Posibles riscos das probas de avaliación PISA

Jesús Garrido | cursosrepeducador.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

SIMÓN BALVÍS

05 nov 2014 . Actualizado a las 12:41 h.

Todo foi unha chea de sorpresas, de carreiras a ver quen o fixo mellor, de subidas e baixadas no posto dos primeiros e os máis atrasados, de protestas e análises de por que o facemos tan mal e de suxestións esixentes de como hai que facelo para non volver caer na escala que se formará na próxima competición que xa se anuncia para dentro de tres anos. Os resultados PISA foron noticia, sen ningunha dúbida. E moitos colexios idearon xa as súas fórmulas para adestramentos directos. ¡Nada de exames tradicionais, hai que facelos tal cal se piden en PISA, gardando incluso a súa peculiar redacción de preguntas! Un grupo de especialistas reaccionou. ¡Menos PISA! O xornal The Guardian recolle ao pé da letra e cos seus nomes a súa inquietude. ¿Que che parecen cada unha das súas inquietudes?

O DEBATE

Expertos en educación e institucións académicas de diversas partes do mundo envían ao Dr. Schleicher, director do programa PISA para a avaliación dos alumnos proposto pola OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico), un documento no que achegan as súas preocupacións polos riscos que a aplicación do sistema ten ante a visión máis ampla que debe levar consigo o concepto de educación.

1. Como resultado da aplicación de PISA cada tres anos en máis de 60 nacións, os diversos países apresuráronse incluso a cambiar os seus sistemas e programas educativos co fin de obter mellores resultados, adaptándose aos contidos e estratexias de preguntas propostas en tales probas.

2. Produciuse unha escalada cara aos tests, en moitos casos discutibles, que miden cuantitativamente resultados estándar, como se demostra, por exemplo, no recente impulso do programa americano Race to the Top, algo así como a urxencia dunha carreira de alumnos por chegar á cima.

3. Os ciclos de tres anos para a aplicación das probas son demasiado curtos, xa que os cambios na educación e as competencias e adaptación dos profesores á cultura de cada nación requiren períodos máis longos.

4. As probas PISA non prestan atención ao desenvolvemento dos obxectivos menos medibles, tales como os relacionados coa educación física, moral, cívica e artística, reducindo a atención a outros campos importantes da educación.

6. A OCDE é unha organización que incide en favor do papel económico que debe desenvolver a escola pública, preparando aos mozos para o emprego remunerado, esquecendo outros obxectivos e funcións como a participación democrática no proceso educativo do propio autogoberno, formación ética, desenvolvemento e benestar persoal.

7. Organizacións como a ONU, a Unesco, Unicef, teñen un claro e lexitimado mandato para a mellora da educación no mundo, título que non lle corresponde á OCDE, nin dispón, de mecanismos de participación democrática no proceso de toma de decisións no ámbito educativo.

8. Para levar a cabo o seu programa PISA, a OCDE, segundo este documento, estableceu alianzas e convenios con compañías multinacionais que obteñen os seus beneficios prestando axuda para emendar o déficit educativo que revelan os resultados obtidos nas súas probas.

9. Finalmente, o máis importante: o novo réxime PISA, co seu continuo ciclo de probas globais, desanima aos alumnos, empobrece as nosas aulas con tanto test prefabricado e resta autonomía aos profesores, aumentando o estrés que xa existe no noso ámbito educativo.

PROPOSTAS CONCILIADORAS

Os asinantes do documento están seguros da boa intención da OCDE e do seu desexo por mellorar a educación nos diversos países e por iso propoñen unha serie de ideas conciliadoras que esperan que se teñan en conta neste período de tres anos que falta para a nova aplicación do PISA:

A) Non se pode propor unha reforma partindo soamente da medida de calidade dun só aspecto ou tema educativo.

B) Ningunha reforma debe ignorar a influencia de factores non-educacionais como son, por exemplo, as desigualdades socioeconómicas.

C) Non se poden comparar os resultados entre diversas nacións nin ten sentido algún publicalos sen unha aclaración dos límites da experiencia.

D) É demasiado impacto, chama demasiado a atención, soa a colonialismo, coma se a educación fose só iso, mata a alegría por aprender.

E) Non ten en conta outros aspectos da antropoloxía, socioloxía, artes, humanismo e outros menos medibles, pero básicos na educación.

RECURSOS

Asinan o documento máis de 70 entidades e expertos en educación.

n The Guardian (6/5/2014): http://bit.ly/1nMqcNI .