Nove centros galegos botan a andar o proxecto O Mundo Que Queremos

> Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Cedida

Os traballos dos alumnos do CPI Viaño Pequeño céntranse nas desigualdades sociais

10 dic 2014 . Actualizado a las 12:14 h.

O CPI Viaño Pequeño, no municipio coruñés de Trazo, acolleu o primeiro obradoiro de educación en valores O Mundo Que Queremos. As desigualdades sociais e as causas que as perpetúan foron o centro dos traballos, intentando que o alumnado fose todo o tempo partícipe dos problemas que a propia desigualdade xera. Ademais, presentáronse iniciativas de cooperación internacional que a Xunta apoia «en países empobrecidos» a través de oenegués.

O Mundo Que Queremos encádrase na plataforma de innovación educativa coñecida como Plan Proxecta, que pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as dinámicas locais e as desigualdades globais, neste caso a través da comunicación (imaxes e podcasts) como medio para sensibilizar e transformar.

O fío temático do proxecto son os chamados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de talleres de radio e fotografía, ao que hai que sumar representacións teatrais.

Ademais do CPI Viaño Pequeño, oito centros de Rianxo, Miño, Boiro, Beade, As Pontes, Viana do Bolo, Alfoz-Valdouro e Castroverde están inscritos en O Mundo Que Queremos, e iso significa 565 alumnos e 25 profesores intentando entender e mellorar a vida humana no planeta.