Suecia segue acollendo refuxiados desde a Segunda Guerra Mundial

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

cedida

14 ene 2015 . Actualizado a las 11:16 h.

Suecia era un país paupérrimo a principios do século XX. O seu desenvolvemento económico foi o gran éxito mundial da socialdemocracia, e marchou paralelo á concienciación humanitaria dos seus cidadáns. País neutral aínda hoxe («neutralidade activa», dicía o asasinado primeiro ministro Olof Palme), ten unha longa historia de axuda a desfavorecidos e países do Terceiro Mundo. Durante a Segunda Guerra Mundial acolleu a todos os xudeus a quen a resistencia de Dinamarca -país invadido polos nazis- axudaba a cruzar a estreita canle que separa a ambos os dous países.

O segundo secretario xeral de Nacións Unidas foi Dag Hammarskjold, entre 1953 e 1961, considerado o máis innovador e ousado de cantos tivo a ONU. Del é a idea de crear os cascos azuis, que despregou por primeira vez no Sinaí, e ademais forzou a intervención internacional no Congo, onde se estaba levando a cabo unha das masacres habituais nese país, que de feito se reproducen cada pouco. Morreu cando o seu avión se incrustou contra o chan en Zambia. Por todo o seu labor recibiu o premio Nobel da Paz a título póstumo.

En tempos actuais, e tanto cun goberno de dereitas como con outro de esquerdas que accedeu ao poder en outono pasado, Suecia ten un continxente de acollida de varios miles de refuxiados mensuais que escapan da guerra civil siria.