O ano da luz

Francisco J. Franco del Amo PACOFRANCO2@GMAIL.COM

LA VOZ DE LA ESCUELA

CESAR QUIAN

A Organización das Nacións Unidas declararon que o 2015 sexa o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías Baseadas na Luz

24 ene 2015 . Actualizado a las 13:24 h.

O pasado 20 de decembro a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar 2015 como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías Baseadas na Luz. A celebración é moi pertinente por varios motivos.

O máis importante é que a luz é un dos ingredientes fundamentais da vida. Hai aproximadamente 2.000 millóns de anos as cianobacterias inventaron a fotosíntese, un mecanismo que utiliza a luz solar, dióxido de carbono e auga para fabricar osíxeno e hidratos de carbono. Estes microorganismos foron os responsables de que a atmosfera primitiva da Terra se enchese de osíxeno, facendo así posible a existencia de todas as especies que utilizan este gas para respirar. As plantas dos nosos tempos seguen utilizando a luz de sol para fabricar osíxeno e alimentos dos que se nutren a maioría dos seres vivos do planeta.

Tamén se dá a circunstancia de que en 2015 coinciden varios aniversarios redondos de importantes descubrimentos científicos relacionados coa luz. Cúmprense, por exemplo, os 1.000 anos dos famosos traballos sobre óptica do árabe Ibn al Hayzan, coñecido como Alhacén. Tamén se cumpren os 200 anos do concepto da luz como unha onda, que propuxo Auguste Jean Fresnel; os 150 anos da teoría electromagnética da propagación da luz, da que é autor o físico escocés James Clerk Maxwell; os 110 anos da teoría do efecto fotoeléctrico formulada por Albert Einstein; os 100 anos da teoría da curvatura da luz no espazo, tamén de Einstein, e os 50 anos do descubrimento da radiación cósmica de fondo, que realizaron Arno A. Penzias e Robert W. Wilson. Hai tamén 50 anos, Charles Kao logrou transmitir luz a través dunha fibra óptica, permitindo así a comunicación óptica.

Fotónica

Os intentos da humanidade por comprender e controlar a luz deron lugar a grandes descubrimentos científicos e importantes innovacións tecnolóxicas. O lume, que foi a primeira fonte de luz artificial que utilizou o home, transformou por completo a vida dos nosos devanceiros. O mesmo sucedeu miles de anos despois coas lámpadas incandescentes, as luces fluorescentes e as luces de diodos emisores de luz (LED, nas súas siglas en inglés). A utilización de espellos e lentes para desviar a luz e aumentar os obxectos permitiu a invención dos telescopios e microscopios, que se utilizaron para describir o universo e formular a teoría celular.

A fotónica, que é a ciencia que permite xerar e controlar fotóns (as partículas que forman a luz), permitiu desenvolver as tecnoloxías para o almacenamento óptico de datos, a transmisión de datos por fibra óptica, a exploración do corpo humano mediante endoscopios, a impresión láser e a fabricación de láseres de alta potencia. Nun futuro próximo intentarase utilizar a fotónica, cuxas aplicacións se presumen ilimitadas, para sintetizar novos compostos químicos e obter enerxía mediante fusión. Crese que o século XXI dependerá tanto da fotónica como o XX da electrónica. Ademais, xera un mercado global xigantesco que actualmente alcanza un valor de 300.000 millóns de euros, que ascenderán a 600.000 millóns en 2020.