¡Voz Natura conta contigo!

> Maica Simón Gómez maica.simon@lavoz.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

Ata o 15 de marzo está aberto o prazo para presentar proxectos para o vindeiro curso

20 feb 2013 . Actualizado a las 13:08 h.

Este curso 2012-2013 a comunidade Voz Natura está formada por máis de 51.000 alumnos e 3.000 profesores que están a desenvolver un total de 298 proxectos de actuación medioambiental. Para o próximo curso, a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, responsable desta iniciativa, quere sumar máis apoios e por iso convida a todos os centros educativos de Galicia -agás os universitarios- e ás asociacións a participar no programa. Ata o próximo 15 de marzo está aberto o prazo para presentar proxectos.

Como todos os anos, Voz Natura pon unha condición indispensable para participar: que os traballos que aspiren a formar parte desta familia ecolóxica sirvan para concienciar á comunidade escolar sobre a necesidade de preservar o medio ambiente e para mellorar o estado dos ecosistemas. Así, cada equipo debe presentar unha proposta de actuación que inclúa, preferentemente, acción directas no medio como limpezas de zonas degradadas, reforestacións, actuacións sobre a flora e a fauna e, tamén, outras de concienciación medioambiental.

Malia que a próxima edición está aberta a todo tipo de actuacións, a organización de Voz Natura quere facer un chamamento á necesidade de protexer os ríos e as praias, tema destacado do que será xa o 17.º curso de Voz Natura. Por iso, recomenda a todos os que aspiren a participar a que incorporen aos seus traballos actividades orientadas ao coidado da biodiversidade das costas, dos areais e dos sistemas fluviais da comunidade galega.

Unha vez recibidos todos os proxectos, o comité científico de Voz Natura -integrado por destacados persoeiros do mundo da ciencia- analizará cada un deles e decidirá cales son os admitidos, unha decisión que se fará pública no mes de xuño. Os proxectos que entren a formar parte deste programa desenvolveranse a partir do mes de setembro e contarán con financiamento de Voz Natura.

Para desenvolver este programa de educación medioambiental a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Deputación da Coruña, Sogarisa e El Corte Inglés. Tamén colaboran Enel Green Power España, Coca-Cola e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña.