Historias dos nosos cucos

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Sergey Yeliseev

Ourense, a entrada a Galicia destas aves, é a provincia que rexistra máis observacións

08 may 2013 . Actualizado a las 12:47 h.

Durante o mes de abril recibimos máis dun centenar de observacións do cuco nas catro provincias galegas. Á cabeza está a provincia de Ourense, a porta de entrada da maior parte destas aves, onde se rexistraron máis do 33 % de todas as observacións; seguen A Coruña, Pontevedra e Lugo, por esta orde. Pero isto non fixo máis que comezar, porque ao longo do mes de maio seguiremos recibindo datos para a elaboración do mapa de distribución do cuco en Galicia durante esta primavera. A invitación segue aberta.

Grazas a todos pola colaboración e polos interesantes comentarios que nos enviastes. Aquí queda unha mostra deles.

María González, escoitou o cuco na parroquia de Codeso, no concello de Boqueixón, o día 22 de marzo arredor das 18.00 horas. O seu pai contoulle un conto que dicía así:

«Unha vez, a uns acordoulles facer a malla e invitaron ao cuco por ver se lles ía botar unha man. E o cuco díxolles todo convencido: ?Vou sen problema ningún, pero se vai moita calor teño que estar na sombra. Se está nubrado e turbio teño que cuquear, pero se chove... alá me terás?».

Marcos, da Estrada, nos dá as grazas por este labor e asegura que «resulta enriquecedor».

Santiago da Silva, que vive en Negreiros, Silleda, escoitou o canto do cuco por vez primeira este ano o 3 de abril. Santiago declárase un amante do mundo animal e comunícanos tamén que dúas parellas de cegoñas elixiron Silleda «como pousada parar traer descendencia».

E de Ourense son setes alumnos do CEIP O Couto que escoitaron o cuco en Allariz, Bande, Vilar de Bos, Pereiro de Aguiar e Ourense cidade. Adrián, Noa, Aarón, Iago, Samuel e Marta estudan 5.º curso de primaria e envíannos «Un bico moi forte para todos vos editores, que nos encanta o periódico! A seguir así!».

Pois así seguiremos e moitas grazas a todos.

¿POR QUE O CUCO COLLE O NIÑO DOS DEMAIS?

O que o cuco fai non é ocupar o niño doutras aves, senón poñer un ovo en cada un deles. Despois marcha, e son esoutros paxariños os encargados de coidar e alimentar os seus poliños ata que aprenden a voar. Este tipo de comportamento chámase parasitismo. ¿Que conseguen os papás cucos a cambio de renunciar a coidar da súa propia familia? Pois en principio ter moita máis descendencia que se, como o resto das aves, se encargar de fabricar o seu niño e manter durante case dous meses aos seus fillos. Unha femia de cuco chega a poñer cada primavera 15 ovos en niños alleos. Por suposto, non todos eles conseguen enganar aos pais adoptivos. Pero moitos si. Para unha parella de cucos sería imposible sacar adiante semellante familia nunha primavera. A evolución demostrou que esta estratexia lles funciona, ata o punto de que os cucos xa non saben nin facer niños nin coidar polos. Pero é moi arriscado, pois poñen o futuro dos seus fillos en mans alleas. En toda a Terra só outras dúas familias de aves practican este tipo de parasitismo.

n Pregunta: Martín Ramírez. CEIP Sigüeiro. Oroso (A Coruña).

n Responde: Antonio Sandoval, ornitólogo.

CÓMO ENVIAR AS TÚAS PREGUNTAS

Abre a web do Programa Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es). Entra na sección Pregunta a un científico. Pincha en A túa pregunta e usa o formulario que aparece na páxina.

> FICHA DE OBSERVACIÓN

n O teu nome

n Data da observación

n Sitio (lugar, parroquia, concello, provincia)

n Coordenadas X e Y (se as coñeces)

n Breve descrición do lugar

n Número de exemplares escoitados

n Número de exemplares vistos

n Se non se escoita nin se observa ningún, indicar se se sabe se antano aparecía o cuco na zona

n ¿Coñeces algunha tradición oral vinculada ao cuco?

n Outra información que consideres de interese

n Envía os datos a: prensa-escuela@lavoz.es. Tamén os podes enviar por correo ordinario a Programa Prensa-Escuela, La Voz de Galicia, avenida da Prensa 84-85, polígono industrial de Sabón, 15142 Arteixo (A Coruña).