Un ano por diante na busca da natureza

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Álvaro Ballesteros

As ideas que se propoñen nestas páxinas son tan só unha mínima parte da infinidade de oportunidades que ofrece Galicia para saír ao encontro con ela

15 ene 2014 . Actualizado a las 12:49 h.

Xa levamos unha semana nun novo ano. ¡Como pasa o tempo! Máis rápido incluso que esas borrascas que desde finais de decembro non deixan de visitarnos. Vai tan malo que só apetece quedar na casa preto dunha calefacción, lendo, escoitando música ou entretido con calquera desas actividades moi de portas dentro. Estase moi a gusto así, mentres os ballóns e os refachos de vento golpean as fiestras e o ceo é unha moi borrosa foto en branco e negro.

Pero o certo é que, a pesar do mal tempo, chega un momento en que o corpo e a cabeza, tras tantos días de peche, piden actividade e aire libre. En canto deixa de chover unhas horas, parecen tirar de ti cara a fóra, en busca de espazos abertos e natureza. ¡E que ben te atopas entón!

Nestas mesmas páxinas recordamos a miúdo os múltiples beneficios da natureza para o noso benestar emocional, intelectual e físico. Non existe mellor vitamina para estar a lume de biqueira de forzas xusto agora que toca deixar atrás os excesos das vacacións e regresar ao estudo e as actividades extraescolares.

Hoxe propómosche incluír na lista de pequenos e grandes obxectivos para o novo ano moita natureza. Tanta canta poidas. En compañía da túa clase, dos teus amigos ou da túa familia, como prefiras en cada ocasión. Non hai nada tan estimulante como planificar e realizar unha viaxe, aínda que só sexa dun intre ou unhas horas e a un destino moi próximo a onde vives. Así que fala cos teus profesores, os teus compañeiros ou os teus pais, tíos ou avós, e suxírelles esta idea. Seguro que se apuntan.

Fai cun calendario, consulta os días de cada estación que mellor vos poden vir ao grupo e comeza a preparar con eles as vosas posibles excursións: como chegar, mapas de rutas, lugares onde comer ou facer un picnic, que tipo de paisaxes, flora e fauna podedes observar nese momento do ano, que outras cousas interesantes merece a pena ver nesa zona... E, por suposto, que necesitaredes levar convosco.

Recordade que as ideas que vos propomos nestas dúas páxinas son só unha mínima parte da infinidade de oportunidades de ir ao encontro coa natureza que ofrece Galicia. Se vos pondes en contacto coas oficinas de turismo do voso concello, a vosa comarca ou a vosa provincia, ou con Turismo de Galicia, xa sexa por teléfono ou a través das súas webs, descubriredes multitude de rutas das que talvez non oirades falar. Animádevos a saber máis sobre elas antes de saír. Así aproveitaredes mellor cada camiñada.

Primavera

A primeira mañá despexada tras varios días de choiva é ideal para ir en busca de pegadas de animais no barro de carreiros e camiños. Levade convosco unha guía de identificación e unha cámara para facer fotos das pegadas que vos resulten máis difíciles de identificar.

Explorade un prado. Non vos podedes imaxinar a cantidade de animais e plantas que viven entre a herba. Veredes multitude de flores e infinidade de insectos. Probade a identificar a que familias pertencen.

Achegádevos á beira dun estanque ou charca cun trueiro e unha tina ou tupperware (mellor que sexan brancos) a capturar e observar os pequenos seres que viven neste tipo de ecosistemas.

¡Pero non entredes todos na auga! Isto danaría moito o fondo. Botade a sortes a quen lle toca cada vez e entrade e saíde sempre polo mesmo lugar. Unha vez observadas as vosas capturas na tina, devolvédeas ao seu fogar.

Verán

Seguir un tramo de calquera río é unha extraordinaria experiencia. Elixídeo ben, para que sexa o máis variado e á vez seguro e fácil de camiñar posible. Deberedes pensar, ademais, en como chegar ata o punto de saída e saír do de chegada. Se o colexio pode contratar un autobús, estupendo.

Se estades toda a familia de vacacións, animade aos vosos pais a facer unha excursión familiar nocturna con lanternas a un bosque, en busca dos misterios da noite. Por suposto, ¡non o fagades sos! En determinado momento, detédevos, apagade as vosas luces e escoitade. Se ademais está despexado, admirade desde un claro o ceo estrelado.

Organizade un safari fotográfico de bolboretas e libélulas. Necesitaredes unha cámara fotográfica con zum e paciencia para achegarvos a distancia suficiente a fin de facerlles bos retratos. Logo, xa en clase ou en casa, identificádeas con axuda dunha guía ou de Internet. Os mellores destinos son cerca da auga doce e na campiña. ¿Cales son as máis bonitas? ¿E as máis difíciles de fotografar?

Outono

Estamos en plena época de migración de aves. Organizade unha excursión a calquera humidal próximo e ben coñecido pola súa riqueza nestes animais, que teña abundante zona de campiña ao redor. Cos vosos prismáticos, intentade ver o maior número de especies diferentes posible. ¿Quen de entre vós é a persoa máis hábil para atopalas e identificalas?

Ide en busca de cogomelos. Non para recollelos e comelos (para isto necesitariades axuda dunha persoa experta), senón sinxelamente para velas e identificalas. O que si podedes recoller son por exemplo landras ou castañas. Probade a plantalas despois en pequenas macetas en casa, a ver cales crecen. Dentro duns meses poderedes transplantalas a un terreo adecuado.

Os amenceres máis húmidos son ideais para saír en busca de telarañas empapadas de orballo. Organizade un concurso de fotografía con estas como modelo. Chegan a ser verdadeiramente fermosas coas primeiras luces do día.

Inverno

Podería parecer que o inverno é a peor estación do ano para saír de excursión. ¡Pero nada de iso! Aínda que os días son curtos, e a miúdo pouco asollados, é nesta estación cando podemos gozar dalgúns dos mellores momentos da natureza galega.

As praias, por exemplo, están case baleiras, e as máquinas de limpeza non recollen o arribazón que nelas deixa o mar. Grazas a iso, un paseo por un dos nosos grandes areais pode converterse nunha grata e interesante experiencia. Descubriredes moitos restos naturais, que podedes probar a identificar: algas, cunchas...

Tamén, lamentablemente, hai bastante lixo. Este último ¿de onde pode vir? Informádevos das mareas, tede coidado coas ondas e recordade non internarvos polas fráxiles dunas.

Os bosques de folla caduca presentan cara ao final desta estación o seu rostro máis melancólico. Ao mesmo tempo, é un momento estupendo para descubrir nas ramas das árbores moitas aves como pimpíns, ferreiriños ou paxaros carpinteiros, e tamén esquíos. ¡Non esquezades os prismáticos!

Outra boa idea é ir dar un paseo por unha zona abundante en rocas de todos os tamaños. ¿De que minerais están compostas? Ademais, fixádevos nas manchas de lique que as cobren. Descubriredes que son moitas as especies que poden chegar a cohabitar nunha soa roca.

Observar aves en Galicia, mes a mes

«¿Cando ver aves en Galicia? Ideas mes a mes para familias, afeccionados e expertos»: así se titula un manual recentemente publicado por Tundra Edicións que propón infinidade de excursións para observar aves por toda Galicia, ordenadas por meses.

Escrito por Antonio Sandoval Rey e Cosme Damián Romay Cousido, inclúe escapadas para observar voitres ou paxaros carpinteiros, espectaculares migracións de aves mariñas, concentracións de zancudas nas rías, especies propias de ambientes mediterráneos no sur de Ourense... Nos textos correspondentes a cada mes hai actividades destinadas tanto aos observadores en xeral como ás familias con nenos, os ornitólogos buscadores de aves raras e aquelas persoas de espírito máis científico que desexen embarcarse en sinxelos pero moi útiles proxectos de investigación.

O libro inclúe ademais unha completa lista das aves de Galicia, e as coordenadas xeográficas das 290 localidades citadas no texto, a fin de poder buscalas nun GPS e saber chegar ben a elas. Tamén varias páxinas de recursos en forma de bibliografía, páxinas web e blogues ou teléfonos e direccións de contacto.

A observación de aves é unha actividade que cada vez suma máis afeccionados. Se che apetece probala, canto necesitas é unha guía de campo e uns prismáticos. Xa non tes que preocuparte por onde ir. Este novo libro indícache os mellores destinos de cada mes e que especies atopar neles.