Atentos. ¿Escóitase xa o cuco?

Antonio Sandoval

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os colaboradores na observación do paxaro en Galicia xa enviaron os primeiros datos

26 mar 2014 . Actualizado a las 12:40 h.

¡Cucú! Este son, tan inseparable da primavera en toda Europa, é desde hai anos cada vez máis difícil de escoitar en moitas zonas do noso continente. Por exemplo, en toda a franxa litoral de Galicia, como comprobaron o ano pasado quen nos enviaron as súas escoitas e observacións de cuco. Foi todo un éxito de participación, pero a do ano pasado foi unha primavera moi chuviosa, polo que se perderon moitos días de observación. Por iso este ano repetimos. Imos intentar entre todos localizar cucos preto dos nosos centros escolares, os nosos fogares ou aldeas. ¡A ver cantos atopamos!

Os primeiros xa chegaron, segundo os nosos colaboradores, así que moi atentos. Deixan ás súas costas unha longa viaxe que incluíu a travesía do deserto do Sahara e o cruzamento do estreito de Xibraltar, pero chegan con moitas ganas de marcha: ¡Cucú!

Xa sabedes por que cantan os machos do cuco: para atraer á súa parella. Logo, entre ambos, buscan niños alleos nos que instalar os seus ovos. Algúns ornitólogos opinan que os cucos manteñen a mesma parella toda a vida, aínda que isto é moi difícil de comprobar. O que si se sabe é que cada femia se especializa en pór os seus ovos nos niños dunha soa especie de paxaro, imitando as cores dos ovos desta. Incrible, ¿verdade? E que algunhas mamás cuco chegan a pór ata 25 ovos, aínda que a media é de 12 a 15.

SOCIEDADE GALEGA DE ORNITOLOXÍA

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) apuntouse un ano máis á procura do cuco en Galicia, animando aos seus socios a estar moi atentos. A súa colaboración é unha estupenda noticia. Cantos máis sexamos os que busquemos cucos, mellor. Se queres saber máis acerca das súas actividades, podes visitar a súa páxina web nesta dirección: www.sgosgo.org.

ÚLTIMA HORA: ¡XA ESTÁN AQUÍ!

Comeza o concerto: xa se escoitou o canto do cuco a semana pasada, así o afirma David, que ten 11 anos e vive na Xesta, unha parroquia de Lalín. Escoitouno e viuno o 16 de marzo, pola tarde, cando regresaba dunha xornada de pesca. María, de Cobas (Ferrol) oíuno o día 18 ás 10 da mañá. Manuel, de Touro, escoitouno o día 20 ás 11.30, e ese mesmo día Fernando oíu o seu canto varias veces e en dous lugares distintos no campo de golf Montealegre, de Ourense.

Enviade as vosas observacións

Este proxecto está aberto á participación de todo o mundo: escolares, profesores, mamás e papás, avós e avoas, o resto da familia, os amigos... O cuco, cuxa voz anunciou a primavera desde sempre, merece a atención de todos nós. ¡Así que, moi atentos!

? Quen escoitedes ao cuco debedes enviar un correo electrónico ao buzón prensa-escuela@lavoz.es indicando cantos cucos oístes, o nome de quen o escoitastes, a hora, a data e o lugar (parroquia, municipio, provincia) e, se as coñecedes, as coordenadas X e Y.

? Recordade que é moi importante tamén saber se, a pesar de estar atentos, non sodes capaces de oílo. Iso quererá dicir que o cuco non aparece pola vosa zona. ¿Foi así sempre? Preguntade aos vosos pais e avós, e enviádenos as súas respostas.

¡Moitas grazas!