«Quero costela salgada»

Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

XOÁN A. SOLER

Alumnos de 4 anos de Sigüeiro encárganse da compra no mercado e de cociñar ao día seguinte

16 oct 2013 . Actualizado a las 11:33 h.

«Quero costela salgada». E quedouse tan tranquila, esperando, coa cabeza levantada mirando á muller que estaba detrás do mostrador. A escena tiña lugar hai moi poucos días no mercado de Santiago, cando o reloxo marcaba as 12.30 e había pouca xente, metade da terra e metade curiosos estranxeiros coas cámaras preparadas. Nada doutro mundo se non fose porque a petición a facía Sabela S., unha nena de 4 anos que xunto con outros tres compañeiros e unha nai ?que deu un paso atrás mentres controlaba a situación- formaban un equipo que estaba a desenvolver unha iniciativa que cada curso colle máis forza: empregar a cociña como un xeito de coñecer mil e unha cousas... e de coñecerse a si mesmo.

O enorme queixo de Palo Santo (só se fai en Cuntis) xa levantara un oooh xeral. Outra nena queda asombrada ao veren «un chourizo negro». «É unha morcilla», dixéralle José, o responsable do mercado de acompañalos toda a mañá. Amelia, a encargada da consigna, explicáralles que calquera persoa pode deixar as cousas alí e pedir que llas manden a casa, como ao remate farán os pequenos compradores.

«REWIND» E «FORWARD»

Pero cómpre rebobinar. A profesora María Salgado, catro anos máis nova que hoxe e xa no CEIP de Sigüeiro-Oroso, decidiu cociñar cos seus alumnos unha vez ao mes, comprando no supermercado eles mesmos o que logo ían catar. Éxito rotundo, ata o punto de que ela mesma se veu desbordada ante tanta colaboración de pais, «que desde o primeiro momento se involucraron levando cousas á aula». A presión foi tal que ao ano seguinte poñía en marcha un blog: Eu cociño ti cociñas. O respaldo sobre todo da profesora Pili Rivas -coa que forma un dúo curioso: o que non lle gusta nada a unha adórao a outra- anímaa a seguir.

E por iso, e por segunda vez nestes anos, os vinte nenos da clase repartidos en grupos de catro, cada un co seu profesor, pai ou nai, fixeron o lento percorrido polo mercado, onde foron recibidos como celebrities: todos querían velos e ninguén escatimou tempo con eles, como non se lles escatimou a froita. Cada grupo tiña o seu nome (Ensalada Mixta era o de Sabela), sabía que debía comprar e para iso había un tesoureiro (un deles, claro está) con 10 euros nunha carteira. A partir de aí, as decisións tomábanas os alumnos.

Ao día seguinte, dentro da aula, tocou poñerse os mandilóns e arremangarse: eles mesmos pelaron patacas cun coitelo plástico made in Ikea e botaron chourizos, garavanzos e demais á pota, esperaron e desesperaron mirando o reloxo. Ao fin, a degustación de cocido. ¿Todos? «Si, todos -afirma Pili Rivas-, porque unha cousa que teñen clara desde o principio é que ?non nos gusta? non existe, e como non existe todo o mundo ten que probar aínda que sexa un pouquiño». Nese capítulo subliñan a perfecta integración de dous alumnos -non especifican o sexo- inmigrantes.

María e Pili negan que se inspirasen en experiencias nórdicas ?alá é moi habitual sacar aos nenos da clase- e deixan caer que as cousas viñeron como viñeron. «Isto é unha aventura cada día e agora con Skype estamos comunicándonos e preguntando, e hai pais que compraron unha webcam para se comunicar connosco. Nós temos as portas das aulas abertas». E María Salgado dío desde Sigüeiro, onde se celebra todos os anos a Festa da Troita, na que ela e a súa compañeira aproveitan para preparar troitas con cachelos.

¿Van continuar? María Salgado, mentres Pili Rivas asente, ten moi rápida e clara a resposta: «Este restaurante segue aberto».