O teatro de Vidal Bolaño na escola

> Jesús Garrido cursosrepeducador.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

Con motivo do Día das Letras Galegas 2013, dedicado ao autor e actor de teatro Roberto Vidal Bolaño, a escola tamén se une á súa festa e programou entre as súas actividades unha serie de representacións teatrais, seguindo as indicacións da Consellería de Educación da Xunta de Galicia: Recollemos soamente algunhas das moitas actividades de teatro que teñen ou tiveron xa lugar nas nosas escolas, recordando que este Día das Letras non se pecha con 24 horas, senón que debe ser un estímulo para un ano enteiro. Polo menos. ¡Sempre se está tempo para levantar o pano e converter a clase enteira en escenario de pequenos e maiores!

15 may 2013 . Actualizado a las 17:32 h.

1. «TOUPORROUTOU»

Os escolares traballan sobre a obra de Vidal Bolaño

(La Voz, 2/5/2013) Touporroutou da Lúa e do Sol, a comedia infantil de Roberto Vidal Bolaño con mestura de actores e monicreques, achegará os escolares pontevedreses á obra do gran dramaturgo galego contemporáneo, homenaxeado este ano pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas. A Fundación Novacaixagalicia levará aos seus centros de Pontevedra, Vigo, Ourense, A Coruña e Lugo un obradoiro de artes plásticas e interpretación no que os alumnos de primaria traballarán sobre un fragmento desa peza teatral e darán vida aos seus personaxes, desenvolvendo as súas capacidades interpretativas e a súa creatividade co deseño e a construción das caretas que sacarán a escena.

ACTIVIDADES: «Touporroutou dá Lúa e do Sol», peza metateatral pola que van sucedéndose numerosos lances de ton fantástico e simbólico con personaxes xenéricos como o Sol, a Lúa, o rey dos demos, a fada, Deus Pai... a través dos que se explican cousas como o nacemento dos días e das noites, disfraces do demo, tesouros e moitas outras cousas fantásticas.

2. «ANXELIÑOS»

A representación da obra inaugurará en maio o teatro de centro sociocultural de Santa Marta

(La Voz, 23/4/2013) Unha obra de Vidal Bolaño inaugurará en maio o teatro do centro sociocultural de Santa Marta. A obra Anxeliños, do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, estreará o teatro do centro sociocultural de Santa Marta, equipamento municipal que abriu parcialmente en decembro pasado. Mentres, a figura de Vidal Bolaño protagonizará os talleres artístico-literarios para nenos que a concellaría desenvolverá ata o 25 de maio en varios centros culturais, así como o de teatro no que, a partir da obra deste autor Laudamuco, señor de ningures, traballarase cos nenos os papeis de actor, director e dramaturgo, nos que destacou Bolaño.

- ACTIVIDADES: Chali é un policía dos anos 40 que dirixe unha entidade para cobrar a morosos, o que non consegue facilmente. E por iso botará man dun gánster, que intentará conseguir que sor Angélica non defenda aos que non pagan e estes se poñan ao día coas súas débedas. De novo actual, en tempo de crise.

3. TEATRO INTERNACIONAL

A Mostra de Teatro Internacional de Ribadavia centrará a súa mirada no autor das Letras Galegas 2013

(La Voz, 20/3/2013) A Mostra de Teatro de Ribadavia, que se celebrará entre os días 19 e 27 de xullo, centrará este ano o seu esforzo en realizar unha programación en torno ao humor, a frescura crítica e a ironía sobre os conflitos laborais, económicos e sociais. Ademais estará moi presente a figura de Roberto Vidal Bolaño, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas e que ademais foi destacado membro da xeración Abrente de Ribadavia. Organizarase un taller de máscaras para nenos ao redor da obra teatral, lecturas dramatizadas, exposicións e espectáculos.

- ACTIVIDADES: A lectura dramatizada prepárase moito máis pronto e pode resultar moi eficaz se a acompañamos despois dunha discusión e coloquio entre todos. Un sinxelo exemplo da técnica: http://www.clave21.es/files/articulos/C25_LecturaDrama.pdf

4. «DÍAS SEN GLORIA»

O Barco Inica o xoves os actos do Mes das Letras

(La Voz, 27/4/2013) Unha obra de teatro para escolares, que o venres poderá disfrutar quen así o desexe, será a que abra a programación co gallo do Día das Letras Galegas no concello de O Barco. O Centro Dramático Galego representa Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño, baixo a dirección de Fefa Noia. Será o xoves á mañá, nunha sesión para alumnos de secundaria. E xa o venres ás nove, a función estará aberta (por 5 euros) a quen queira vela.

- ACTIVIDADES: «Días sen gloria» é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante.

5. BANQUETE DE CONXO

Concurso Agasallo de Luz

Co gallo do Día das Letras Galegas 2013, dende o servizo de Biblioteca da Fundación Barrié e a través da canle educativa educaBarrié se convoca, para os alumnos de primaria, ESO e bacharelato, o concurso Agasallo de Luz, un homenaxe á obra de Vidal Bolaño que integra a celebración do 150.º aniversario da publicación de Cantares gallegos. A proposta didáctica desta edición consiste na realización da webquest Agasallo de Luz, cuxa tarefa principal consiste na elaboración dun texto teatral que teña como motivo principal o significativo banquete de Conxo celebrado o 2 de marzo de 1856. O texto deberá representarse polo propio alumnado e gravado en vídeo.

- ACTIVIDADES: : Webquest Agasallo de Luz (http://goo.gl/FBNGs)