O atentado que conmocionou a Europa invita a reflexionar sobre a liberdade

Fraco servizo faría ao se pobo unha reliión e un Deus que non só amparase, senón que ademasi promovese a vinganza, o odio, o asasinato e a morte

En Berlín, como noutras moitas capitais europeas, os cidadáns participaron en homenaxes aos asasinados en París
En Berlín, como noutras moitas capitais europeas, os cidadáns participaron en homenaxes aos asasinados en París EFE

Todo o mundo, pero especialmente Europa, conmocionouse cos sucesos que tiveron lugar recentemente en Francia. Quitar a vida a traizón a persoas desarmadas, indefensas, aínda que, ás veces, sexa por feitos xulgados subxectivamente como delitos, causa sempre consternación, pero se converte en algo monstruoso cando se afirma que tales asasinatos se cometen en nome de Deus e da relixión. Fraco servizo faría ao seu pobo unha relixión e un Deus que non só amparase, senón que ademais promovese a vinganza, o odio, o asasinato e a morte. Ante estas circunstancias tan dramáticas, o máis importante é reaccionar con serenidade, pero con firmeza, e reflexionar para alcanzar conviccións que aseguren os nosos criterios para afrontar realidades terribles que, ao mesmo tempo, están tan próximas a nós.

Situacións para reflexionar

1. Delitos e pecados

Todo empezou cun cómic. A revista francesa Charlie Hebdo publicou unhas caricaturas satíricas do profeta Mahoma. Antes fixérao un xornal danés. O islam prohibe reproducir imaxes tanto do seu deus, Alá, como do profeta Mahoma. O problema non é tanto que os cómics fosen satíricos, senón que simplemente representaban a profeta. Para o islam debuxar ao profeta é unha blasfemia. Ata aquí non hai nada que obxectar.

O islam non é a única confesión relixiosa que prohibe o uso de imaxes sacras. Tamén o prohiben o xudaísmo e moitas igrexas protestantes. Pero iso é un tema que afecta aos seus crentes. Non respectalo podería constituír para eles un pecado. Si, un pecado, aínda que é necesario ter moi claro que un pecado non é un delito, se non está establecido así polas leis, e, por iso, non pode ser castigado cunha pena civil e, menos, cunha pena de morte, e, moitísimo menos, sen un xuízo previo. Ningunha lei prohibe en Francia, nin en Europa debuxar a Mahoma. Debuxar ao profeta non constitúe ningún delito en ningunha nación de Europa. O islam non ten ningún dereito a impor a ningún cidadán de Europa as súas crenzas.

2. Liberdade individual

Alguén podería dicir que conviría evitar ferir a sensibilidade dun grupo social sen necesidade. Pero a decisión sobre ese particular depende da liberdade de cada persoa. é unha cuestión opinable e como tal obxecto da liberdade persoal de cada un. Hai quen pode opinar que é máis san para o corpo social loitar contra calquera tipo de tabú que pretenda recortar as liberdades individuais e iso foi o que fixeron os xornalistas de Charlie Hebdo, exercer a súa liberdade persoal. Tiñan dereito a iso e exercérono. Ninguén pode pór ningún pero á súa responsabilidade.

3. Sociedades multiculturais

Cada día chegan a Europa, moitas veces entrando por España, persoas que buscan unha vida mellor. Veñen atraídos polos beneficios do que chamamos Estados do benestar, queren poder desempeñar un traballo entre nós para gozar do dereito á educación, á sanidade e ás prestacións sociais dos que nós xa gozamos. Pero cando se establecen nun novo país, ademais de ocupar postos de traballo que poderían necesitar os residentes anteriores, veñen tamén coa súa mochila ao lombo. Falan unha lingua diferente, profesan unha relixión distinta, teñen unha cultura, unha tradición e uns costumes propios.

¿Como enfrontarse a esta situación? Hai dúas posturas antagónicas: a dos que din que hai que aplicar o refrán popular de onde fores, fai o que veres e conseguir que os recentemente chegados disolvan a súa anterior identidade no caldo xeral da sociedade á que se integran e se convertan nun máis desa colectividade. Pero tamén hai os que pensan que o mellor é que conserven íntegra a súa propia identidade amparándose en grupos de cidadáns da mesma orixe que formen unha especie de illas sociais que vivan ao seu modo no medio do resto da poboación que lles rodea.

Entre eses dous extremos instálase a realidade de cada día e de cada persoa, e nesa realidade xorden conflitos sociais que ás veces se manteñen soterrados, e ás veces erupcionan en violentos estalidos.

4. Marxinados sociais

A crise económica que vivimos desde hai sete anos desembocou nunha situación na que os máis novos son tamén os máis afectados pola falta de traballo. En moitas cidades están a crearse bolsas de marxinación que afectan especialmente aos máis novos. A falta de horizontes para o desenvolvemento do seu futuro pode levar a moitos deles á desesperación e a un crecente menosprezo da vida. Ese é un caldo de cultivo pernicioso para tomar decisións gravemente equivocadas.

5. A función da escola

Alguén definiu a escola norteamericana como o melting pot, a pota na que se coce o guiso da identidade. Nela mestúranse e cocen xuntos legumes, hortalizas, carnes... para conseguir un suculento cocido con todos os sabores. E conséguese un prato único, ben identificado. A metáfora explica que na escola se xuntan nenas e nenos procedentes de comunidades moi distintas: de emigrantes hispanos, irlandeses, italianos, alemáns, asiáticos, árabes, etcétera, que foron chegando ao país ao longo da súa historia. Poida que nos seus fogares moitos deles conserven parte das raíces da súa orixe, ás veces a lingua, os amigos e veciños... Pero ao terminar a high school todos teñen un profundo sentimento de identificación común estadounidense. ¿Como o conseguen? Probablemente as prioridades do currículo e moitas rutinas escolares que a nós nos parecen patrioteiras teñan moito que ver con iso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O atentado que conmocionou a Europa invita a reflexionar sobre a liberdade