Vidal Bolaño no Día das Letras Galegas

> Carlos Ocampo carlos.ocampo@lavoz.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

J.M.CASAL

A RAG andou pronta para homenaxear o dramaturgo total que acompañou o nacemento do teatro galego

15 may 2013 . Actualizado a las 18:11 h.

Xa van 50 e, coa deste venres, serán 51 as figuras das letras galegas homenaxeadas cada 17 de maio dende 1963. Ese ano, e nesta data, pretendíase celebrar o centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, segundo a proposta presentada por Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo á xunta xeral da Real Academia Galega dous meses antes. A Rosalía seguírona Castelao, Pondal, Añón, Curros... e este ano, Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo santiagués. Ah, por certo, foi Cunqueiro, celebrado en 1991, quen logrou que este día pasara a ser non lectivo por primeira vez.

¿E quen foi Vidal Bolaño? O personaxe do 2013 naceu en 1950 en Santiago. E formouse na escola da Troia, na academia Ríos e no colexio da Inmaculada, onde aprendeu a ler e despois a ler con avidez. Comezou a traballar moi novo: aos 12 anos, como repartidor de recambios de coches. Como moi novo, aos 15 anos, estreou a súa primeira peza dramática: O xogadeiro, un drama de dous minutos de duración que lle encargaran nas Xuventudes Obreiras de Acción Católica. Unha obra que xa apuntaba os seus referentes literarios: a fantasía de Cunqueiro, a admiración polo XIX de Otero Pedrayo e a deformidade esperpéntica de Valle-Inclán, ideas que non se agochan na súa derradeira obra, Integral (2003).

OS INICIOS

Vidal Bolaño, o mozo, tratou de iniciarse nas artes escénicas trala cámara do cinematógrafo. Eran os tempos do Maio francés: as rúas andaban revoltas e os espíritos inquedos, á busca da utopía nun clima de represión. En 1971 forma parte do Equipo Lupa (grupo de cine afeccionado, constituído o ano anterior por Euloxio Ruibal e Félix Casado), como axudante de dirección en películas nas que os ideais de volver á tradición, o simbolismo e a interacción con outras artes están presentes xunto coa face social. E todos estes aspectos tiveron innegable influencia na posterior produción dramática de Bolaño.

Os inicios na dramaturxia do autor celebrado nestas 51.ª Letras Galegas coinciden no tempo, e non é casualidade, cos inicios da profesionalización do teatro galego. Vexamos como. En 1974 comeza a aventura da compañía de teatro Antroido xunto con Xaquín García Marcos. Nela dirixe Amor e crimes de Juan el Pantera (de Blanco Amor) e Laudamuco, señor de ningures, unha das súas obras máis lembradas. Foi unha época de traballo con estudantes, é dicir, con actores non profesionais. En 1976 casa coa actriz Laura Ponte e ao ano seguinte, ao quedar sen traballo no banco, inicia unha das épocas máis prolíficas. Época non só de escribir teatro, senón tamén de dirixir, de actuar, de iluminar e mesmo de cargar e descargar cos aparellos dos escenarios. Época de aprender facendo. Época dun teatro que recolle a tradición popular galega sen renunciar á vangarda. Época tamén do nariz de pallaso que define a Vidal Bolaño.

Parece que a primeira aparición deste nariz foi en 1985, en Caprice des dieux: na escena negra, un actor vestido de negro e un punto vermello que destaca. Pero será en 1999, en Sen ir máis lonxe, onde acade popularidade.

OUTRAS ACTIVIDADES

A segunda montaxe do Centro Dramático Galego, fundado en 1984, era unha obra do celebrado que se centraba na figura de Rosalía, Agasallo de sombras. O que puido ter sido un natural matrimonio entre ambos, autor e institución, foi un desencontro que supuxo o afastamento temporal de Vidal Bolaño do mundo da escena, pero durante os cales iniciou outros proxectos pioneiros, como a dobraxe para a TVG ou as series de televisión, amais da publicidade televisiva.

En 1991 reaparece o autor con Saxo tenor e funda ao ano seguinte o Teatro do Aquí. Días sen gloria, a segunda montaxe, é unha declaración de intencións da compañía: facer un teatro apegado á realidade sen renunciar á tradición nin a calidade artística. Ábrese unha época de neorrealismo social, salpicada de obras de carácter histórico e de montaxes dos seus autores predilectos.

Faleceu Vidal Bolaño no 2002, en plena montaxe de O cabodano, de Rubén Ruibal.