Ciencia nas noticias

> Patricia Barciela patricia@casaciencias.org

LA VOZ DE LA ESCUELA

O xornal converteuse nunha valiosa fonte de recursos para actualizar os contidos científicos dos currículos

12 mar 2014 . Actualizado a las 13:11 h.

Co xornal, profesores e alumnos poden tamén asomarse á ciencia. A proposta: experimentar coas noticias e abordar temas de contido científico, que moitas veces tamén teñen que ver co económico, político, social ou educativo. O fin é que, a través das páxinas do xornal, os escolares desenvolvan o sentido crítico que lles axudará a formarse como cidadáns nunha sociedade plural.

Os contidos científicos do xornal foron variando co tempo, en parte porque a relación entre prensa e ciencia cambiou. Ata hai uns dez anos, nos xornais de maior difusión apenas había noticias de ciencia. A maior parte da información destinábase a política, sucesos, deportes e necrolóxicas. Hoxe en día, con todo, algúns xornais editan suplementos de ciencia ou tecnoloxía de gran interese para a escola. E as noticias sobre ciencia incrementaron notablemente a súa presenza nos medios escritos. Por iso, o xornal pódese converter nunha valiosa fonte de recursos que achega datos para a ampliación de contidos científicos e a súa actualización. E tamén pode ser o lugar no que preguntar, contar e compartir aquela curiosidade científica que non atopamos nos libros da escola.

Estes son algúns exemplos das noticias científicas que chegaron aos escolares a través das páxinas de La Voz de la Escuela.

De saúde. Un mundo sen malaria

A malaria é considerada a enfermidade máis importante do mundo debida a un parásito e é responsable da morte de aproximadamente 800.000 persoas cada ano, especialmente nenos menores de 5 anos e mulleres embarazadas. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), uns 3.000 millóns de persoas corren o risco de contraer a infección, e no ano 2010 producíronse 225 millóns de casos de malaria no mundo, dos cales un 90 % tiveron lugar en África.

Historicamente as vacinas constituíron un dos medios máis eficaces para previr enfermidades e salvar vidas, sobre todo no caso das enfermidades infecciosas. A obtención dunha vacina parcialmente eficaz contra a malaria podería significar a posibilidade de salvar centos de miles de vidas.

De curiosidades. O deseño dos balóns

¿Algunhas vez intentaches xogar ao baloncesto cunha pelota de tenis? ¿Ou xogar ao tenis cunha pelota de baloncesto? Certamente, cada pelota está deseñada para cada tipo de xogo. Pode variar desde o tamaño e a forma ata o material do que está composta. E segundo como se combinen esas opcións, así terás diversas posibilidades para facela botar, virar ou lanzala polo aire.

En fútbol, por exemplo, a clave para controlar a dirección da pelota está en como rota ou, como se adoita dicir en termos deportivos, en como darlle efecto. Unha bóla que vai con efecto bota na dirección na que a parte superior da bóla está a virar. Pódese comprobar se colles a pelota entre a palma das mans e, a continuación, moves unha man cara arriba e outra cara abaixo, ata que a pelota cae. Cando se move a man dereita cara arriba, a parte superior da bóla vira cara á esquerda e a bóla botará cara á esquerda. Se se move a man esquerda cara arriba, a parte superior da bóla virará cara á dereita e botará tamén cara á dereita. Ademais deste exemplo, hai moitos máis posibles efectos. Por exemplo, se unha bóla se despraza polo aire virando de arriba cara abaixo, tende a caer en picado ao chan. Ou, se se lanza virando de esquerda a dereita, o seu camiño virará tamén cara á dereita.

De proxectos. A revolución biotecnolóxica

Hai xa máis de cen anos que un descubrimento cambiou radicalmente a nosa visión do mundo: ao noso lado viven miles e miles de millóns de seres invisibles dotados de habilidades insospeitadas. Transformaban a materia mineral e orgánica e interferían continuamente na vida dos demais seres vivos, inoculándolles enfermidades ou cooperando nas súas actividades. Tratábase das bacterias, seres completamente vivos e evolucionados que prosperaron durante máis de 3.500 millóns de anos.Continuamente descóbrense novas traballadoras hiperespecializadas que se domestican, patentan e conservan. Porque as bacterias saben facer case todo. En 1908 coñecéronse os beneficios das bacterias lácticas: o farmacéutico español Daniel Carasso (que deu o seu nome a Danone) fabricou o primeiro iogur industrial. Detrás das dúas mil variedades de queixo do mundo ocúltanse multitude de especies de bacterias. Un gran número de medicamentos elabóranse en base a elas: vitamina C, insulina, cortisona...

O portal XploreHealth ofrece diferentes aplicacións e liñas de investigación en biotecnoloxía e as súas implicacións éticas. Os xogos, vídeos e experimentos virtuais axudan a descubrir os diferentes avances que se fixeron en biotecnoloxía e as técnicas que se usan actualmente en investigación biomédica, desde as células nai ata o uso de plantas para producir fármacos.

De Tecnoloxía. Chega a nanotecnoloxía

Nas últimas décadas unha ciencia interdisciplinar emerxeu con forza desde a física, a química, a bioloxía, a medicina e os novos materiais. É a nanotecnoloxía. Non é novo que a tecnoloxía intente miniaturizar as estruturas, obtendo anacos de diminutos obxectos a partir dun bloque maior dun material determinado. Con todo, a nanotecnoloxía utiliza unha técnica completamente diferente: explóranse mecanismos e fenómenos e aplícanse coa tecnoloxía actual para crear sistemas completamente novos. O obxectivo: deseñar estruturas minúsculas a escala nanométrica desde o principio e, a partir delas, crear á súa vez estruturas maiores.

De descubrimentos. Un oasis no deserto

Unha próspera comunidade de microorganismos vive a dous metros de profundidade no ultraárido deserto de Atacama (Chile). O descubrimento, realizado como parte das probas dun robot nunha misión a Marte, suxire que os microbios tamén poderían atoparse nun lugar similar no planeta vermello. Por iso os científicos empezan a deseñar robots que poidan escavar a certa profundidade e así descubrir se a vida se esconde a dous metros baixo terra.

De como somos. A vida nocturna do cerebro

Moitas veces durmir parece unha perda de tempo. Con todo, non hai dúbida de que é necesario. Tanto é así que pasamos un terzo da nosa vida durmidos. O debate científico sobre por que durmimos continúa, pero a neurociencia moderna tróuxonos novas perspectivas.

Agora sabemos que durmir é unha forma peculiar de consciencia crucial para facernos como somos. O soño, e os soños, axúdannos a consolidar os nosos recordos, dan sentido ás nosas múltiples experiencias e manteñen baixo control as nosas emocións.

Da industria. (Petro)químicos: ¿necesitámolos?

A petroquímica é a industria que transforma os derivados do petróleo ou o gas natural, que utiliza como materias primas para a obtención de produtos químicos. Podemos tentar imaxinar como sería un día corrente sen utilizar, vestir nin tocar obxectos creados a partir destes derivados petroquímicos. E resulta que non é tan sinxelo, xa que a química é parte da vida moderna. Os computadores está construídos con polipropileno. Os coches, electrodomésticos e dispositivos electrónicos, con compoñentes que conteñen petroquímicos. E a comida empaquétase con plásticos.

De futuro. O porvir da publicidade

¿O tráiler do novo parque de atraccións suxire que visitalo será algo incriblemente emocionante? ¿O anuncio da nova marca de chocolate invita a pensar que terá un sabor irresistible? ¿Como dar no cravo para presentar un produto de forma que resulte moi atractivo para o público? Poida que as nosas ondas cerebrais teñan algo que dicir respecto diso.

Os expertos que traballan neste campo denomínano neuromárketing. Ou o que é o mesmo, utilizar a tecnoloxía empregada no estudo do cerebro para asomarse ao interior da mente dos posibles consumidores. E é que, segundo o que din as persoas implicadas nestas estratexias publicitarias, o que as persoas dicimos e o que pensamos non sempre coinciden, e por iso a estratexias máis tradicionais de investigación en publicidade perden fiabilidade.

De tempada. En tempo de castañas

Novembro é o tempo dos magostos. Desbancada polo millo e a pataca na alimentación desde o Paleolítico, a castaña é a protagonista dunha das festas galegas con máis tradición. Unha fogueira, un cilindro metálico con buracos na súa base e unha ración de castañas cun corte nun extremo para que non exploten son os elementos necesarios para facer un bo magosto. Celébranse en entre outubro e novembro por coincidir coa época de recollida de castañas.

De natureza. Dez formas de nubes

Aínda que parece existir unha variedade infinita nas formas, texturas e cores das nubes, en realidade só hai dez tipos básicos. As súas formas preséntanse tan definidas que semellan ser case sólidas, pero non son máis que acumulacións de diminutas pingas de auga e cristais de xeo. A variedade de aspectos que adoptan depende do xeito en que se forman e da proporción de vapor de auga e de cristais de xeo que conteñen. Dado que son sinais visibles dos cambios e movementos atmosféricos, as nubes pon de manifesto que condicións meteorolóxicas poden esperarse durante as seguintes 48 horas.