SOS píntegas

> Carlos García Soler

LA VOZ DE LA ESCUELA

CARLOS RUEDA

Un fungo vido de oriente que non afecta aos espécimes da súa zona de orixe resulta letal en Europa

03 dic 2014 . Actualizado a las 11:29 h.

Un grupo de investigadores dirixidos polo profesor A. Martel, da Universidade de Gantes (Bélxica), e no que participou o científico do Museo Nacional de Ciencias Naturais Jaime Bosch, acaban de publicar na revista Science do 30 de outubro as súas conclusións sobre a orixe e o perigo do fungo letal Batrachochytrium salamandrivorans. Este fungo, pertencente á clase dos quitridios, foi descuberto, de xeito case fortuíto, no ano 2013 polo propio A. Martel e os seus colaboradores ao estudar as posibles causas dun grave descenso, de máis do 90 %, nunhas poboacións de píntegas de lume (Salamandra salamandra) observada nalgunhas localidades dos Países Baixos. Este mortífero organismo, que afecta a píntegas e tritóns pero non a ras, sapos ou cecilias, e que se contaxia por contacto directo ou a través do substrato, causa graves lesións epidérmicas, con características ulceracións, que son fatais nun período de entre 7 e 27 días desde o contacto. As probas realizadas sobre 44 especies de píntegas europeas e norteafricanas demostraron que 41 delas son especialmente sensibles, do mesmo xeito que algunhas especies norteamericanas. Entre elas, dúas especies españolas en perigo de extinción, como o tritón alpino (Ichthyosaura alpestris) ou o gallipato (Pleurodeles walti), presentan mortalidades, en laboratorio, próximas ao 100 %, tras o contaxio.

UNHA ORIXE AFASTADA

A análise de máis de 5.000 mostras de anfibios, procedentes de coleccións dos catro continentes, permitiu determinar que este fungo mortal ten a súa orixe na zona asiática de Tailandia, Vietnam e Xapón. As poboacións de píntegas e tritóns das zonas de orixe, grazas a unha resistencia adquirida tras máis de 30 millóns de anos de coevolución, non sufriron os estragos deste mortífero fungo; cousa que non ocorreu cos exemplares europeos de Bélxica e os Países Baixos, onde as baixas foron alarmantes.

A análise de todos estes datos levou aos investigadores a establecer como probable vía de entrada do B. salamandrivorans en Europa á comercialización indiscriminada, e sen os suficientes controis, de diversas especies de anfibios asiáticos como mascotas.