Solidariedade en rede

LA VOZ DE LA ESCUELA

O acceso á educación de todos os nenos, un dos grandes obxectivos do curso

31 oct 2012 . Actualizado a las 11:49 h.

Cómpre enredarse este outono. Enredar non con xogos virtuais nin perder o rumbo no ciberespazo, senón enredarse nun mundo con menos luxos que o noso, onde a auga é un privilexio. Podes probar a conxugar este verbo apoiado nun substantivo: solidariedade. ¿Coñeces o seu valor e o seu potencial? Imaxina un colexio sen auga potable. Esas escolas existen, seguen en pé pola gana de aprender e o apoio de xente solidaria, por máis que teñan os cimentos dunha tenda de campaña. No mundo hai moitas escolas diferentes. Non todas contan con servizos, nin teñen aulas separadas por idades, nin libros de texto para os alumnos, pero si todas elas comparten un reto: educar os nenos dos que dependerá o mundo mañá.

Conseguir que a poboación máis vulnerable teña acceso á educación é un dos grandes obxectivos do curso 2012-13 do programa educativo Enrédate con Unicef. Desta volta, está centrado na relación que existe entre as escolas e a auga, unha relación que é unha canle como a dos ríos. Neste caso aumenta o seu caudal coa chuvia da solidariedade.

O lema da iniciativa na que cómpre enredarse é Gotas polo dereito á educación. E como di o anuncio que potencia o consumo responsable, Cada gota conta, non só no sentido literal, senón tamén nun más amplo que inflúe no feito de poder dispor dos recursos precisos para que todos os nenos e nenas poidan recibir educación primaria e evitar así mesmo o abandono precoz dos estudos.

Hai un dito que apunta «Non deas peixes, ensina como se pescan». Como entende Unicef, a educación é clave para romper o círculo vicioso da pobreza, a que vemos ás veces preto da casa ou agroma noutros países do globo.

¿Poderías situar Níxer nun mapa? Un de cada tres nenos non vai á escola nese país, que é un dos que presentan maiores taxas de abandono escolar e ten maior carencia de infraestruturas máis para o subministro de auga e os servizos de saneamento. A educación é un desafío nese lugar do mundo que amosa a peor cara no caso das nenas: só unha de cada dúas vai á escola primaria e apenas unha de cincuenta chega a concluír o bacharelato.

Para cambiar o mundo, igualalo en dereitos e refrescalo onde máis cómpre son precisos medios. Auga limpa, un cuarto de baño. Moitas cousas. Entre outras, solidariedade en rede.

Dispós de máis información en www.enredate.org.