Novos tempos para a Igrexa católica

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

STR

23 oct 2013 . Actualizado a las 12:22 h.

Jorge Mario Bergoglio conseguiu acaparar como ninguén a atención do mundo desde a súa elección como papa Francisco o 13 de marzo deste ano. Dá a impresión de que ser papa non lle asusta e de que está disposto a seguir sendo el mesmo en Roma ou en Buenos Aires. Non parece que se pense adaptar el ao cargo ou ao que definen del as estruturas do poder vaticano, senón que é o cargo o que deberá afacerse á súa personalidade. Para comprobar esta percepción imos fixarnos en dúas cousas moi sinxelas: observar algúns feitos que diferencian o seu comportamento do dos seus predecesores e escoitar as cousas que foi e segue dicindo.

Díxoo o papa

Todas son palabras pronunciadas polo papa, sen engadirlles puntos nin comas, tal e como saíron da súa boca. Non levan comentario nin explicación ningunha para que cada quen tire as súas conclusións.

n O cuarto 201: «»Decidín vivir aquí, no cuarto 201, porque, ao tomar posesión do apartamento pontificio, sentín dentro de min un ?non?. O apartamento pontificio do palacio apostólico non é luxoso. É antigo, grande e posto con bo gusto, non luxoso. Pero en resumidas contas é como un embude ao revés. Grande e espazoso, pero cunha entrada de verdade moi angosta. Non é posible entrar senón con contagotas e eu, a verdade, sen xente non podo vivir. Necesito vivir a miña vida xunto aos demais».

n O pobo: «O pobo é suxeito. E a Igrexa é o pobo de Deus en camiño a través da historia, con gozos e dores. Sentir coa Igrexa, xa que logo, para min quere dicir estar neste pobo. E o conxunto de fieis é infalible cando cre, e manifesta esta infalibilidade súa ao crer, mediante o sentido sobrenatural da fe de todo o pobo que camiña. Este é o meu xeito de entender o sentir coa Igrexa de que fala san Ignacio. Cando o diálogo entre a xente e os bispos e o papa segue esta liña e é leal, está asistido polo Espírito Santo. Non se trata, xa que logo, dun sentir referido aos teólogos».

n Homosexualidade: «Se unha persoa homosexual ten boa vontade e busca a Deus, eu non son quen para xulgala».

n A muller: «É preciso, xa que logo, profundar máis na figura da muller na Igrexa. Hai que traballar máis ata elaborar unha teoloxía profunda da muller. Só tras facelo poderemos reflexionar mellor sobre a súa función dentro da Igrexa. Nos lugares onde se toman as decisións importantes é necesario o xenio feminino. Afrontamos hoxe este desafío: reflexionar sobre o posto específico da muller incluso alí onde se exercita a autoridade nos varios ámbitos da Igrexa».

n A corte: «Os xefes da Igrexa a miúdo foron narcisistas, adulados polos seus cortesáns. A corte é a lepra do papado».

n A curia: «Non, na Curia hai algúns cortesáns, pero a Curia no seu conxunto é outra cousa. É aquilo que nos exércitos se chama a intendencia, xestiona os servizos que necesita a Santa Sé. Pero ten un defecto: é vaticanocéntrica. Coida os intereses do Vaticano, que son aínda, en gran parte, intereses temporais. Esta visión vaticanocéntrica esquécese do mundo que nos rodea. Non comparto esta visión e farei todo o posible por cambiala. A Igrexa é ou debe volver ser unha comunidade do pobo de Deus, e os curas, os párrocos, os bispos están ao servizo do pobo de Deus».

n O mundo: «Os males máis graves que afectan ao mundo nestes anos son a falta de traballo dos mozos e a soidade en que son deixados os vellos». «Cada un de nós ten a súa propia idea do ben e do mal e debe elixir seguir o ben e combater o mal como os concibe. Bastaría iso para cambiar o mundo».

n Liberdade: «Penso que o chamado liberalismo salvaxe converte aos máis fortes en máis fortes e aos débiles en máis débiles e aos excluídos en máis excluídos. Necesítase gran liberdade, ningunha discriminación, non demagoxia e moito amor. Necesítanse normas de comportamento e tamén, se fose necesario, a intervención directa do Estado para corrixir as desigualdades máis intolerables».

n Fútbol: «Podería dicirlle o nome dos mellores futbolistas de Arxentina».

Francisco é diferente

- Elixiu un nome que ningún papa elixira antes.

- Viste diferente. Sotana branca, pero máis folgada, parece dunha tea máis sinxela; zapatos negros e gastados: zapatóns, diría eu; crucifixo pectoral máis austero; ausencia doutros complementos na roupaxe.

- Deixou os apartamentos papais do Vaticano para vivir na casa de hóspedes de Santa Marta.

- Traballa con frecuencia non no despacho papal, senón no seu cuarto.

- A dirección da casa de hóspedes clausurou un dos ascensores para reservalo en exclusividade ao papa. Francisco utiliza o outro, porque prefire compartir as súas subidas e baixadas cos demais hospedados e charlar de paso con eles.

- Usa un daqueles coches Renault que, hai xa moito tempo, chamabamos catro latas e que lle regalou un cura xubilado.

- Fala de si mesmo con naturalidade e cordialidade, sen usar para nada o plural maxestático.

- A longa entrevista mantida co director da revista xesuíta italiana A Civiltà Cattolica revélanos que é un home de pensamento profundo e gran cultura.

- Comunícase co mundo pola prensa. Concede unha entrevista ao xornal La Repubblica, un dos máis lidos de Italia, que non se caracteriza polo seu fervor relixioso, senón máis ben polo contrario.

- Emprega unha linguaxe popular, cotiá.

- Fai confidencias de gran intimidade ofrecendo a oportunidade de que todo o mundo as coñeza. A descrición que fixo ao director de La Repubblica, Eugenio Scalfari, dos momentos previos á aceptación da súa elección como papa é, sinxelamente, conmovedora.

- É seareiro do equipo arxentino San Lorenzo de Almagro e non o oculta.

Actividades

1. ¿Estamos nun tempo de cambios na Igrexa católica? Para pescudalo podedes investigar segundo o esquema proposto neste artigo. Buscade novos feitos que diferencien a este papa dos seus predecesores. Continuade coleccionado mensaxes que definan a súa forma de pensar e intencións. Visitade a páxina web de La Voz de Galicia (www.lavozdegalicia.es) e buscade «Papa Francisco».

2. Buscade en Internet a entrevista do director do xornal «La Repubblica», Eugenio Scalfari, co papa Francisco. Resumide as ideas principais que o papa expón nela. Organizade un debate sobre as opinións de cada un de vós respecto deses mesmos temas. Podédelo ler en castelán no número de setembro da revista «Razón y Fe» (http://www.razonyfe.org/).