A andoriña común, ave do ano en España

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

O cuco real e corvo pequeno manteñen una particular forma de simbiose
O cuco real e corvo pequeno manteñen una particular forma de simbiose BS THURNER HOF / ERAN FRINKLE

07 may 2014 . Actualizado a las 12:34 h.

Cada vez quédannos menos andoriñas comúns. Como o cuco, a andoriña é un dos paxaros que mellor encarnan a chegada da primavera. O seu regreso a partir de febreiro e marzo desde África aos nosos pobos e cidades foi sempre para quen vivimos neste continente un dos sinais máis claros de que as forzas da vida se puxeron un ano máis en marcha e de que todos os campos están a piques de explotar de flores, bolboretas, grilos, saltóns e cantos de aves. Con todo, cada ano regresan menos. Estimouse que desde 1998 perdemos só en España nada menos que dez millóns de andoriñas. Isto motivou que a Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife teña nomeado esta especie ave do ano en España neste 2014. Na súa páxina web tes máis información acerca da andoriña e sobre como colaborar na súa conservación: http://www.seo.org/golondrina2014/

Como nos indican desde SEO/BirdLife, o que podemos facer polas andoriñas é moito máis do que parece: conservar os niños existentes, facilitarlles barro na época de aniñamento, conservar nos edificios aleiros e superficies resgardadas para que instalen eses niños de barro, colocar niños artificiais e, por suposto, denunciar a destrución dos seus niños cando así suceda. A partir de agora, cada vez que vexas unha andoriña pensa en todo isto, e ao mesmo tempo nas súas asombrosas viaxes, que no caso dalgunhas lles leva nada menos que ata Sudáfrica. ¡Boa viaxe, aínda que sexa coa imaxinación!

Os lectores preguntan sobre o cuco

Os lectores de La Voz de la Escuela, sempre cheos de curiosidade, veñen enviando durante esta primavera ao noso ornitólogo de garda todo tipo preguntas acerca do cuco. Hoxe eliximos estas dúas, coas súas respostas.

Ruth Carreira (11 anos, CEIP A Doblada, Vigo)

¿POR QUE O CUCO TEN UNHA PLUMAXE TAN PARECIDA A UNHA AVE DE PRESA?

É algo parecido a un disfrace. Os cucos, é verdade (moi bo ollo, ¡parabéns, Ruth!), parécense bastante a primeira vista a un gabián ou un azor, especies comúns nos nosos bosques e campiñas. A dieta destas dúas aves de presa consiste sobre todo en pequenos paxaros. Algúns destes paxaros son, precisamente, as especies que elixen papá e mamá cuco como familia adoptiva para os seus ovos. Tras detectar un dos seus niños, o que fan é asustar aos seus ocupantes pasando xunto a eles. Alarmados ante a presenza dun posible depredador, os paxaros afástanse voando, ocasión que aproveita de inmediato mamá cuco para pór un ovo. A ciencia dedicou especial atención a esta característica dos cucos, polo seu interese como exemplo da evolución das aves. Así é como descubriu que cada unha das especies de cuco ten un barreado no peito moi parecido ao dunha ave de presa común nas zonas do planeta en que viven, pero non a outras pouco habituais xusto alí. É dicir, que a evolución lles fixo especialmente parecidos aos depredadores que máis temen os paxariños do seu territorio en concreto.

Pablo Carrera (13 anos, IES Castelao, Vigo)

¿QUE SORPRENDENTE RELACIÓN SE DESCUBRIU HAI POUCO ENTRE UN TIPO DE CUCO QUE TEMOS EN ESPAÑA, CHAMADO CUCO REAL, E OS CORVOS PEQUENOS EN CUXOS NIÑOS PON O SEU OVO?

O cuco real só aparece de forma regular no sur de Galicia, aínda que de cando en vez se ve no norte algún exemplar. Vén ao sur de Europa e Oriente Medio na primavera desde África. Unha das especies en cuxos niños pon os seus ovos é o noso típico corvo pequeno. Esta si é a especie de córvido máis común en Galicia. ¡Seguro que viches os seus grupos máis dunha vez! Pois ben, un traballo recentemente publicado na prestixiosa revista Science por investigadores das universidades de Valladolid e Oviedo, entre outros, demostrou que a presenza de pitos adoptados de cuco real nos niños de corvo pequeno é un estupendo sistema de protección dos pitos do corvo contra posibles depredadores. ¿Como funciona esta asociación de intereses? Pois dunha forma tan sinxela como rechamante: cando se sente ameazado por un depredador, o pito de cuco real segrega unha sustancia de cheiro nauseabundo, con numerosos compostos acedos e tóxicos, que invita a calquera a largarse. Este descubrimento chamou a atención de toda a comunidade científica, pois ao beneficiarse ambas as especies da súa relación non se pode falar exactamente de parasitismo, senón dunha forma de mutualismo. Aínda que, ao contrario que o cuco, o cuco real non expulsa do niño aos pitos da súa familia adoptiva, si compite con eles polo alimento.

- Se che apetece saber máis acerca de todo isto, podes consultar esta información:

(http://bit.ly/1nGYct4).

- E para saber máis sobre os cucos reais: (www.vertebradosibericos.org/aves/clagla.html)

- Recorda que se queres saber máis acerca do cuco e o resto das nosas aves, as súas viaxes ou a súa conservación, podes escribir a prensa-escuela@lavoz.es. E non deixes de enviarnos observacións ou escoitas de cuco á mesma dirección. Xa sabes os datos que fan falta: o nome de quen o escoitastes, a hora, a data e o lugar (parroquia, municipio, provincia e coordenadas X e Y, se as coñeces), e cantos exemplares cantaban.