Un amigo único no mundo

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Setenta anos despois da morte do seu autor, o Principiño sobrevoa a Terra nun planeta a reacción

23 abr 2014 . Actualizado a las 12:24 h.

Creouno Antoine de Saint-Exupéry. E el, un rapaz louro cun aceno de asombro e fular ao vento, levou ao aviador ao máis alto. O Principiño, como quizás saibades, é quen de interrogar a calquera, mesmo a un raposo sen domesticar mais capaz de coñecer a esencia da amizade, e de beber luz de estrelas. Cara a elas adoita mirar con aceno de pregunta o Principiño. Vive no seu propio planeta, nun conto que cumpriu os 70 no 2013, un ano antes da desaparición do seu autor en 1944. Unha noite de xullo o aviador despegou de Córcega e non regresou. ¿Mais quen esqueceu ao pequeno preguntón algo rabudo e morriñento que pedía que lle debuxasen un año? O aspecto deste príncipe é inconfundible. «Non hai unha imaxe fixa de Gulliver nin de Oliver Twist. En cambio si hai unha soa imaxe do Principiño, e sabémola de memoria», di David Pintor, que vén de facer xunto con Carlos López o que cualifican como unha «pequena homenaxe» ao gran relato breve de Antoine de Saint-Exupéry.

Este Principiño que vedes á dereita mirando a súa rosa, recreado por Pinto & Chinto en Bululú, preséntase como estrambótico. Mudou algo o color e o corte de pelo, tamén o seu modo de vestir cara a un estilo máis «casual», pero non se desprende do fular ao ar cósmico; nin dese aceno de asombro que posúe quen mira as cousas sempre como se fose a primeira vez.

O estrambótico Principiño naceu en Corea. Dun xeito inusual; primeiro viron a luz as ilustracións, un reto para David Pintor, ao que redeseñar ao pequeno ser de Saint-Exupery lle parecía estarse metendo «con algo sagrado». Despois dos debuxos chegou o texto, a nova versión deste conto «máis para o neno que os adultos aínda levan dentro, que para o neno que fomos», di Carlos López. O escritor de Pinto & Chinto fixo unha versión libre seguindo as «liñas mestras» da obra orixinal. «Fíxeno á miña maneira, terxiversando a historia, pero mantendo a esencia e os personaxes», conta. O seu preferido é o do aviador, «o aventureiro do aire». Fascinante a súa capacidade para converter en realidade un dos grandes soños dos humanos: voar. «É algo que nos acompaña dende nenos -advirte-. Fíxate en como se lles fai aos nenos coa culler para conseguir que coman». Neste voo do Principiño que chega ata China, ata Kenya, ata a xeada Antártida, pero aínda máis, moito máis lonxe, tanto como o permite a imaxinación, os planetas e as estrelas déronlle moito xogo a David Pintor. Tamén personaxes como os do rei ou o faroleiro, que, como subliñan Pinto & Chinto, son arquetipos de persoas, personaxes «disparatados pero familiares» nos que os autores desta estrambótica versión quixeron afondar.

Neste conto non hai moralina, afirman; foi creado para ler por diversión, para abrir o buratiño dun sorriso na faciana, cal nunha caixa de cartón co mellor dentro. Aspira, iso si, a servir de ponte para seguir lendo. «Gustaríanos invitar aos lectores a que queden na literatura», di Carlos López. «De neno, moito antes de ser aviador, eu quería ser debuxante. Dicíanme que sempre estaba nas nubes, así que se cadra por iso acabei sendo aviador. Abrín a caixa de lapis de cores e nunha folla fixen o debuxo que estades vendo [lectores, ¡aquí para ver tedes que ir ao libro!]. Amoséillelo a algunhas persoas maiores. Todos me dixeron: ??É unha boa dixerindo a un elefante??. As persoas maiores son moi complicadas. Eu simplemente debuxara un chapeu», comeza este revirado Principiño.

Viaxa polo universo no seu planeta a reacción e non esquece a beleza única da súa rosa. Unha entre mil. Como o amor e a amizade auténticos. Como os contos que atrapan os ollos nun feitizo que non murcha co paso do tempo.

> Ana Abelenda