Os insectos ciborg

> Carlos García Soler

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os insectos metade robot metade animais son unha realidade. E nesta páxina descubrirás que, se es hábil, ti mesmo podes facer algúns experimentos

20 mar 2013 . Actualizado a las 15:57 h.

Os escaravellos robot, metade insectos, metade máquinas xa son unha realidade palpable. O primeiro insecto ciborg foi presentado por un equipo de enxeñeiros americanos da Universidade de Míchigan na Conferencia Internacional de Sistemas Microelectromecánicos (MEMS) de Tucson, Arizona. A este escaravello, da especie Dynastes tityus, implantáronselle unha serie de estimuladores neuronais e musculares que permitiron aos investigadores controlar, a distancia, accións como o despegamento e aterraxe, ou movementos a esquerda e dereita, entre outros. A inserción destes microcompoñentes electrónicos realizouse durante a metamorfose (estados de eiruga ou crisálide) do exemplar, cando os tecidos son máis brandos e é máis fácil a súa integración no individuo adulto.

Este avance, unido ao deseño dun diminuto xerador piezoeléctrico de PZT-5H (zirconato titanato de chumbo), realizado polo equipo do profesor Khali Najfi, permitirá instalar, nos insectos robot, diferentes dispositivos de recollida de información como micrófonos, cámaras e comunicacións. Estes novos xeradores, en forma de espiral, colocaríanse na base das ás dos distintos exemplares, que ao moverse transformarían a enerxía mecánica, en forma de vibracións, en eléctrica actuando como unha batería recargable duns 22,5 microwatts.

Todos estes avances na obtención de insectos ciborg enmárcanse nun proxecto da Axencia de Defensa de Estados Unidos bautizado Hi-MEMS (Hybrid Insect MEMS), co que se pretende desenvolver tecnoloxías que permitan controlar o movemento dos insectos para a súa utilización en misións de espionaxe, en operacións de procura e rescate de persoas en zonas catastróficas, en misións de vixilancia e de detección de explosivos ou no monitoreo de zonas perigosas como a central de Fukushima ou Chernóbil.