Do 12 ao 19 de novembro do 2014
12 nov 2014 . Actualizado a las 12:23 h.Propomos seis noticias, unha para cada día lectivo, para comezar hoxe, mércores 12 de novembro. Todas elas falan de intolerancia, que sempre doen máis e chaman mellor a atención. Están elixidas un tanto ao azar, pero requiren a súa lectura enteira, seguindo as pautas que sempre demos nesta páxina. Se escribes o título da noticia no cadro lupa superior de wwww.lavozdegalicia.es, abrirache o correspondente texto. Leo e decatarasche mellor de que vai. Comecemos.
Odio e medo
Delitos de odio
(La Voz, 2/8/2014) A cadencia é esta: un día agrídese a un inmigrante ou se dá unha malleira a un homosexual; a continuación, alguén colga as imaxes nas redes sociais; as televisións recollen esas imaxes e emítenas centenares de veces; chámase a algún sociólogo para que enmarque a dimensión do suceso; leva o tema aos faladoiros; descóbrese que hai unhas 4.000 agresións anuais; en cidades como Barcelona se produce un asalto racista cada tres días. E conclúese que xa temos un novo problema social: o dos chamados delitos de odio.
- ACTIVIDADE para o 12-N: Practicar a tolerancia non significa tolerar a inxustiza social nin renunciar ás conviccións persoais ou temperalas. Significa que toda persoa é libre de adherirse ás súas propias conviccións e acepta que os demais se adhiran ás súas. Significa aceptar o feito de que os seres humanos, naturalmente caracterizados pola diversidade do seu aspecto, a súa situación, a súa forma de expresarse, o seu comportamento e os seus valores, teñen dereito a vivir en paz e a ser como son.
Darwin non
Darwin, proscrito polos yihadistas
(La Voz, 9/9/2014). O novo programa educativo dos alumnos iraquís, cambiado polo Estado Islámico, prescinde das materias contrarias á sharia. Os alumnos que hoxe volven ás escolas na cidade de Mosul, controlada polos yihadistas desde xuño, vanse atopar con que a teoría da evolución de Darwin desapareceu. Entre outras regras, os yihadistas ordenan aos profesores infundir aos alumnos a pertenza ao islam e a segregación dos estudantes por sexo.
- ACTIVIDADE para o 13-N: Para entender mellor que é tolerancia, busca o significado de cada unha destas palabras: Indiferenza / Respecto / Reprobación / Tolerancia / Fanatismo / Dogmatismo / Fundamentalismo / Discriminación / Integrismo / Racismo / Misoxinia / Homofobia / Machismo / Feminismo / Xenofobia / Prexuízo / Discriminación / Intolerancia / Igualdade / Marxinación / «Apartheid» / Segregacionismo
Sefardís
A maioría dos sefardís que adquiran a nacionalidade non regresarán a España
(La Voz, 6/6/2014) Considera que os xudeus non se quedarán porque «non hai infraestrutura» e tampouco «tolerancia». Amir é a primeira xeración da súa familia que puido converterse en cidadán israelí. «O antisemitismo é moi palpable» Aínda que di que talvez podería demostrar as súas orixes, asegura que na súa familia non están interesados na cidadanía española porque, ao seu xuízo, o país non conta coa «infraestrutura» necesaria e tampouco hai «tolerancia». Afirma que en España «é moi difícil» ser xudeu porque aínda que hai comunidades e aínda que o goberno lles protexa, a infraestrutura «non está desenvolvida» e, sobre todo, «non hai tolerancia».
- ACTIVIDADE para o 14-N: Declaración de principios sobre a tolerancia: https://195.55.53.150/http/bit.ly/1vcrhab
Racistas e antisemitas
Comentarios racistas dos españois nas redes chegan a «The New York Times»
(La Voz, 23/5/2014) The New York Times traslada ás súas páxinas o estendido costume español de arremeter nas redes sociais contra os deportistas con comentarios racistas e antisemitas. A reportaxe, publicada este venres na versión impresa, arrinca comparando as prácticas nas redes sociais dos afeccionados españois co caso de Donald Sterling, o magnate estadounidense propietario de Los Angeles Clippers que vén de ser sancionado e suspendido para sempre pola NBA polos seus comentarios racistas. O rotativo recalca que os prexuízos nos deportes non son nada novo en España.
- ACTIVIDADE para o 17-N: «Se tivésemos que tolerar aos demais todo o que nos permitimos a nós mesmos, a vida sería intolerable» (G. Courteline, escritor francés, 1858-1929). «Os diferentes, os desprazados e os refuxiados son os que enriquecen todas as nosas vidas» (Kofi Annan).
Crer
¿Por que se burlan da xente que cre?
(La Voz, 21/4/2014) Luns de Pascua. Día para escribir o verbo tan pronunciado e, á vez, consumido: respectar. Ou, se vostedes o prefiren, tolerar. Resulta curioso que algúns que reclaman transixencia sexan os máis remisos a ser condescendentes cos demais. A pasada semana, santa para os cristiáns, presenciamos mofas e bufonadas que producen sufoco. Non faltaron as «procesións ateas» que pretendían escarnecer, soamente, aos católicos. En Internet disparouse a inquina contra os hábitos de Semana Santa. E mentres, a corrección política que nos administra afastándose incluso das propias entrañas. Foi a tradición xudeu-cristiá a que nos fixo o que somos. As humanidades creceron ao abrigo da nosa Igrexa; tamén o coñecemento, a pesar de que un empirismo exacerbado pretendese negar os progresos propiciados pola cristiandade.
- ACTIVIDADE para o 18-N. Graos de tolerancia:
- Odio: na parte máis baixa da táboa.
- Intolerancia: como algo que non podes ou non queres admitir.
- Tolerancia: saber convivir con algo que non che gusta, pero o admites.
- Respecto: admiración, valoración do que o outro fai e admiras.
- Integración: admítelo, apúntasche.
- Xustiza: ás veces alguén actúa en contra dun feito non admisible. ¿En que grao nos atopamos neste apartado?
Todos iguais
¿Uniforme si ou non?
(La Voz, 20/8/2014) Eliminar diferenzas ou coartar a liberdade son só algúns dos argumentos de partidarios e detractores do uso da mesma indumentaria nos máis pequenos da casa. Os proxenitores de ambos os bandos defenderán con uñas e dentes os beneficios e prexuízos de usar, ou non usar, esta peza sen lograr un punto de acordo común. A favor: eliminan as diferenzas entre os nenos, suprime as posibles desigualdades de tipo económico, premia que se identifiquen os pequenos cun centro de estudos.
ACTIVIDADE para o 19-N. En cambio, en contra, están os que din que suprime as diferenzas e a diversidade, o uniforme é sexista, o pórse o uniforme non desenvolve a súa capacidade de elección, non promove a individualidade, a tolerancia. ¿Que opinades na vosa clase sobre estas razóns, teñades ou non uniforme?