¿Oíches cantar o cuco? ¡Dínolo!

Antonio Sandoval

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os cucos están a piques de volver este ano. ¿Serás ti o primeiro en velos?
Os cucos están a piques de volver este ano. ¿Serás ti o primeiro en velos?

Prensa-Escuela retoma a iniciativa para observar a súa presencia en Galicia

03 mar 2020 . Actualizado a las 12:49 h.

Xa está aquí a primavera. O calendario dinos que comeza esta semana, pero levamos xa uns cantos días de bo tempo, salvo por algún ballón propio destas datas. Atrás queda un dos invernos máis húmidos e ventosos que se recordan. Case todas as aves migratorias que pasaron os meses de frío en África empezaron a regresar cara a Europa. As primeiras xa chegaron a Galicia. ¿Estará entre elas o primeiro cuco?

Como recordaredes, o ano pasado puxemos en marcha desde La Voz de la Escuela unha campaña de recollida de información acerca do cuco en Galicia. Foi tan exitosa, con tanta participación e uns datos tan interesantes recollidos polos nosos lectores e membros da Sociedade Galega de Ornitoloxía (www.sgosgo.org) que este ano decidimos repetila. Recordaredes tamén que a primavera do 2013 foi especialmente chuviosa, polo que houbo moitos días nos que non se puido ir pasear polo campo cos oídos ben atentos a calquera cu-cu. Este foi o motivo de que se perdese moita información. Esperemos que esta tempada sexa mellor, e que con este novo esforzo obteñamos maior información do cuco en Galicia.

Esta especie está a pasar un mal momento, tal e como demostra o feito de que, como vimos o ano pasado, sexa moi rara vela en toda a costa galega. Así que canto máis podamos contribuír entre todos a saber máis dela mellor. Noutros países nos que sucede algo parecido incluso puxeron en marcha programas de seguimento por satélite das súas viaxes transcontinentais.

QUÉ DATOS FAN FALTA

Os datos que necesitamos para entre todos saber máis acerca do cuco en Galicia son: o nome de quen o escoitastes, a hora, a data e o lugar (parroquia, municipio, provincia e coordenadas X e Y, se as coñecedes), e cantos exemplares cantaban. Podes enviarnos todo isto ao correo: prensa-escuela@lavoz.es

> NOTICIAS

Segundo o Noticiario Ornitoxeográfico Galego da SGO (http://sgo.cesga.es/aves/htdocs/), nos últimos oito anos os primeiros cucos escoitáronse entre o 8 e o 19 de marzo.

Tal como informou La Voz de la Escuela, o ano pasado escoitouse o primeiro o 8 de marzo en Boqueixón (A Coruña). Así que ¡atentos!

> PREGUNTA A UN ORNITÓLOGO

Se desexas saber máis sobre o cuco, as anduriñas, as cegoñas ou outras aves migratorias que nestes días regresan a Galicia desde África, podedes enviar as preguntas ao ornitólogo de garda de La Voz de la Escuela: prensa-escuela@lavoz.es. Todas cantas se vos ocorran. Canto máis difíciles voz parezan, mellor. ¡Xa veremos se é capaz de respondelas!