A Casa Branca recibe a Obama

> Cristóbal Ramírez congostro@gmail.com

LA VOZ DE LA ESCUELA

Así funciona o sistema electoral americano, que non ten xornada de reflexión na véspera

15 nov 2012 . Actualizado a las 14:10 h.

Barack Obama continuará sendo o presidente de Estados Unidos durante os seguintes catro anos. Así o decidiron o martes da semana pasada -«o primeiro martes despois do primeiro luns», reza a lei- os norteamericanos nunha votación exemplar. E complexa porque o seu sistema electoral é moi diferente a calquera de Europa e, entre outras cousas, permite facer campaña ata que se pechan as urnas. Ao outro lado do Atlántico, no país máis poderoso do mundo, o que se votou foron compromisarios para un ou outro partido, Demócrata ou Republicano. Había máis partidos en liza, pero estes eran os únicos capaces de colocar aos seus candidatos na Casa Branca. Así, elixiuse quen conforma o colexio electoral e este decidirá quen será o presidente.

A campaña entre Obama e o republicano Mitt Romney foi moi rifada ata o derradeiro segundo. Comezou con claras esperanzas de vitoria do primeiro segundo as enquisas, o segundo remontou pouco a pouco -axudado pola súa sorprendente vitoria no primeiro dos tres debates televisados- e perdeu folgos nos últimos días. De tal xeito que o martes 6 ninguén sabía que ía pasar. Todo o máis, os poderes económicos, léase Wall Street, apostaron polo demócrata.

E así foi. Con claridade -máis de dous millóns de votos populares, aínda que, cómpre insistir, o sistema non ten unha relación causa-efecto entre estes e o resultado final tan pechada e directa como sucede noutros países-, Obama gañou e recibiu a felicitación do seu adversario, un home que ten un historial ligado ao desenvolvemento de políticas de centrodereita, virou nos últimos meses a un extremismo radical dereitista e fundamentalista apoiado polo Tea Party (unha organización ultraconservadora que, por exemplo, nega a teoría da evolución de Darwin) e nos días anteriores á votación volveu amosar a súa cara máis moderada para non asustar aos votantes.

Obama non potenciou o famoso «Yes, we can» de hai catro anos, que se converteu nun éxito de marketing, senón que en todo momento falou de que lle quedaba traballo por facer e pediu ese prazo de futuro para facelo. «Os mellores tempos de Estados Unidos están por chegar», clamou cando se confirmou o seu triunfo, nun intento de inxectar moral aos seus cidadáns.

IITarefas para o presidente

PECHAR GUANTÁNAMO. Un anaco minúsculo de Cuba está en mans norteamericanas: a badía de Guantánamo. Aí, George Bush, o anterior presidente de EE.UU., creou un campo de detención de presos islamistas onde se tortura a supostos terroristas. Hai catro anos Obama prometeu pechalo. Non o fixo.

n Actividades: ¿Onde está Guantánamo? ¿Quen son os islamistas? ¿Teñen dereito os presos a que non se lles torture?

PESADELO NO ORIENTE MEDIO. Siria vive unha guerra civil. A posición de Occidente -e xa que logo de EE.UU.- é de absterse de intervir, pero as cousas van a máis e xa foi agredida Turquía, un fiel aliado de EE.UU. Ademais, Irán continúa con planes secretos para ter a bomba nuclear. Israel prefería que gañase Romney.

n Actividades: ¿Onde están Oriente Medio, Siria, Turquía, Irán e Israel? ¿Por que pensas que Israel prefería que gañase Romney? Mira no xornal que novas hai da guerra en Siria.

REFORMA DOS IMPOSTOS. En Estados Unidos os ricos pagan cantidades irrisorias de impostos, que recaen sobre todo na clase media. Os demócratas queren rematar cunha situación que semella inxusta.

n Actividades:¿Para que se pagan os impostos? ¿Que é a clase media? ¿Estás de acordo ou non en que esa situación é inxusta?

PALIAR O DÉFICIT. O país, como todos, debe cartos aos mercados. Necesítase antes do 1 de xaneiro un acordo entre Congreso, Senado e Casa Branca, e iso quere dicir que hai que concretar en que partidas de gastos se recortan investimentos ou que impostos se soben.

n Actividades: Se tiveses que recortar ti, ¿en que o farías? Pensa na túa vida diaria. ¿Hai algo no que poidas aforrar?

IMPULSAR O CRECEMENTO MUNDIAL. Occidente está en crise. Estados Unidos ten moito que dicir, xa que é a maior potencia mundial, onde a investigación e a tecnoloxía son as súas puntas de lanza para o progreso. As decisións que tome Obama repercutirán en todo o mundo. Tamén en España.

n Actividades: ¿Por que as decisións de Obama van repercutir en todo o mundo? ¿Que quere dicir a expresión «puntas de lanza»? ¿E «progreso»? ¿Por que a tecnoloxía e a investigación son importantes?