Outros dirixentes políticos que foron aclamados polos seus pobos

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

02 abr 2014 . Actualizado a las 13:13 h.

SUECIA

Olof Palme: asasinado en plena rúa

Olof Palme foi primeiro ministro de Suecia desde 1969 ao 1976 e desde 1982 ata 1986. O país, famoso polo respecto polas liberades, non podía pensar que un primeiro ministro tivese que levar escolta na vida cotiá, de maneira que Palme e a súa muller foron o 28 de febreiro do 86 ao cine e, cando ían camiñando á saída, el recibiu varios tiros dun descoñecido. Xamais se soubo quen foi nin por que. Todo o país quedou conmocionado e mesmo hoxe é tema de conversa habitual. Palme foi un gran defensor dos dereitos dos países do Terceiro Mundo.

- ACTIVIDADE: ¿Onde está Suecia? ¿Deben levar escolta os primeiros ministros?

ALEMAÑA

Bismarck: el gran político

«Todo é negociable agás a xeografía», explicada o chanceler Otto von Bismark cando deseñaba a súa densa rede de pactos (e de guerras) que significaron o gran posicionamento de Alemaña na escena mundial. Foi coñecido como «o chanceler de ferro», pero malia o que poida parecer foi un home respectado e querido polos seus concidadáns, xa que adoptou medidas revolucionarias como crear o primeiro sistema de seguridade social do mundo, a Lei do Seguro de Enfermidade, no 1883. O que a xente ignoraba era que el, un prusiano antisocialista, se opuxo sempre a esa lei. Morreu en 1898.

- ACTIVIDADE: ¿Qué era ser prusiano? ¿Para que vale a Seguridade Social? ¿Haina en Galicia?

GRAN BRETAÑA

Churchill: o home que derrotou aos nazis

Con todos os ventos en contra e unha poboación desmoralizada, Winston Churchill chegou a premier da Gran Bretaña cunha fixación: opoñerse a calquera pacto e moito máis á rendición ante a Alemaña de Hitler, que entón tiña os seus exércitos espallándose triunfantes por Europa enteira. Foi primeiro ministro entre 1940 e 1945 (e logo entre o 51 e o 55), e prometeu «sangue, suor e bágoas». Levantou a moral de combate, resistiu todos os ataques e, coa axuda de Estados Unidos, derrotou aos nazis. Morreu en 1965 en medio da consternación popular. Foi premio Nobel de Literatura.

- ACTIVIDADE: ¿Quen foron os nazis? ¿E Hitler? Churchill foi un gran orador: ¿que quere dicir isto?

BRASIL

Lula: o obreiro que chegou a presidente

Luíz Inacio da Silva, Lula, non foi primeiro ministro, senón xefe de Estado. É un caso sorprendente, porque era un humilde obreiro metalúrxico fillo de labregos e metido a sindicalista. El foi un dos que encabezou a longa loita contra a ditadura terriblemente represora dos militares brasileiros (1964-1985). Ocupou a presidencia do país desde o 2003 ao 2010, e adoptou medidas modernizadoras e sociais (incluíndo aumento de salarios) que lle granxearon o agarimo das clases populares e medias. Nin o cancro que sufriu lle fixo abandonar o sorriso que continúa amosando.

- ACTIVIDADE: ¿Cal é a diferenza entre primeiro ministro e xefe de Estado? ¿Que é unha ditadura?

ISRAEL

Isaac Rabín: morto por un xudeu

Un militar duro e intelixente no campo de batalla: así foi definido Isaac Rabín, xudeu ata a medula, que colgou o uniforme para se dedicar á política. Foi primeiro ministro de Israel entre 1974 e 1977 e desde 1992 ata que o asasinou a tiros un ultradereitista da súa mesma nacionalidade en 1995. O impacto naquel pequeno país acostumado á violencia cotiá foi brutal, porque era a primeira vez que un xudeu asasinaba a outro por ideas políticas, ambos os dous dun pobo que se considera a si mesmo o elixido de Deus. A causa do atentado foi que Rabín consideraba, tras anos de guerra, que había que devolver territorios aos palestinos para acadar a paz.

- ACTIVIDADE: ¿Quen son os palestinos? ¿Cal é o seu país? ¿Cal é a relixión maioritaria?

CANADÁ

Pierre Trudeau: nunca fuxiu da polémica

Escritor (ten cinco libros publicados) e profesor universitario de dereito antes que carismático líder do Partido Liberal, Pierre Trudeau foi primeiro ministro de Canadá en varias ocasións. Home que xamais fuxía da polémica, fixo grandes achegas á igualdade cidadá nun país de inmigrantes, o que lle deu enormes cotas de popularidade. Sen embargo, tivo que dimitir xustamente polo contrario: en 1984 era, co 23 % de aceptación, o ministro máis impopular da historia do seu país. Dezaseis anos máis tarde, o seu funeral convertíase no máis concorrido de Canadá.

- ACTIVIDADE: ¿Que defende a ideoloxía liberal? ¿Quen é o mellor polemista da clase?