.º de Primaria no CEIP O Areal, en Camariñas.  Ten once anos e chámase Ainhoa Rego Pasantes. Ela é a autora de A praia descoñecida, un conto breve que acaba de ser seleccionado polo xurado do I Concurso de Microrrelatos Prensa-Escuela como gañador do certame, despois de que os fans da páxina en Facebook do programa o votaran como un dos tres finalistas. O texto gañador é un dos 178 que se presentaron ao certame que puxo en marcha por primeira vez este ano o programa Prensa-Escuela coa intención de estimular a creatividade dos estudantes o ofrecer unha nova proposta para traballar co xornal na aula.

O microrrelato de Ainhoa inspírase nunha nova publicada o pasado 16 de marzo en www.lavozdegalicia.es ?tal e como requerían as bases do concurso? baixo o título Praias que desaparecen no inverno. A partir desta información naceu A praia descoñecida, un texto do que o xurado salientou a súa capacidade para pór en valor «esa distancia corta do microrrelato para trazar o conto a partir da nova sacando un gran aproveitamento literario a ese breve espazo que remata con inxenio».

O xurado do certame estivo composto por José Francisco Sánchez, director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre; César Casal, subdirector de Información de La Voz de Galicia; Tomás García, director da edición dixital; Luís Pousa, xefe da sección de Opinión de La Voz, e Ana Abelenda, redactora de La Voz.

TRES FINALISTAS

Ademais do conto de Ainhoa, outros dous textos foron seleccionados como finalistas polos fans da páxina de Facebook do programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Foron dous traballos de alumnos de 6.º de Primaria do CEIP Filomena Dato, de Barbadás: El albergue de los cabritillos, de Ainara Rodríguez Adao, e El colegio mágico, de Pablo Danta Pérez. Os finalistas e todos os demais microrrelatos participantes pódense ler en facebook.com/programaprensaescuela.

«A praia descoñecida»

Un día de inverno María, unha nena de 4 anos, foi á praia de Arealonga coa súa curmá, xogou coa area e pasouno moi ben. Pero ao atardecer, tivo que marchar para a casa porque comezou a chover.

Esa noite houbo un temporal enorme, os cans ladraban moi forte, as galiñas cacarexaban,... Durante toda a noite nin María nin os seus pais puideron durmir nada pois tiñan moitísimo medo.

Ao día seguinte cando o temporal foi diminuíndo María e os seus pais, saíron fóra da casa. Había árbores caídos, campos inundados,... Pero o que máis entristeceu a María foi que a praia de Arealonga xa non parecía unha praia, estaba totalmente chea de pedras!

Un premio especial para unha rapaza «moi traballadora»

A noticia de que Ainhoa foi a gañadora deste concurso literario foi recibida con moita ilusión no seu colexio. Especialmente polo seu titor, Diego Otero Pardeiro que implicou a toda a súa clase no certame: os seus 23 alumnos escribiron cadanseu microrrelato e eles mesmos realizaron unha votación na aula para escoller os seis que finalmente se presentaron. Entre eles o de Ainhoa Rego á que o seu profesor describe como «unha alumna moi responsable, traballadora e gran compañeira».

O premio ten aínda máis mérito porque a rapaza chegou a Camariñas con cinco anos, procedente das Canarias onde a súa nai marchara traballar e de onde tivo que regresar. Ás dificultades habituais deste cambio de residencia houbo que engadir a adaptación ao galego que, visto o relato, logrou con gran éxito. Traballadora na escola, afeccionada á lectura e deportista porque tamén xoga ao balonmán no clube Conservas Boya de Camariñas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Ainhoa Rego, gaña nos Microrrelatos