Glosario de caudillos latinoamericanos

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

13 mar 2013 . Actualizado a las 12:50 h.

Caudillo

Xefe que dirixe un grupo de persoas, particularmente unha tropa de guerreiros. A definición é da Real Academia Galega. Nese sentido, Hugo Chávez foi un caudillo que antes ata chegou a dar un golpe de Estado falido cando era militar en activo. Logo, as súas maneiras de conducir o país convertérono, en efecto, nun auténtico líder e caudillo. El, desde logo, prefería que lle chamasen revolucionario, nunha terra (América Latina) que produciu numerosos revolucionarios. Estes son algúns dos que pasaron á historia:

Simón Bolívar

A icona do latinoamericanismo, ídolo de Chávez. O seu nome completo incita ao respectuoso sorriso: Simón José Antonio de la Santísima Trinidad Bolívar y Palacios Ponte y Blanco. Naceu en Caracas en 1783 e morreu en Colombia no 1830. Ademais de fundar a Gran Colombia foi a figura máis relevante das guerras contra España para acadar a independencia das entón colonias.

Augusto César Sandino

Naceu e morreu en Nicaragua (1895-1934). Na primeira metade do século XX o seu pequeno país fóra invadido por Estados Unidos. Sandino, chamado aínda hoxe general de hombres libres, encabezou e dirixiu a guerrilla que acabou expulsando aos estranxeiros. Foi traizoado e asasinado polo Goberno títere colocado por Washington. Co tempo se fundou o Frente Sandinista. O seu máximo xefe é Daniel Ortega, actual presidente de Nicaragua.

Fidel Castro

O revolucionario latinoamericano por excelencia. Derrocou a ditadura cubana de Fulgencio Batista e instalou un réxime marxista-leninista. Ten por igual xente que o adora e xente que ve nel a reencarnación do mesmísimo diaño. No seu debe, non ter desenvolvido ningún dos dereitos humanos propios das democracias. No seu haber, ter rematado co analfabetismo -premiado pola Unesco ao respecto- e a espectacular mellora da sanidade. Chávez era un dos seus grandes protectores.

Federico Ponce Vaides

Escasamente coñecido fóra de Guatemala. Foi a curiosa cabeza visible do derrocamento da ditadura en 1944. Pero unha vez que chegou ao poder (tiña o grao de xeneral), intentou prolongar aquela na súa persoa empezando por anunciar que non deixaría nunca a presidencia do Estado. Durou menos de catro meses.

Juan Domingo Perón

Outro caudillo por excelencia, neste caso arxentino (1895-1974). Foi presidente en tres ocasións, a segunda truncada por un golpe de Estado e a terceira polo seu falecemento. Creou un movemento populista que sobrevive (de feito, a actual presidenta de Arxentina é do seu Partido Justicialista), con mensaxes de esperanza para as clases populares mentres a realidade era que a fenda social e económica coas clases altas era cada vez más grande.