Sir Nicholas Winton, o heroe que sigue vivo na Europa onde renace a xenofobia

Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

O benfeitor británico viaxou a Praga chamado por un amigo e alí comezou a arriscada tarefa de salvar nenos xudeus xusto antes da Segunda Guerra Mundial

14 ene 2015 . Actualizado a las 11:16 h.

Nicholas Winton non morrera cando se pechou esta edición. Esta é unha non noticia, pero que debe darse. E moito máis cando en todo o centro e norte de Europa collen forza grupos e partidos xenófobos como Alternativa por Alemaña, Amencer Dourado (Grecia), Fronte Nacional (Francia) ou Auténticos Finlandeses. Nicholas Winton morrerá dentro de moi pouco tempo porque neste 2015 que comeza cumprirá, se chega, 106 anos, e a bioloxía é así. Pero pasará á historia como o que foi e o que é: un home xusto, bo e valente, moi valente, xa que está documentada a salvación que levou a cabo de 669 nenos xudeus que doutro xeito acabarían nas cámaras de gas do réxime da Alemaña nazi. E fíxoo cunha gran visión, xusto antes de que comezara a Segunda Guerra Mundial.

El mesmo era de orixe xudía, fillo de inmigrantes alemáns. Unha familia acomodada que lle procurou un traballo como axente de bolsa no Londres onde nacera. E en vésperas da guerra a súa vida deu un cambio de película: ía a esquiar a Suíza e un amigo seu, Martin Blake, chamouno por teléfono -algo entón moi raro- e pediulle, sen máis explicacións, que fose a Praga.

O susto levouno Nicholas cando na capital centroeuropea o seu amigo lle pediu que lle botase unha man traballando nos campos de refuxiados, unhas auténticas cortes humanas onde se morría de calquera cousa, sobre todo de diarrea. Aquilo cambiou a súa vida e ambos os dous propuxéronse sacar de alí a todo menor que puidesen. Un plan que axiña se propagou entre a poboación xudía, a cal se amoreaba ante as portas da oficina aberta ao efecto cun terceiro amigo, Trevor Chadwick.

Foi o Goberno sueco o único que respondeu á súa solicitude de aceptar nenos, e con moitas condicións, o británico. A actividade foi tal que Londres enteiro se puxo da súa banda. Ata o 1 de setembro do 39 foi sacando -sempre en tren, agás na primeira vez, que foi en avión- condenados a morte sen que eles puidesen adiviñar o futuro que lles esperaba en caso de terse quedado. Sen dúbida, o mesmo que aos 250 que ían saír ese día rumbo á liberdade pero que non puideron facelo porque Alemaña invadiu Polonia e pechou as súas fronteiras: eses 250 nenos foron os primeiros dos 15.000 que foron asasinados en Checoslovaquia naquel conflito.

Sir Nicholas Winton nunca contou nada disto a ninguén ata 1988, cando a súa muller atopou de casualidade toda a información gardada nun maletín agochado no faiado da súa casa. E agora espera a morte, co recoñecemento do mundo enteiro, un home que levaba posto sempre un anel que moitos anos despois lle regalaran algúns daqueles nenos aos que rescatou. E no anel, unha inscrición: «Salva unha vida, salva o mundo».