¿Onde anda o monstro do lago Ness?

> Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha recreación de «Nessie» como plesiosauro no Loch Ness Center de Drumnadrochit. As visitas que xera son moi importantes para a economía das poboacións da ribeira, que atrae moitos turistas
Unha recreación de «Nessie» como plesiosauro no Loch Ness Center de Drumnadrochit. As visitas que xera son moi importantes para a economía das poboacións da ribeira, que atrae moitos turistas

Despois de moito tempo, o 2013 foi o segundo ano, nos seus 81 de vida, no que «Nessie» non se deixou ver

27 feb 2014 . Actualizado a las 12:35 h.

Preocupación. E nótase nas facianas. Non a agochan os habitantes das vilas e aldeas preto do estirado lago Ness, en Escocia. E é que o 2013 foi o primeiro ano en moito tempo no que non se deixou ver Nessie, o monstro más famoso do mundo vivo e en activo. O impacto da noticia -ou mellor dito, da non-noticia- foi recollido amplamente polo diario escocés The Scotsman, posto que Nessie representa unha gran fonte de ingresos na comarca dun lago que este enviado especial percorreu, xunto con outros xornalistas, á caza visual e fotográfica do monstro sen outro resultado que acabar todos co frío metido no corpo.

as evidencias

Pero o certo é que os escoceses saben que «hai monstros no lago desde hai 1.500 anos», segundo lle declaraba un pequeno comerciante da viliña de Strone, que vive do paso dos turistas. E o home ten razón, porque hai milenio e medio xa circulaba a lenda, como amosou un equipo de investigadores que descubriron documentación na que se menciona a Morag como habitante daquelas augas que chegan aos 226 metros de profundidade. Ou sexa, polo menos ao bisavó do tataravó de Nessie.

O actual e esquivo inquilino foi descuberto cientificamente hai 81 anos e tan só nunha ocasión, en 1925, non se rexistraron avistamentos. En total, superan o millar as comunicacións constatadas de telo visto, sempre uns segundos, coa súa forma de serpe, ás veces asomando a testa e ás veces só o lombo. O enxeñeiro aeronáutico Tim Dinsdale, a bordo da súa embarcación Hunter, pasa por ser a persoa que máis veces o viu: tres, nos anos 60, 70 e 71. En total participou en 56 expedicións e cazou ao animal nun irrefutable vídeo.

Pero non todo o mundo cre que Nessie exista. Para empezar, as fotos máis famosas, tomadas na década dos 30 do século pasado, resultaron ser montaxes. Ou sexa, falsas. Ademais, no 2006 Neil Clark, paleontólogo do Hunterian Museum da Universidade de Glagow, publicou no Open University Geological Society Journal (http://ougs.org) que en realidade nada máis que foi visto nunha ocasión, e que as súas investigacións «indican que se trata de elefantes de circos itinerantes». «Camiño de Inverness, a cidade onde sempre actuaban, os circos adoitaban parar á beira do lago Ness para que os animais descansaran e se bañaran», dicía.

En fin, entre os tipos curiosos, simpáticos, inofensivos e tolos figura Kevin Carylon, proclamado sumo sacerdote da Asemblea dos Bruxos Brancos do Reino Unido, que hai algún tempo levou a cabo un exorcismo para «protexer ao monstro da explotación que sufriu nos últimos anos».