«Mojo», o superrato

> Carlos García carlos@casaciencias.org

LA VOZ DE LA ESCUELA

O finísimo olfacto das ratas xigantes africanas converte estes roedores no mellor aliado na localización de minas antipersoa

16 ene 2013 . Actualizado a las 12:10 h.

Mojo, unha rata xigante africana (Cricetomys gambianus) de aproximadamente un quilogramo de peso, nin pode voar nin dispón dunha forza sobrenatural, pero é capaz de detectar, co seu prodixioso olfacto, as camufladas e mortíferas minas antipersoa.

Cada ano entre 15.000 e 20.000 persoas, fundamentalmente nenos, mulleres e anciáns, morren no mundo como consecuencia das minas antipersoa; e outros tantos sofren graves feridas ou amputacións. Desde os anos 60 colocáronse, por todo o mundo, máis de 110 millóns de minas, moitas das cales permanecen como recordatorio de conflitos bélicos do pasado. Un proceso de eliminación, lento, individualizado e custoso (entre 300 e 1.000 dólares por cada unha) fai das minas antipersoa non só un grave problema humanitario, senón tamén un importante freo ao desenvolvemento para as maltreitas economías dos países que as sofren.

A fundación Apopo, unha organización non gobernamental creada en Bélxica en 1998 por Bart Weetjens, que desenvolve a súa actividade investigadora no campus da Universidade de Agricultura de Sokoine, en Morogoro (Tanzania), conseguiron, tras tres anos de investigacións e un período de nove meses de adestramento individualizado, un grupo de 64 ratas xigantes, como Mojo, capaces de detectar minas antipersoa. Este grupo de eficientes desactivadores de explosivos limparon ata o momento, en Mozambique e Tailandia, uns 85.842 metros cadrados de terreo, localizaron e neutralizaron 2.994 minas terrestres, 13.025 municións e 1.931 bombas; e moi pronto prestarán os seus servizos en Angola, Cambodia e outros países afectados.

UN MÉDICO CON OLFACTO

Pero esta habilidade non é a única que posúen estes singulares roedores coñecidos, polos seus adestradores, como HeroRATs. O seu finísimo olfacto permítelles detectar, dun xeito rápido e moito máis eficiente (un 40 % superior aos diagnósticos en laboratorio) a presenza da bacteria da tuberculose, en mostras de saliva. Esta enfermidade, considerada a segunda causa mundial de morte por un axente infeccioso, tras o virus do VIH, e cunha maior incidencia nos países en vía de desenvolvemento, foi a responsable, no ano 2009, de 4.700 mortos diarios no mundo.

n Investigadores da Universidade Estatal de Carolina do Norte conseguiron implantar, en cascudas, uns mecanismos electrónicos que lles permiten teledirixilas, co propósito de utilizalas para o rastreo de obxectos ou persoas en situacións de catástrofe.

n En febreiro do 2012, enxeñeiros do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), lograron controlar, a distancia, un exemplar de bolboreta nocturna, o que podería ser o primeiro paso para contar cun exército de rescatadores alados.

n www.apopo.net

Web da asociación Apopo, onde poderás obter máis información sobre os seus proxectos, as HeroRATs» e, se queres, adoptar unha delas.

n www.un.org

Páxina oficial de Nacións Unidas onde podes profundar no tema das minas antipersoa, implicacións, iniciativas, etcétera.

n www.who.int

Páxina oficial da Organización Mundial da Saúde onde se recolle información pormenorizada sobre a tuberculose a súa incidencia, tratamentos, cifras...